Tyrannosaur, de Paddy Considine


Outra das películas que nos encantou na última edición de Cineuropa (aínda que non obtivo as mellores notas do público) foi Tyrannosaur, de Paddy Considine. Pois ben, este durísimo drama que reflexiona sobre amizade e sobre a decadencia dun home dipsómano foi esta fin de semana o grande vencedor dos British Independent Film Awards (BIFA), ao arrecadar o premio de mellor filme. E aínda máis, levou tamén os premios ao mellor realizador de estrea para Paddy Considine e o da mellor actriz para Olivia Colman. Curiosamente, aínda que Olivia fai un magnífico papel nós ficamos fascinados pola interpretación do inmenso actor escocés Peter Mullan (que xa nos entusiasmara en películas como My name is Joe, de Ken Loach, ou na súa propia película Neds), porén o galardón foi para Michael Fassbender, polo seu papel en Shame, un filme de Steve McQueen que aínda non chegou a Compostela. É de supór que Tyrannosaur chegará axiña ás salas comerciais, así que non vola perdades. Paga moito a pena achegarse e esta historia tan dura.

Esta entrada foi publicada en Cinema. Garda a ligazón permanente.