Sorteo de dous exemplares asinados do relato O nariz de Fiz para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O día 2 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). A mensaxe deste ano é un poema de Pat Mora, versionado ao galego pola nosa amiga e veciña Concha Blanco (Cee, 1950) na páxina da OEPLI.
A mellor celebración é a lectura, polo que máis unha vez vou realizar outro sorteo de libros. O primeiro foi no nadal para celebrarmos que esta bitácora chegara até as 555 anotacións desde que naceu (xuño do 2011). Daquela entraron no sorteo de dous exemplares asinados do libro infantil Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), ilustrado por Ana Santiso, as respostas a unha pregunta que eu cría sinxela e que só obtivo seis acertos, como xa se contou aquí.
Como promoción da lectura na nosa lingua e contra a crise (que o é tamén do libro), nesta ocasión vou realizar un sorteo de dous exemplares asinados da miña novela infanto-xuvenil O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que recibiu o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente. A pregunta vai ser aínda máis sinxela. Velaí:
BASES
O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.
Pregunta
Para participar cómpre dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
Fiz ten un can rabelo. Que vén sendo isto?
a) un can que ten un rabo longo e con moito pelo.
b) un can que ten a rabia e pode ser rabudo.
c) un can que non ten rabo ou o ten moi pequeno.
d) un can que move moito o seu rabo.
e) un can que toca un instrumento chamado rabel.
Resposta
As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #cadelorabelo ou unha mensaxe directa dirixidos á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
Premios
Dous exemplares de O nariz de Fiz sorteados entre todas as respostas que atinen. Cada exemplar levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale.
Prazo
Desde hoxe mesmo até as 23:59 do primeiro de abril do 2013, véspera do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Boa sorte!

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa. Garda a ligazón permanente.