Requiem polas Fragas do Eume


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
Veño da concentración na compostelá Praza do Obradoiro que convocaban as organizacións ecoloxistas, entre elas ADEGA, e que xuntou varios centos de persoas mobilizadas pola devastador incendio das Fragas do Eume, aló estivemos para protestarmos contra a incompetencia e as retelladas na prevención contra os lumes por parte da Xunta de Galicia e para esixirmos unha investigación exaustiva das causas do incendio e responsabilidades penais e políticas. Concentracións semellantes veñen de se realizar por toda a Nación, con especial relevo en Pontedeume.
Ilustro esta anotación cun fermoso video editado por Atlantis-Multimedia, do que traduzo para a nosa lingua o texto que o acompaña na canle youtube.
«Concienciármonos para concienciar.
En Atlantis-Multimedia gravamos estas imaxes nas “Fragas do Eume” no verán do ano 2004.
Sabíamos daquela que máis ca un documental estábamos a facer un documento.
Un documento que nos lembra o que eran as Fragas.
Un documento que nos chama a ser cidadáns activos na posta en valor dos nosos recursos forestais.
Un documento que nos fai preguntármonos, e eu que podo facer?»

E, finalmente, tamén o fermoso poema “A poesía faise nas fragas” do libro Eume (Galaxia, 2007), de César Antonio Molina, que ilustra con palabras moito do que xa perdemos se callar para sempre ou alomenos durante varias xeracións.
A POESÍA FAISE NAS FRAGAS
Zunido húmido do vento.
Rozamento da chuvia sobre as follas dos carballos.
Murmurio dun regato.
Arrolo dunha lontra en cío.
Berro dun lagarteiro.
Mansedume dunha vaca marela pacendo.
Feixes de luz perforando a follaxe.
Goteo do callo nos sacos de xute.
Xabarís forzando tesouros..
Silencio nos calvarios.
A poesía faise nas fragas.

Esta entrada foi publicada en Documental, Historia, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.