Ricardo Carballo Calero, Carlos Casares, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales no Día das Letras Galegas 2017

CarvalhoCalero
(Diario de Ferrol, 23 de marzo do 2008)
A sesión ordinaria do Pleno da Real Academia Galega (RAG) de mañá sábado decidirá o nome da persoa a quen se vai homenaxear no Día das Letras Galegas 2017, despois da atinada decisión do pasado ano que a min fíxome ficar ben satisfeito por recoñeceren académicos e académicas a caudalosa obra de Manuel María (1929-2004), a quen tratei moito e que me honrou, como xa se contou nesta anotación, presentando en 1995 a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente.
Desta volta son catro os candidatos (todos homes, por certo, o que xa levantou poeira de críticas nas redes sociais, nomeadamente mais non só desde ámbitos feministas), Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).
E eu estaríavos ben feliz coa vella e sempiterna reivindicación do profesor Ricardo Carvalho Calero, xa que fixen pública a miña opción sobre a súa obra no texto (ollar imaxe superior) publicado no suplemento cultural Nordesía do Diario de Ferrol o 23 de marzo do 2008. Manteño aínda a mesma opinión e os mesmos argumentos que se poden ler nesa páxina. Non tiven trato persoal co vello profesor, mais nunca esquecerei unha conferencia súa sobre a obra de Rosalía de Castro proferida no Concello de Corcubión en 1985. Daquela eu tiña vinte anos e xa tiña inquedanzas literarias, lembro a cadencia da súa voz coma se fose hoxe e aquela tarde saín fascinado coa súa sabedoría e coa súa elocución. Un verdadeiro pracer. Moitos anos despois reivindiquei a súa obra poética no artigo intitulado «Poesía Galega de Ricardo Carvalho Calero», Ferrol Análisis 16, 2001. [ISSN 1576-4540]. 107-174.
Tampouco me había desagradar o nome de Plácido Castro polos seus vencellos con Corcubión e coa Costa da Morte, porén é de recoñecer que a súa obra había dar ben pouco xogo no ensino.
Ora ben, a nominación de Carvalho Calero sería unha auténtica sorpresa, pois a correlación de ideas de pensamento que se dá no seo da Academia fai que case todos os boletos os teña Carlos Casares. Tempo ao tempo.
Velaquí a nota feita pública pola RAG:
A RAG elixe este sábado o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017
O Pleno da Real Academia Galega elixirá este sábado, 9 de xullo, reunido en xuntanza ordinaria, a personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2017. As candidaturas presentadas, de conformidade co Regulamento de Réxime Interno da institución, son as seguintes: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Nigrán, 2002), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-1896).
Segundo se recolle no Regulamento de Réxime Interno, na primeira xuntanza despois do Día das Letras Galegas o Plenario da RAG deberá escoller a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no vindeiro ano. Así mesmo, saliéntase que esta debe ser “autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. En calquera caso, deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día.
Os académicos e académicas de número reuniranse este 9 de xullo pola mañá na propia sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Xesús Alonso Montero, comunique a que autor se dedicará o Día das Letras Galegas de 2017.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.