Texto lido no lanzamento de Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte


O pasado martes 15 de maio na compostelá Libraría Couceiro acompañamos ao amigo Xoán Carlos Domínguez Alberte no lanzamento da súa obra Soneto no alfabeto, publicada na colección “Costa Oeste” da Editorial Galaxia, tal e como testemuñan as fotografías que ilustran esta anotación.

Deseguida reproduzo a totalidade do texto lido na presentación, estruturado en dúas partes ben diferenciadas, na primeira fixen unha síntese panorámica da sonetística na literatura galega e na segunda unha cala interpretativa do libro de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Velaquí:

SONETO NO ALFABETO

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Vigo: Galaxia, 2018, 62 páxinas

Antes de debullarmos este Soneto no alfabeto de Xoán Carlos Domínguez Alberte non está de máis trazar unha breve panorámica sobre a sonetística na nosa lingua da que este poemario herda o cultivo dunha estrutura que se adoita nomear como a arquitectura lírica perfecta. Xa o poeta francés Nicolas Boileau (1636-1711), considerado o “lexislador do Parnaso”, afirmaba na súa obra L’art poétique, II, 94 (1674): «Un sonnet sans défaut vaut seul un long poème» («Un soneto sen defecto equivale a un longo poema».

Nos denominados Séculos Escuros, aos que os últimos estudos reivindican máis notoriedade, temos algúns sonetos marabillosos. De primeiras o Soneto de Monterrey, porén as últimas atribucións sinalan un poeta portugués como autor do texto, e o Soneto a Don Alonso de Ercilla, de Isabel de Castro e Andrade, condesa de Altamira, cuxa primeira datación é de 1578, reeditado en 1589 e 1597. E na obra Relación de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria (1612), o compilador Xoán Gómez Tonel recolle os sonetos Respice Finem, de Pedro Vázquez de Neira e un Soneto con falda do propio Gómez Tonel. Por parte, a mellor mostra literaria do século XVIII na nosa lingua vén sendo o Soneto A Filida (1761), do ilustrado Xosé Cornide.

Sonetos de altura hai tamén no Rexurdimento, nomeadamente na obra de Curros Enríquez, e na poesía finisecular de Florencio Vaamonde, mais sobrancea esta estrutura pechada en diversos autores da xeración das Irmandades da Fala, influenciados polas correntes poéticas europeas do momento, velaí os sonetos de Ramón Cabanillas, de Noriega Varela, de Crecente Vega e, sobre todo, de López Abente, autor do primeiro sonetario na nosa lingua, Do Outono (1924), anunciado antes co título Froles d’Outono. Sonetos, mais tamén do polígrafo Otero Pedrayo, quen publicou até nove (como exhumou o profesor Alonso Montero) na revista O soneto neolatino, subtitulada Rara colectánea de sonetos inéditos dos melhores poetas das naçoes latinas contemporáneas, editada en Vilanova de Famalicão, entre 1929 e 1933.

E xa nunca se deixaría de cultivar na nosa lingua. Son moitos os nosos sonetistas, moitos, mesmo o renovador Manuel Antonio escribiu algún soneto, mais por citarmos tan só os máis sobranceiros, velaí Señardá (1930) o sonetario de Iglesia Alvariño. Sonetos hai en moitos dos poetas da emigración e do exilio republicano: Antón Zapata García, Avelino Díaz, Xervasio Paz Lestón ou Lorenzo Varela, entre outros. E tamén os hai na obra de Cunqueiro, coa mácula de ter participado con ardor guerreiro de camisa azul na Corona de sonetos en honor de José Antonio Primo de Rivera (1939).

Xa na posguerra apareceu o opúsculo de recente edición facsimilar Ofrenda lírica á nena María Isabel Ramón Algarra no día da súa primeira comunión (1955), sonetario de homenaxe á filla de Ben-Cho-Shey, con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Fermín Bouza-Brey, Ramón Cabanillas, Carballo Calero, Augusto Casas, Díaz Jácome, Avelino Gómez Ledo, Ángel Johán, Otero Pedrayo e Victoriano Taibo. E pouco tempo despois viu lume outro fermoso sonetario, Escolanía de melros (1959) de Faustino Rey Romero.

Sonetario é o primeiro libro de Arcadio López Casanova, Sonetos da espranza presentida (1965) e moitos sonetos escribiu tamén Manuel María e algunhas das súas obras son sonetarios, como Sonetos ao Val de Quiroga (1988) ou o magnífico Sonetos á casa de Hortas (1997). Tamén é un sonetario «A torre secreta», unha das partes da obra As torres no ar de Antón Avilés Taramancos. Fixeron bos sonetos outros poetas desta promoción como Bernardino Graña, Méndez Ferrín ou Salvador García-Bodaño. E sonetarios son algunhas das obras de Darío Xoán Cabana, moi influenciado pola poética petrarquista e do dolce stil nuovo.

Sonetos a esgalla escribiron os poetas da promoción dos oitenta, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xabier Rodríguez Baixeras, Xavier Seoane, quen en Vagar de amor e sombra (2005) recompilou sonetos dos últimos anos, 20 sonetos e meio (1969-2000), de José Maria Monterroso Devesa. E tamén Ramiro Fonte, os Sonetos da lúa chea (1980) de Millán Picouto, Xosé Miranda con Sonestosfera (1996), Marica Campo nos 33 sonetos de Pedinche luz prestada (2001) ou o cento que hai en Zen invernos (1986) de Román Raña, entre moitas outras achegas. Até a autora a quen homenaxeamos nas Letras Galegas, Mª Victoria Moreno abre cun soneto e inclúe vinte e dous no libro póstumo Elexías de luz (2006), que compila toda a súa poesía en edición de Xabier Senín.

Será na década dos noventa cando a sonetística principie un certo declinio, mais aínda hai poetas que escriben sonetarios coma Alexandre Nerium, eu propio, Modesto Fraga en varias obras, entre elas a recente Adagios por outono ou o finado Isidro Novo coa edición dixital do seu Sonetario impertinente (2007). E xa nos últimos tempos semella existir un renacemento da estrofa pois volven premiarse algúns sonetarios como os Sonetos preposicionais de María Xosé Lamas, por moito que a nosa benquerida amiga do Batallón Literario da Costa da Morte, María Lado, nun dos seus recitais escénicos con Lucía Aldao, baixo o nome Aldaolado, lanzase o divertente espectáculo Onde estea un cubata que se quite un soneto.

Velaquí pois a feraz tradición na que se insire Soneto no alfabeto, que se dirixe (se é que a literatura pode dirixirse a alguén) a un tramo de idade máis concreto. Así a todo, pódese dicir que na literatura infanto-xuvenil galega tamén hai algúns precedentes, poñamos por caso o póstumo Animal sen fel (1998), de Fiz Vergara Vilariño, constituído por vinte sonetos dedicados á súa cadeliña. Ou unha pedagóxica obra de Vicente Piñeiro González intitulada Sonetos á xeometría (1998). E tamén hai sonetos en Chove nos versos (2004) ou noutros libros do premiado Antonio García Teijeiro. Sen esquecermos, para rematar e novamente sen sermos exhaustivos, o espléndido Zoonetos (2017) de Antón Cortizas, protagonizado por animais.

Xoán Carlos Domínguez Alberte introduce este Soneto no alfabeto cun décalogo de «Intencións», como aquel coñecido poema de Manuel Antonio, que pretenden dar unha explicación precisa dos motivos que o levaron á elaboración deste sonetario e da que salientarei a sexta: «Tentáronse construír creacións que fosen válidas para a mocidade galega, quen é e debe ser protagonista da xeira de transmisión e universalización da nosa lingua».

E así achegámonos a vintedúas composicións que se presentan con cadansúa letra do alfabeto galego, do A até o Z. E en cada soneto esa grafía capital e o seu correspondente fonema serven para artellar continuadas aliteracións que propician unha forte musicalidade interna nos poemas, a xeito daquel fonosimbolismo que xa cultivou Rosalía de Castro: Non che teño medo moucho / moucho, non che teño medo.

E que devén espléndido e fermoso en Uxío Novoneyra: O lobo! Os ollos o lombo do lobo! / Baixa o lobo polo ollo do bosco.

Pois velaquí un exemplo na poética de Xoán Carlos Domínguez Alberte: Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en moza ou mozo naza.

Repeticións, estruturas paralelísticas bimembres, anáforas, paranomasias… son diferentes recursos que redundan nesa musicalidade dos versos, que malia seren sonetos ás veces convidan a algo tan contemporáneo coma “rapear”.

Do punto de vista formal todos os sonetos procuran o metro máis clásico (hendecasílabo) e alternan estrofas en cuartetos ou serventesios cos tercetos, agás na nada doada composición dos textos X e Z, nos que se opta por sonetos de arte menor en octosílabos, nos que bota man das cuartetas e das redondillas. De quitado dalgún verso un pouco rengo, hai destreza e dominio da versificación.

E do punto de vista temático está a presenza xeórxica dos elementos da natureza, as aves, as herbas (que son namoradeiras case sempre), a república do mar…

Está o tempus fugit, que lembra o paraíso da infancia e os brinquedos, as fragrancias todas do mundo labrego, o pan de centeo, mais tamén o mundo dos soños, os seres míticos, as fadas…

Está o lirismo intimista, o sentimentalismo, e como non o amor, mais tamén hai lugar para a ética e os principios…

Está a reivindicación da nosa lingua “meiga”, mais tamén lingua viva en labarada / luminosa e cálida coma o sol.

Está o proceso da propia escrita (Escribo, leo e releo palabras / e estouche facendo un diario / en que ti imaxinación abras / ao chou en follas leves de dicionario), sempre desde a liberdade pois nunca pode haber ideas prohibidas…

E está a metaliteratura, coma nesa botella verde que lembra aquela «Botella ao mar» que cantou Mario Benedetti ou aquela colección de poesía que inventou o noso Arturo Cuadrado.

O contido sempre en función do continente, mais sen hermetismos, con abonda transparencia para que se poida producir ese case sempre difícil, ás veces imposible, punto de encontro entre a mocidade e a poesía. Nos versos de Xoán Carlos Domínguez Alberte hai sobradas intencións de provocar ese estado de ánimo propicio para o achado, mais como di a frase feita: Aquí todo é peixe, quen non o queira que o deixe.

Miro Villar

Xoán Carlos Domínguez Alberte asina Soneto no alfabeto para o profesor Xavier Vence

Xoán Carlos Domínguez Alberte asina Soneto no alfabeto para o académico e profesor Francisco Fernández Rei

Fotografía da mesa, da autoría do noso reporteiro amigo X. Carlos Rodríguez Pérez

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Fotografía, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Texto lido no lanzamento de Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

  1. Pingback: Recensión a Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, en Grial 218 | crebas.gal

Deixa unha resposta