Tres poemas versionados ao alemán e ao serbo-croata

AlemánSerbocroata01
AlemánSerbocroata02
AlemánSerbocroata03
(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
Conmemórase hoxe, 30 de setembro, o Día Internacional da Tradución e xa se contou nesta anotación que a primeira vez que se traduciron poemas meus a varias linguas europeas foi cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, por Abecedario da desolación. Tres dos textos deste poemario recolléronse despois na lingua orixinal e acompañados de versións en italiano, portugués, castelán, francés, inglés, alemán, serbo-croata, albanés e ruso no volume Il cammino di Santiago. La giovane poesia d’Europa nel 1997 (1998), ao coidado de Filippo Bettini e Armando Gnisci, cuxa lapela sinala:
«Il cammino di Santiago: il cammino compiuto dai pellegrini, in una pluralità di lingue e di culture, verso il santuario di Santiago di Compostela. Il titolo è allegoria di questa pluralità cui si rivolge la ricognizione condotta dagli autori sulla giovane poesia europea (russa e inglese, greca e tedesca, scozzese e spagnola, francese bosniaca e albanese) con l’obbiettivo di contribuire a vivere l’Europa Unita anche nel campo della parola e dell’arte. Questo libro – atto inaugurale della prima edizione del premio internazionale di poesia Tivoli Europa Giovani – è un omaggio al vincitore, Miro Villar, mirabile poeta in gallego, qui tradotto in nove lingue perché possa esser letto da tutti i cittadini di questo nostro vecchio vitalissimo continente. Un omaggio in cui lo spazio del religioso finis terrae viene a coincidere con la laica ricerca di nuovi cammini in questo tempo d’interazione e di globalità».
Hai agora dous anos, nestoutra anotación reproducín as versións ao albanés, realizada por Blerina Suta, e ao ruso, por Alexej Boukalov.
E hoxe ofrezo os mesmos poemas nas súas versións ao alemán, realizada por Nora Moll, e ao serbo-croata, por Sinan Gudževič. E velaquí os orixinais:
Entre tanto, a tu custodia dejo mis últimos versos.
Aquí están.
Si los guardas,
si los conservas,
podremos comparar su amargura
con la sonrisa de los que escriba mañana cuando vuelva.
León FELIPE
aproveito as palabras por ti desperdiciadas
que recollo e restauro labrando cada verso,
palabras nos lagotos do olvido que vernizo
coa resina das bágoas, entre amor de rescaldos
que fumegan, que abafan e non dan extinguido.
aproveito as medidas limitadas dos versos
que recompoño adrede coa túa exactitude
de ámbitos, sensos novos retornan na beleza
do pronunciado, cerna de aciñeira traballo
e o corpo gaña a forma da evocación sonora.
aproveito as estrofas que nun aire viciado
purifico e intúo rimas e metros doces
para ter un azucre de flores semellante
aos teus ollos, reconto sílabas e agradezo
cada acento perfecto que quere un sonetista.
aproveito inclusive pausas inoportunas
onde o estro dubida na escolla do adxectivo
para amar, despoxado do apetecido aroma
colecciono un caderno de fragancias, odores
de prantas, e aproximo de xeito novo o corpo.
aproveito unha coda nunha estrofa de envío
para deixar no verso final esa esperanza
débil, ese combate co amargor máis profundo,
co verme máis nocivo. reparo o meu sorriso
namentres un fragmento de min nace diverso.
***
Um dia
sem ouvir
a tua voz
é como descobrir
que o mar
morreu.
David MOURÃO-FERREIRA
ando coa voz descalza nos días areeiros
que escorren polos dedos, reinvento no murmurio
que se escoita a liturxia de mares de saliva
que esvaran na pel, sinto como sobe a marea
do livor que conturba cada poro en silencio,
envexo o mar inmenso que desencalla os pasos
que escribín na planicie porque pode bicarte,
o mesmo mar de fóra que arreda os nosos liques
en distinto hemisferio, teño envexa do plancto
porque somos argazo que morre lentamente,
perdo salitre en ollos que se perden no inmenso
sabor dunha amargura tan grande e tan enorme
como aquel horizonte que se deita nos labios
do mar, non digo nada, non posúo palabras
para escribir relatos de náufrago no diario,
agradezo os abrazos e os beixos daquela onda
que cruza inesperada no vento de novembro
pero que sabe a pouco, que destrúe e que nada
máis que augación achega, miro de novo os peixes
escasos que unha rede de nostalxia enreda,
devolvo insatisfeito cada palabra na auga
e como o mariñeiro recoñezo na espera
unha amizade, miro de novo o mar na enchente
desta preamar, sinto como sobe a marea
do livor que conturba cada poro en silencio.
***
Amori impossibili
come
sono effetivamente impossibili le colline.
Andrea ZANZOTTO
nas bandeiras da tarde rebenta a utopía,
en ollos como puños o amor é como berro
de alcohol na ferida, desencaixados rostros
son patria desta dor e no plural das horas
exorcito a fereza da desesperación.
a imposibilidade de amar é o argumento
de todas as palabras que pronuncio, nos himnos
non invoco aos deuses nin a antigos heroes,
só teño nos meus labios o nome dunha deusa
mortal que me arrebata cada paso do tempo.
metáforas potentes encobren o sinxelo
discurso da hemorraxia mentres un sangue doce
e mesto engorda as bocas dos máis incomprendidos
poemas que nas nubes teño escrito para ela,
co lapis dos meus soños e o cuspe da amargura.
deixo atrás un vacío no caixón da memoria,
centos de documentos íntimos esparexo
no cartafol de versos e os amigos dubidan
de min pois fun sincero para os trasnos da imprenta
e hipócrita co aprezo de abrazos transparentes.
nunca quixen amigos para dicirlle amor
e dáballe as palabras aos paxaros, acaso
escoitase pardelas, rulas ou estorniños
pero ela nunca soubo que era este corazón
o culpable das aves de viaxe migratoria.
Tivoli0

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía, Premios, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.