«Sete anotacións para unha lectura (persoal) da poesía galega de 2018»


(Premer sobre a imaxe para acceder á lectura)

Onte celebramos un Día das Letras, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, moito máis virtual ca nunca e foron ducias ou centos as actividades que se puxeron en andamento a través da rede. Entre elas estivo o lanzamento do novo sitio web [chandapolvora.gal] de Chan da Pólvora Editora. Da súa carta de presentación tiramos estes catro parágrafos:

«A nova web servirá de completo expositor do proxecto da editoa, cun blogue onde se reflectirán as novas vinculadas ao selo ou os procesos editoriais dos libros que se publiquen. Ademais dunha tenda online na cabeceira do menú, despréganse en varios hovers as características dos selos paralelos Biblioteca de Mesopotamia, [específico para a Ribeira Sacra e promovido por varias administracións da rexión silomiñota] e Batiscafo, unha iniciativa destinada a potenciar a tradución dos poetas que escriben en galego.

Ideados expresamente para a web son os espazos Chanzo e LIPo [Laboratorio de Indagacións Poéticas], este último xurdido a finais dos anos noventa e agora recuperado como unha das marcas de identidade de Chan da Pólvora.

Chanzo está dedicado ás publicacións online, onde cada visitante poderá descargar en PDF as obras coas que vaiamos engrosando o andel dixital da editora. Para a apertura, estará á disposición da comunidade dixital unha antoloxía da poesía galega do ano 2018, que realizou María Xesús Nogueira. Nela, poderedes atopar o mellor dos poemas publicados nese ano, con nomes como Luz Pozo Garza, Xabier Cordal, Cesáreo Sánchez
Iglesias, Andrea Nunes, María do Cebreiro ou Xabier Xil Xardón, entre outros. De igual maneira, introdúcese un artigo onde Miro Villar fai balanzo da produción poética editorial nese ano. En días sucesivos, irán aparecendo outros artigos sobre ese mesmo período. Mario Regueira é o encargado de realizar a antoloxía correspondente ao ano 2019.

LIPo é o acrónimo do Laboratorio de Indagacións Poéticas, recuperado para ser un ámbito dedicado á poesía audiovisual. Ana Romaní e Chus Silva serán os encargados de facer pezas sonoras específicas para unha sección que Chan da Pólvora pretende converter en lanzadeira de audiolibros. As primeiras entradas de LIPo é un videobooks de Samuel Solleiro, autor de O mundo dos vivos, publicado por Chan da Pólvora. Canda el, aparecerá un poema sonoro de Paula Luís, a inquietante autora de Dendrita, o libro coa que a editorial inicia a temporada actual, ademais de oito breves pezas sonoras de Romaní e Silva.»

O noso ISSUU reproduce o PDF coa panorámica da miña autoría intitulada «Sete anotacións para unha lectura (persoal) da poesía galega de 2018» e que tamén se pode ler ou descargar nesta ligazón.

Saúde para este novo proxecto de Chan da Pólvora Editora que rompeu augas no mesmo mes que se despedía a libraría Chan da Pólvora, nos últimos tempos ao goberno do poeta Quico Valeiras, un espazo que botaremos en falta sen ningunha dúbida. Saúde e Poesía!

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta