Sinbad, unha película de Antón Dobao


Son lector apaixonado da obra de Álvaro Cunqueiro, sexa narrativa, poética ou teatral. Por iso coñecía ben os riscos aos que me enfrontaba ao ollar no cinema a película Sinbad (que a sala publicita en castelán malia proxectarse na nosa lingua). Dirixida polo tamén escritor Antón Dobao e que o propio cartaz sinala “Baseada na novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás illas”. Malia que a película se deixa ollar, o certo é que na nosa opinión o guión do propio Antón Dobao e o argumento tamén de Dobao e de Marcos Nine non conseguen transmitir a intensidade da narración de Cunqueiro, incluso a trama que serve de marco ás historias de Sinbad pérdese na mestura (acaso imposible) entre fabulación e realidade. No reparto salienta o sempre admirable Xosé Manuel Olveira “Pico”, que interpreta o personaxe protagonista, o vello mariñeiro Aurelio que desexa que o chamen Sinbad, auténtico narrador das historias de Cunqueiro. Lembramos, con máis pracer aínda, a súa interpretación naquela versión da obra Se o vello Sinbad volvese ás illas que dirixiu Fabio Mangolini, con dramaturxia propia e do xenial Quico Cadaval para o Centro Dramático Galego, un espectáculo que nos sorprendera de maneira moi grata. Na película o reparto complétase con Sara Casasnovas, Mariña Sampedro e Luís Castro Zahera. Xuntos a eles varios secundarios de luxo, tamén rostros coñecidos do noso teatro como Mela Casal, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán ‘Morris’, Mariana Carballal, Camila Bossa, María Tasende ou Miquel Ínsua. E hai tamén dous aspectos salientables, todo o traballo de animación que realizou David Rubín e a música de Segundo Grandío, do estudo de gravación Casa de Tolos. Coñecendo a Antón Dobao, seguidor confeso de Lou Reed, tampouco nos sorprende que o peche da banda sonora sexa a interpretación que Rosa Cedrón fai de Oh! Sweet nuthin, unha orixinal versión do tema que Lou Reed compuxo para The Velvet Underground. E o que menos nos aprace son as escenas rodadas na taberna mariñeira, que lembran a teleseries da propia TVG. En calquera caso, cinema galego, con rodaxe na nosa lingua e con capital de noso, coas subvencións da AGADIC e da CRTVG. Supoñemos que a súa vida nas carteleiras vai ser breve (ide axiña se a queredes ollar) aínda que a Televisión de Galicia seica a vai programar dentro desa serie chamada “Un mundo de historias” coa que Dobao intenta levar á pantalla títulos fundamentais da nosa literatura. Desta volta para celebrarmos o centenario de Álvaro Cunqueiro pódese ollar esta película e, como non, regresar de novo ás paxinas do autor mindoniense, que sempre nos pareceron magníficas, por moito que don Álvaro gustase das camisas azuis falanxistas, algo que xornadas e congresos sobre a súa figura teiman en esquecer ou minimizar. Un enorme escritor que tamén ten sombras.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Lendas e mitos, Lingua, Música, Narrativa. Garda a ligazón permanente.