«The Western Isles» (Films of Britain – British Council Film Department Catalogue – 1942-43), escrita e dirixida por Terence Egan Bishop


«British Council disponibiliza online 120 curtas documentais dos anos 1940». Esta nova das páxinas culturais do diário portugués Público deume a oportunidade de gozar de cinema documental dos anos corenta. Como explican de inicio os redactores: «Ficar a conhecer o Reino Unido da década 40 do século passado é agora mais fácil, graças às mais de 120 curtas-metragens documentais que o British Council acaba de publicar online. Os filmes, que recuperam a vida política, industrial, cultural e desportiva daqueles anos, foram digitalizados e estão, desde esta quinta-feira, disponíveis para descarregar de forma gratuita».
O material cinematográfico documental está moi ben organizado polo British Councial e permite toda unha serie de buscas que me levaron a curtas realmente fermosas, coma esta marabillosa escena do Macbeth. Porén, escollín para a reproducir nesta bitácora a curta «The Western Isles», sobre as illas Hébridas de Fóra (Exteriores ou Occidentais), porque me trouxo a lembranza da miña viaxe a Escocia, aínda que daquela non puidemos chegar até este arquipélago, tan só o fixemos até as illas Orkney (Órcadas). É curioso que esta viaxe polas fascinantes Highlands escocesas non deixase ningún pouso na miña literatura, como aconteceu con outras moitas travesías. De feito, o meu poemario inédito Breizh évos un caderno de viaxes á Bretaña en agosto do 2007 co Seminario de Estudos Comarcais (Semescom).
A curtametraxe «The Western Isles» (Films of Britain – British Council Film Department Catalogue – 1942-43), escrita e dirixida por Terence Egan Bishop, é unha instantánea da vida das denominadas Outer Hebrides (Hébridas de Fóra), amosa a fabricación tradicional dos tecidos Harris Tweed durante a época da segunda guerra mundial ou o dramático regreso á casa dos náufragos. O filme recolle a coraxe e a resistencia dos illeus. Durante séculos, eses pescadores, agricultores e teceláns de Harris Tweed loitaron contra os vendavais do Atlántico. E finalmente tamén é amosado o retorno de sobreviventes dun navío torpedeado na guerra.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Documental, Historia, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.