The angel's share, de Ken Loach, Premio do Xuri no Festival de Cannes 2012



Sabido é, e xa o comentei nesta bitácora, que son devoto do cinema comprometido socialmente do británico Ken Loach. Acaba de se dar a coñecer o palmarés oficial do Festival de Cannes 2012 (non tan coñecido como o noso de curtametraxes Festival de Cans) e a súa nova película The angel’s share vén de gañar o Premio do Xuri, coa que o director volta ás historias que teñen contido social e ambientadas en Escocia.
A fita que mereceu a Palma de Ouro foi Amour doutro magnífico cineasta, Michael Haneke (quen xa a conseguira antes por unha controvertida, polémica e fermosa película intitulada A fita branca). O palmarés completo pódese coñecer na páxina oficial do festival e todos os trailers das películas a competición nas páxinas culturais do dixital portugués O Sol.
Doutra banda, no Festival de Cans (que se celebra nesta aldea do concello pontevedrés d’O Porriño) outorgáronlle o premio á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros a Mr Bear, dirixida por Andrés Rosende, porque conxuga a técnica, a interpretación e o humor, nun exercicio de ironía pura e dura.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Premios. Garda a ligazón permanente.