Transfusión oceánica: os versos salgados do mariñeiro-poeta Xosé Iglesias gravados en alta mar




Xosé Iglesias é un mariñeiro-poeta que coñecín persoalmente hai pouco, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña Villar (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu, da que xa falamos aquí e acolá.
Daquela presentounos Xurxo Souto e falamos un bocado. E contoume que naceu e ten casa familiar no Campo do Sacramento na vila de Cee, aínda que a súa estirpe (por parte paterna) vén sendo natural de Fisterra. A día de hoxe (despois moitos outros oficios relacionados co mar, como o de mariñeiro no Gran Sol) reside en Arteixo, ao pé da cidade coruñesa e, tendo o seu peirao como atraque, patronea un barco de baixura co que anda ao mar alén de A Marola.
Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, na que sobrancean as tres gravacións que ofrecemos hoxe. Alén diso, reproducimos a letra dun dos seus poemas. Moito mar, moitos salseiros a correr polas veas das súas palabras.
TRANSFUSIÓN OCEÁNICA
Eu, creo que sou humano reconvertido,
e sinto, que nalgún momento
sufrín transfusión oceánica,
porque esta sangue do meu corpo
non é sangue, é sangue salgada.
Sinto tamén que sufrín metamorfose,
non é nariz a miña senón proa,
non son brazos os meus senón amuras
e as miñas costelas cadernas…
Todo min forma un esqueleto naval.
E esa barriga que se afunde no mar
estabilidade contras as ondas de costado.
Son humano, son barco, son tantas cousas…..
Eu, creo que son árbore, porque sempre me chove,
sempre me venta, sempre me dá o sol.
tamén creo que sou paxaro, porque os peixes
venme voar entre as ondas, e subo, baixo,
fago siluetas acrobáticas ou simplemente voo raso.
Así me ven, un paxaro voando no océano…
Miran cara enriba, e alí estou coa proa,
as amuras, a popa, a barriga, o eixe…
Eu son mariñeiro, e o mar móllame a alma,
salinízame e golpéame o corazón.
e eu, non podo facer máis nada,
senon ser árbore, ser barco, ser paxaro…
en serio, nada podo facer,
NADA, PORQUE MARIÑEIRO SOU.

Esta entrada foi publicada en Documental, Gravacións, Lingua, Poesía. Garda a ligazón permanente.