Trincado, un soneto de Antón Zapata García sobre a devandita embarcación

StaffanMörling
TrincadoenFerrol.FotoMiroM.Cerredelo
(Fotografía de Staffan Mörling na illa de Ons nos anos 60 e fotografía dun Trincado, da autoría de Edelmiro Martínez Cerredelo que acompaña este artigo de Fernando Dopico Blanco)
Radiofusión, a páxina web das Radios Municipais Galegas, publicou este primeiro de setembro unha nova sobre a homenaxe ao antropólogo Staffan Mörling que se vén de celebrar en Fene e onde o profesor sueco falou dunha embarcación denominada Trincado. Axiña veu á miña memoria o soneto que lle dedicou o poeta laxense Antón Zapata García e que se incluíu no seu poemario A Roseira da Soidade (1954).
A seguir reproduzo a nova de Radiofusión:
Fene homenaxea ao profesor sueco Staffan Mörling
A II Festa Mariñeira de Fene rende homenaxe esta fín de semana ao profesor sueco Staffan Mörling, membro fundador da Federación Galega pola Cultura Marítima. Morling é autor do libro As embarcacións tradicionais de Galicia publicado en 1989. Presentando este estudo estivo en Fene no ano 1996, convidado polo concello de Fene ás Xornadas «Apuntes para a historia da ría» que se celebraron no mes de febreiro na Casa da Cultura. Staffan Mörling centrara aquel día a súa intervención nos «Trincados, lanchas e botes, as embarcacións autóctonas das Rías Altas». Segundo recoñecía o investigador sueco afincado en Galicia, desde que lle falaron e lle debuxaron un trincado, a curiosidade de investigador despertouse nel.
Staffan Mörling fala do trincado con devoción, polas características que reúne esta lancha destinada á carga de mercadurías.
«…co seu casco concebido á marxe das doutrinas da construcción naval, co único mastil fortemente tumbado sobre a popa e levando a vela cadrada asimétrica, a galega “vela de relinga” no maior tamaño que xamais existiu».
«Os trincados cargaban arenques en salazón en Cariño para levalos á Coruña. Transportaban leña á cidade herculina».
«A orixe física dos trincados dos que temos noticia, era unha pequena zona que comprendía Miño, Pontedeume, Redes, Maniños e Barallobre». Staffan Morling destaca no seu traballo estes últimos portos feneses. Dí que: En Maniños foi onde Ramón Rodríguez construíu o Villa de Cedeira en 1891 e o mestre Jacobo Aguilar Rodríguez fixo en Maniños nada menos que catro trincados entre os anos 1897 e 1903. En Barallobre destaca a Jacobo Fernández como mestre da última construcción dun trincado, o «Higinio» en 1905.
Máis alá da ría de Camariñas , defende Staffan Mörling, non tiveron base os trincados, que el define como unha expresión da cultura mariñeira das Rías Altas. Morling demostra nos seus estudos que esta embarcación ten unhas propiedades veleiras que lle daban plena autonomía para cubrir rutas en mar aberto. Cunhas dimensións que rondaban os 17 metros de eslora por 5 de manga, destacaba pola estreitez do casco e pola vela que para izala precisaba dunha manobra moi especial.
O profesor Staffan Mörling reproducía nesa intervención en Fene no ano 1996, as palabras dun vello patrón de Fisterra sobre o trincado:
«O barco semella unha gaivota polas ondas. Parece que non hai vento e o barco pasa por riba, como voando».
Pola súa banda, o soneto que lle dedicou o poeta laxense Antón Zapata García e que se incluíu no seu poemario A Roseira da Soidade (1954) intitúlase Trincado. Publicouse unha versión con algunha pequena variante lingüística poucos meses antes en Mundo Gallego, Revista de Galicia en América, Bos Aires, nº 2, xaneiro de 1952, onde aparece incluído no tríptico intitulado Frisos Galegos, xunto cos poemas O Final Imorrente [gralla, por O Pinal Inmorrente] e Sachadoras. Ademais, aparece coa seguinte indicación: Do libro “A Roseira da Soidade”, a imprensarse na Cruña no primeiro trimestre corrente. Tamén se publica xunto a un debuxo, sen asinar, duns leñadores e indicando: Especial para MUNDO GALLEGO.
Tamén foi reproducido por por Fernández del Riego, Francisco (1955). Escolma de poesía galega, IV. Os contemporáneos. Vigo. Galaxia. 57. E tamén polo mesmo Fernández del Riego, Francisco (1976). Antoloxía Poesía Galega. Do dezanove aos continuadores. Vigo. Galaxia. 274. O editor moderniza o texto e engade en nota a rodapé: «Os termos náuticos teñen no poema unha espresión ricaz».
Velaquí o magnífico soneto:
TRINCADO
NACHUDO de arrufada, con papos de home gordo,
n-un largo, vai fendendo, a xeito de bigotes,
as ondas que, en salseiros, pol-o courel, abordo,
solagan imbornaes, bancadas, calabrotes…
Ben tesas as estachas nos rexos cadenotes,
o pau renxe coa vela relinga; e do balbordo
que fan os seus costados, que lembran cachalotes,
un branco ronsel deixa, escumosante, xordo…
Eisí vai avantando, n-un firme barlovento,
case ao longal turquesa da galizana ría
—da praia na procura, que agarda o cargamento—;
e cando xa se emproa, e ao vento bate a vela,
âs voces de: «¡Dar fondo!», «¡Desata drisa!», «Arría»,
¡câl de un ditrema iñorme, d’el sae unha gamela!…

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.