Sen esquecermos as bibliotecas no caloroso verán



A chegada do solsticio de verán vai acompañada da moi necesaria e obrigada paréntese no labor profesoral educativo. Nos últimos días sempre lle recomendo ao meu alumnado continuar na lectura por pracer visitando bibliotecas. A dispersión rural do concello de Trazo non axuda, alén de que só teñen unha pequena biblioteca municipal. Porén, na cidade compostelá hai magníficas instalacións, malia que esta semana bota o peche definitivo a que dependía da Obra Social Cajamadrid (hoxe a maldafada Bankia). Entre elas sobrancea a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que xa coñecen porque neste curso fixemos unha visita guiada.
Ben eu quixera que puidesen coñecer The Picture Book Museum, tamén coñecido como The Picture Book Library, que está situado en Iwaki City, na prefectura xaponesa de Fukushima (tristemente célebre polo accidente acontecido na central nuclear Fukushima I o 11 de marzo de 2011).
Seica o afamado arquitecto xaponés Tadao Ando proxectou esta biblioteca privada sobre todo para atender a tres escolas infantís locais. Porén, desde a apertura das súas portas en 2005, as e os visitantes acoden a esta biblioteca nos días de libre acceso para contemplar o magnífico proxecto de Ando e tamén para gozaren da súa espléndida colección internacional de libros ilustrados para crianzas.

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Contos. Garda a ligazón permanente.