Roteiros literarios: Sobre os Poetry Tours (Washington, DC, New York e Chicago)




A chegada do verán significa para min recuperar con máis intensidade as camiñadas e os roteiros. Hainos ben fermosos tanto no noso País como fóra e non moi lonxe, e dalgún deles xa temos falado aquí e acolá, sen esquecermos o vedraio Blommsday irlandés que lembra o Ulysses de James Joyce.
Porén, sinto envexa dos roteiros literarios urbanos argallados pola norteamericana The Poetry Foundation, denominados «Poetry Tours» (Explore a city’s history through its dynamic poetry, online or on foot!). Esta idea de percorrer a pé ou on line, como tiven que facer, as cidades de Washington, DC, New York e Chicago) é magnífica.
Entre nós poucas iniciativas hai deste xorne, e case ningunha urbana, de quitado do roteiro que se adoita organizar en Ourense para lembrar o percorrido dos personaxes da novela A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor. E entre as poéticas están este roteiro organizado pola A. C. Ergueitos de Sarria por terras de Lóuzara para homenaxear ao Fiz Vergara Vilariño ou, de maneira máis modesta, esta camiñada que argallou a Fundación López Abente sobre o poeta muxián, xermolo doutros roteiros que xa está a preparar Xan Fernández Carrera (autor de numerosas guías, entre elas Un mar de sensacións, coa poeta Rosalía Fernández Rial).
Algunha delas xa posúe a posibilidade de facer un percorrido virtual.  E algo así deu feito Manuel Gago cando o poeta Modesto Fraga e mais eu coordinamos o volume De Pondal ao Batallón literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte.
No que atinxe aos tres Poetry Tours deseñados velaquí o seu deseño (premer na súa denominación para unha ligazón directa)
Washington, DC
O Washington, DC, Poetry Tour revela a capital dos USA através dos ollos dos seus grandes poetas, incluíndo Archibald MacLeish, Laurence Paul Dunbar ou Elizabeth Bishop. Este longo paseo inclúe poemas escritos en ou sobre a DC, así como fotografías do poeta Thomas Sayers Ellis.
New York
Passing Stranger—The East Village Poetry Walk— é unha crónica sonora de poetas e poesía asociada barrio neoiorquino de East Village. Narrada polo cineasta Jim Jarmusch, contén un sitio web-especifico, entrevistas con poetas, gravacións de arquivo e música de John Zorn.
Chicago
A partir da biblioteca do bairro de Gwendolyn Brooks deica os estaleiros da Union Stock Yards onde Chicago se tornou “Butcher Hog for the World“, de Carl Sandburg e até o berce da poesía Slam (os clélebres torneos de poetas) o Chicago Poetry Tour explora a historia da cidade através dos seus poetas e a súa poesía.

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.