«Superposición de filtros», recensión de Antía Marante Arias a Breizh no portal culturagalega.org


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Antía Marante Arias asina unha nova recensión do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos, 2012) no suplemento Lg3 do portal culturagalega.org, que deseguida reproducimos e que tamén se pode ler en orixinal nesta ligazón.
Alén diso, podes achegarte ao libro nesta outra recensión asinada polo crítico e profesor Ramón Nicolás, publicada na súa bitácora cadernodacrítica ou na aparecida despois en criticalia, a bitácora do crítico e profesor Armando Requeixo, así como nesta lectura persoal do crítico e escritor Xesús González Gómez.
Superposición de filtros
» Título: Breizh
» Escritor/a:
Miro Villar
» Ed. Toxosoutos,
» Ano: 2013
» Xénero: Poesía
» Coleccion: Nume
» Pax: 71
» ISBN: 978-84-15400-73-8
A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes.
11 / 3 / 2013
Antía Marante Arias. A Coruña
Catro grandes viaxes emprendeu o gran poeta xaponés, e mestre do haiku, Matsuo Bashô ao longo da súa vida e un total de 156 días camiñou desde Edo, actual Tokio, ata o Monte Fuji e Kioto na primeira delas. Números e datos aparte, este pulo vital e literario do “poeta -viaxeiro” xaponés, que percorre e observa novos territorios para converter as descubertas e experiencias da viaxe en escrita, aparece en Breizh (Toxosoutos, 2013), novo poemario de Miro Villar onde o poeta ceense, tralas pegadas de Bashô –pero tamén do mestre Kobayasshi Issa ou do grande número de poetas non xaponeses que, fascinados polo haiku, nalgún momento das súas traxectorias literarias afondaron nesta literatura do detalle desde moi diferentes puntos de partida–, decide evocar(nos) a viaxe que o levou desde a Fisterra galega ata a Finistère bretoa.
A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes. Deste xeito, a escrita de Villar non só conecta territorios estremeiros senón que fai evidentes as concomitancias entre as paisaxes naturais e humanas das xeografías galegas e bretoas, –“Mans mariñeiras/escochando sardiñas/nun mar de séculos”–e reactiva a temática do diálogo literario con estas terras, tan produtivo no marco da literatura galega.
Breizh é, antes que nada, xeografía nomeada en lingua bretoa. A toponimia, presente na meirande parte dos títulos das composicións, non só ancora os haikus a coordenadas reais senón que advirte, tal e como se observa na presenza de pares de topónimos (bretón/francés), sobre a cuestión da lingua e a fenda lingüística existente.
Asemade, a Breizh do poemario antóllase territorio escindido nunha sucesión de puntos xeográficos –Larmor, Gwenwed, Saint-Goustan, Gavriniz, Petit-Mont d’ Arzon, Karnag …–, todos eles paradas necesarias nesta pelegrinaxe á esencia dos lugares que remata nas orelas do Sena en París.
A lectura dos haiku, tal e como apunta António Jacinto Pascoal no Prefácio á obra, semella unha “deambulação geográfica, com uma orientação de sul para norte (fazendo o percurso circular costeiro, como é possível determinar num mapa)”, mais, alén desta cartografía real, Breizh ofrécenos unha, outra, cartografía persoal. Trátase do mapa que vai configurando o “poeta viaxeiro” ao descobrer, ou redescobrer, lugares cos que bate nun presente pero que xa foran coñecidos previamente a través de múltiples codificacións –arqueolóxicas, históricas, literarias, artísticas, fílmicas–.
O poemario en xeral, e cada haiku que Villar ofrece, é por tanto, un novo lugar de confluencia e convivencia: o pasado ecoa no presente do lugar –“Nos labirintos /que agochan as murallas/ doces conversas” (Gwenwed)–, as etapas históricas conviven e se superpoñen–“Frechas de caza/tornan canóns de guerra/ no búnker nazi” (Petit-Mont) –, o paso do tempo muda escenarios – “Mercado da arte, Paul Gauguin enche crêpes, rara atmosfera” [Pont -Aven (2007)], as artes dialogan –as memorias de Chateuabriand, o Nautilus de Verne, os tangos melancólicos de Astor Piazzola, o París de Bertolucci.
O avance na lectura de Breizh é tamén descuberta e asimilación das liñas sobre as cales se constrúe: por unha banda é pulo e percorrido, isto é, informe de movementos en territorios irmáns, pero por outra é parada e captura. Trátase pois dun “caderno de viaxe”, tal e como suxire no seu limiar Xosé María Lema Suárez, pero non só unha bitácora ao uso, en tanto que é rexistro do esencial e suma de notas reducidas á mínima expresión que visibilizan o efémero. E por iso, fronte ao avance, Breizh exemplifica o octavo mandamento do haikai según Masuada Goga –paratexto que completa o poemario–, polo cal “O haikaísta atento capta a instantaneidade, tal apretar o botón da cámara”, ao construírse desde a melancolía do cazador do inaprensible, “A baixamar/ revela desamparo. Fugaz imaxe” [Mont-Saint-Michel (I)].
En definitiva, Breizh é observación “sen areas nos ollos” –“Un mar de xente/ con areas nos ollos. Non hai perdón” [Mont-Saint-Michel (II)]– a través de filtros superpostos: a ollada de quen percorre xeografías bretoas e as contempla coas retinas inzadas das costas das paisaxes natais galegas, das palabras lidas, dos cadros contemplados, dos fotogramas retidos. A fin dunha viaxe sempre é comezo doutra, así o percorrido poético de Villar continuará e quizais estas imaxes bretoas serán filtro antigo desde o que observar novas paisaxes.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.