A pasada semana celebrouse na acolledora vila de Carril o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima Fluvial. Na marea de actos tamén se presentou o volume Tamén navegar. Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais. Coordinación e edición de Francisco Fernández Naval. A obra está publicada na editorial Toxosoutos. Varios dos poetas antologados acudimos ao seu convite e eu dei lectura a un dos poemas que Chisco Seleccionou para o libro.
Regreso á casa
Aló vas transparente, como serea atlántica de Lugrís, nos adeuses da invernía que chega, emigras desde o frío a mares do interior na procura da cálida placenta dos afectos que alimenta a palabra orixinal do berce.
Escoitas nas ribeiras serróns e tronzadores e arrecendes outrora o po das serraduras que decoraba as saias da nena rebuldeira en mañás de madeira e de olladas de esguello.
E falas coas escuadras, co nivel, co compás, e acoden á conversa as gubias e os formóns e tamén xa se escoita íntimo o berbiquí a facerche preguntas sobre a inmensidade das mareas no corpo da gamela que soñas.