Sobre a proxección exterior da literatura galega


(Estalotes, bitácora do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Alertaba, máis unha vez, Manuel Bragado, director literario de Edicións Xerais, da necesidade cada vez máis urxente de dotármonos na literatura galega de proxección exterior coa creación dunha Oficina da Literatura Galega. Lembrouno na mesa redonda sobre «A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional» do Encontro Festlatino 2012 do Consello da Cultura Galega e tamén na súa interesante e veterana bitácora Brétemas. Velaquí apenas un fragmento:
«Experiencias exitosas como a catalá ensinan que para desenvolver unha extratexia internacional no eido literario e cultural é imprescindible contar cunha institución pública que a xestione. Así o prevía o borrador da “Lei do Libro e a lectura”, redactado pola Mesa do Libro e a Lectura, coa creación do Instituto Galego Rosalía de Castro destinado a promover a lingua e literatura galega no mundo. Magoadamente esta cuestión foi retirada da lei aprobada (por unanimidade) en decembro en 2006. Dende entón, teño proposto en varios foros con ánimo construtivo, seguindo o modelo de funcionamento do Ireland Literature Exchange (ILE), a creación inmediata dunha Oficina da Literatura Galega ou Oficina do Libro Galego no Exterior como organismo da Secretaría Xeral de Cultura, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, polo Consello da Cultura Galega e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, Galix, ATG, AIEG)».
Concordamos totalmente. E, ao fío, dun comentario a unha anotación desta nosa bitácora, que fixo a profesora Ana Garrido dende Varsovia, non estaría de máis lembramos o labor adoito esquecido, por descoñecemento as máis das veces, que se realiza nos lectorados de Lingua e Literatura Galega espallados polo mundo, nomeadamente por Europa. Vén á miña memoria a celebración daquelas magníficas xornadas de estudo sobre a obra de Antón Avilés de Taramancos nas que participei, xunto a outros especialistas, organizadas na cidade irlandesa de Cork, na súa University College, polo profesor David Mackenzie e o poeta noiés Martín Veiga, daquela lector de galego e que foi o meu compañeiro de aulas en Filoloxía.
O comentario de Ana Garrido levoume desta volta a descubrir o labor do lectorado no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia e a súa bitácora estalotes. O recoñecemento ao seu traballo faise extensivo a todas estas “pequenas” oficinas da literatura galega, que non teñen a dimensión que podería ter ese organismo demandado por Manuel Bragado, co que concordamos, mais que realizan esforzos titánicos, sen case orzamentos, para divulgar a nosa lingua e a nosa cultura. Parabéns e obrigado.

Esta entrada foi publicada en Congresos, Encontros, Estudos literarios, Lingua, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.