Recupero neste repositorio a gravación do recital «Entender para vivir», unha homenaxe a Luísa Villalta no ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2024 e que tivo lugar o mércores, 18 de setembro do pasado ano no Consello da Cultura Galega. Eu propio realizo unha lectura a partir do minuto 50:50. Da canle de youtube do CCG velaquí tamén o texto de presentación do evento:
Con motivo deste recoñecemento, o Consello da Cultura Galega editou o pasado mes de maio un volume titulado Luísa Villalta: Entender para vivir. O libro, coordinado por Dolores Vilavedra, naceu como un espazo para o diálogo entre Luísa e un monlliño selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos —tan diversos como efectivos— coa autora e a súa obra. É precisamente unha ducia destas amizades quen participa no recital para poñer voz e conversar coas letras dunha autora única que teceu lazos intelectuais e de afecto con artistas de todas as xeracións. Un diálogo polifónico que combina xornalismo, narrativa, ensaio, teatro ou poesía para nos achegar á obra dunha escritora poliédrica tanto nos temas como nos formatos e nas disciplinas artísticas abordadas.
Participan no recital: Xosé María Álvarez Cáccamo; Estíbaliz Espinosa; Eduardo Estévez; Francisco Fernández Naval; Míriam Ferradáns; Chus Pato; Henrique Rabuñal; Román Raña; Xurxo Souto; Marga do Val e Miro Villar, por orde alfabética.
Porque, como escribiu Luísa Villalta en Ruído (1995):
ENTENDER ou viver?
Eis a cuestión.
Entender, iso é o intelixíbel:
A vida non é máis que un substantivo.
Como a hora, o dia, a man e a calavera.
Pero hai algo mais, irredutíbel,
un troupeleo de masas que se axitan.
Ben pode ser o meu sangue polas veas
multiplicando-se por algo que se escapa…
O substantivo vai-se en verbo.
Desde a orixe do mundo até nós mesmos,
unicamente un transcorrer inatinxíbel
e, ao final, a escuridade indefinida.
Só nos queda loitar contra o cansazo
porque dormir non é soñar…
talvez morrer,
ese é o inconveniente.
A imaxe, titulada Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada foi creada pola amiga Ana Pillado Vega para o volume de homenaxe. Técnica: acrílico e bordado á man sobre unha tea antiga gardada pola súa nai Manuela. Dimensións: 48 x 42 cm