Un doodle para Antero de Quental


Testemuño de que facemos parte dunha cultura e dunha nación pequena é o feito de que Google non quixese incorporar un ‘doodle‘ para o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Así nolo contaron hai uns días no portal culturagalega.org:
«A plataforma Galego.lab promoveu unha campaña para que Gooogle substituíra o seu logo nos servizos de busca por un ‘doodle’ dedicado a Valentín Paz Andrade durante o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un ‘doodle’ é unha variante gráfica do buscador de Google que incorpora referencias visuais ao concepto que se quere homenaxear. Desde Galego.lab informan de que a compañía respostoulles que na central de San Francisco só se avaliaban propostas presentadas con seis meses de antelación, e a do Día das Letras Galegas remitírase só con tres. Galego.lab matiza que desde Google España sempre se lles informou de que o prazo era de tres meses, e non seis. Á campaña adheríranse entidades coma a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o Museo do Pobo Galego, entre outras».
Porén, nótase que Portugal é un estado, xa que onte Google.pt incluía na páxina principal un logo en homenaxe ao 170 aniversario do nacemento do poeta portugués, Antero de Quental. Alegroume atopar este doodle porque a min sempre me interesou a súa poética, nomeadamente os seus Sonetos completos, que teño na miña biblioteca persoal nesa edición de bolso de Publicações Europa-América, facendo parte dunha colección da que hai moitos volumes nos andeis da casa. Era a mellor maneira de achegarse aos clásicos portugueses cando aínda era estudante de Filoloxía Galego-Portuguesa (así era a denominación daquela) e non había moito diñeiro para gastar en libros.
A nova está así contada no Diário de Notícias:
«No dia em que se assinala o 170.º aniversário do nascimento do poeta português, a homepage do Google Portugal celebra a sua carreira.
Esta é a imagem que podemos ver hoje na homepage do Google Portugal, que decidiu homenagear Antero de Quental.
O poeta e escritor nasceu a 18 de abril de 1842 em Ponta Delgada, nos Açores, e foi uma das vozes mais marcantes do movimento Geração de 70, um movimento académico do século XIX que veio revolucionar a cultura portuguesa.
Além da sua obra literária, Antero de Quental foi ainda um dos fundadores do Partido Socialista Português e em 1869 fundou o jornal A República.
A 11 de setembro de 1849, tinha na altura 49 anos, o escritor suicidou-se na sua terra natal, mas a obra que deixou tornou-se marcante para a cultura portuguesa».
E así o fai o diário Público:
«“A Poesia é a confissão sincera do pensamento mais íntimo de uma idade”. A frase está nas barbas de Antero de Quental, que nasceu há 170 anos, no dia 18 de Abril de 1842, e que por isso mesmo teve direito a um “doodle”.
Com esta ilustração, a equipa da Google dedica o dia 18 de Abril de 2012 ao escritor e poeta português que nasceu em Ponta Delgada. Antero passa a fazer parte de uma pequena lista de figuras ilustres portuguesas que já passaram pelo motor de busca mais famoso do planeta (…)».
Do meu interese por Antero de Quental está a súa citación no meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), que rematei de escribir contra 1990. Na terceira parte do libro, intitulada «De ti e das palabras», e que principia sempre cada poema co verso dun poeta moi coñecido, está un soneto que se inicia cun verso do libro Rimas (1595) de Camões, «Transforma-se o amador na cousa amada», hai unha homenaxe explícita aos poetas italianos do dolce stil nuovo, que coñecín e lin da man do Darío Xoán Cabana, mais tamén aos portugueses Antero de Quental, Sá-Carneiro e Camões.
IV
Transforma-se o amador na cousa amada
e en troques de doar ten agasallo,
eis que unha dor de amor posúe atallo
sen rubir como Romeo por escada,
sen deixar a ventá entreaberta un nada,
nin precisar recendos de ramallo
nin de roupa tecida en bo retallo,
e non mirar e ser cousa mirada.
Se fose cousa amada e non amante
deixo de ter lecturas preferidas
Dante, Petrarca ou Guido Cavalcante,
Antero de Quental ou Sá-Carneiro
ou ti propio Camões, pois non me pidas
que entenda os sentimentos do trobeiro.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Un doodle para Antero de Quental

  1. Pingback: As crebas » Poemas (XXXX): «Mea culpa», de Antero de Quental

Os comentarios están pechados.