«Soneto mariño» (Para o poeta Alfredo Pérez Alencart)



(Portada do libro e páxina co «Soneto mariño». Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Coñecín persoalmente ao poeta peruano e profesor da Universidade de Salamanca (USAL), asentado nesa cidade, Alfredo Pérez-Alencart por volta do ano 2006 cando veu a Compostela convidado polo Pen Clube de Galicia para facer parte do I Encontro Internacional de Escritores ‘De pedra e de palabra: Europa e Iberoamérica’, que xuntou na nosa cidade a máis de 50 autores galegos, europeos e iberoamericanos.
Fixemos amizade e desde aquela Alfredo involucroume en varios proxectos. Primeiro, é o culpable de que exista “Soneto Habana blues”, un soneto que escribín por encarga súa para o volume que coordinou co epígrafe El mundo al otro lado (Ochenta fotografías para ochenta poetas), editado por Explorafoto, onde as imaxes son todas de Eduardo Margareto. A min enviáronme unha fotografía feita en Cuba, e eu escribín ese texto que se publicou en castelán e manuscrito en galego e que se pode ler aquí.
«Adán desexa morrer no paraíso de Eva» é outro soneto da miña autoría que se incluíu na antoloxía La altura del vuelo, un libro co que se homenaxeou ao poeta arxentino Hugo Mujica, coordinado tamén por Alfredo Pérez Alencart e que se ofrecía en castelán e manuscrito en galego. O volume serviu de punto de encontro dos poetas que estivemos en Salamanca para participar no “XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos” (do que xa falamos aquí e acolá), unhas xornadas organizadas pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura e cuxo coordinador foi o propio Alfredo.
Con estes antecedentes é obvio que non me podía negar a participar no volume de recente edición Arca de los afectos (Salamanca, 2013), no que se lle fai unha cálida homenaxe ao poeta e profesor da Universidade de Salamanca (USAL) Alfredo Pérez Alencart. Nesta ocasión tamén escribín outro poema ad hoc intitulado «Soneto mariño», no que me inspirou a vida da súa estirpe que lle escoitei contar un día, e que se reproduce deseguida, coma no libro tamén en versión bilingüe:
SONETO MARIÑO
(Para o poeta Alfredo Pérez Alencart)
Salseiros do Pacífico e do Atlántico
no rostro do avó Pedro de Alencar,
sempre a lembranza na ollada do mar,
sen artificio léxico-semántico,
dos embarques no cais e do seu cántico,
saudades de Lisboa a acompañar
os seus días nas terras de ultramar
de insondable futuro nigromántico.
Unha historia de décadas contigo
chega até Salamanca na equipaxe,
centos de campos fértiles de trigo
en colleita serán a nova imaxe
e intúes que terás xa sempre abrigo
no amable corazón desta paisaxe.
MIRO VILLAR
SONETO MARINO
(Para el poeta Alfredo Pérez Alencart)
Salseros del Pacífico y del Atlántico
en el rostro del abuelo Pedro de Alencar,
siempre el recuerdo en la mirada del mar,
sin artificio léxico-semántico,
de los embarques en el cais y de su cántico,
saudades de Lisboa a acompañar
sus días en las tierras de ultramar
de insondable futuro nigromántico.
Una historia de décadas contigo
llega hasta Salamanca en el equipaje,
cientos de campos fértiles de trigo
en cosecha serán la nueva imagen
e intuyes que tendrás ya siempre abrigo
en el amable corazón de este paisaje.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.