Salvador García-Bodaño, a nosa «Voz de liberdade» (2013)


Salvador García-Bodaño, ao que parabenizamos, é o autor galardoado na sexta edición do premio «Voz de liberdade» (2013) que outorga de maneira bienal o Centro PEN de Galicia, que preside o poeta Luís González Tosar. Hónrame facer parte do xurado que llo outorgou na tarde do pasado xoves na sé da entidade no último andar da Casa da Parra, cabo de Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, sendo o presidente Luís G. Tosar e o secretario Xabier Castro Martínez.
Trátase da sexta edición e en anteriores convocatorias «Voz de liberdade» premiou os seguintes autores/as:
I Edición (2003): Bernardino Graña.
II Edición (2005): Úrsula Heinze.
III Edición (2007): Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo.
IV Edición (2009): Marcos Valcárcel.
V Edición (2011): María Xosé Queizán.
A nova foi recollida por Fran P. Lorenzo en El Correo Gallego e por Camilo Franco en La Voz de Galicia, do que reproduzo deseguida o texto, que inclúe as primeiras palabras do galardoado.
O premio Voz da Liberdade do Centro Pen Galicia recoñece as traxectorias de escritores galegos que destacan pola súa defensa da liberdade de expresión. O premio recoñeceu nesta ocasión a obra xornalística do poeta e académico Salvador García Bodaño, quen asegurou onte ao coñecer o premio que lle causaba especial satisfacción xusto por «recoñecer un traballo meu nos medios de comunicación que non sempre é tido en conta».
Este premio ten carácter bianual e, nesta ocasión, contou no seu xurado con Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, sendo o presidente Luís González Tosar e o secretario Xabier Castro Martínez. O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, salientou o «compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».
Bodaño sinalou que a crítica e «a liberdade de expresión contribúen a mellorar a sociedade». «Agora non se pode «falar daquela censura do franquismo, pero sei que algunhas empresas xornalísticas establecen determinadas limitacións», apuntou o premiado. Para o escritor «co silencio mortal non se vai a ningunha parte» argumentando que a liberdade de expresión é a demostración «do espírito do noso tempo».

Esta entrada foi publicada en Premios. Garda a ligazón permanente.