O profesor e crítico literario Ramón Nicolás publicou na súa bitacora Caderno da crítica unha nova recensión da obra intitulada Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021), unha análise divulgativa que elaborei para a colección LibroX, destinada nomeadamente para o alumnado se secundaria e bacharelato, aínda que non só pois a súa lectura pode servir de aproximación para calquera lector ou lectora con interese na biografía e na obra do poeta valdeorrés a quen este ano está dedicada a conmemoración das Letras Galegas.
A recensión de Ramón Nicolás, que reproduzo deseguida, tamén se pode ler nesta ligazón.
Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar (serie FDG IV)
Ramón Nicolás. 16 Febreiro 2022
Miro Villar
Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano
Xerais, Vigo, 80 páxinas, 9,95 €, 2022
Entendo como unha garantía que un investigador solvente e rigoroso como é o profesor Miro Villar se responsabilice dunha das primeiras achegas que chegaron este ano 2022 para desvelarnos as claves biográficas e literarias do autor ao que se consagra o Día das Letras 2022.
Villar, que actualiza traballos previos que no seu dia realizara arredor da figura de Delgado Gurriarán, adopta unha perspectiva de carácter divulgativo ao abordar as claves tanto da súa biografía como, sobre todo, da súa produción poética, inserida no ámbito, aínda que non só, das voces que realizaron un traballo creativo na emigración e no exilio, aspecto que vén sendo un lugar común dentro das investigacións que o ocuparon, e con resultados brillantes, desde hai ben de anos.
Neste caso concreto, o autor sistematiza un achegamento, sintético e efectivo, ao perfil estritamente biográfico de Delgado Gurriarán que completa cunha visión analítica sobre a xeración á que pertenceu, alén dun achegamento ás súas (auto)poéticas e unha aproximación detallada ao que denomina “macrotexto poético en galego” do autor, deténdose nos seus primeiros poemas e mais na análise dos seus catro libros poéticos –Bebedeira, Galicia infinda, Cantarenas e O soño do guieiro– para concluír cunhas importantes reflexións sobre o que denomina “o compromiso coa nosa lingua” de Delgado Gurriarán e unha necesaria bibliografía esencial.
Beizón ao autor por esta achega que, sen dúbida, resulta de enorme utilidade para aproximarnos con garantías ao perfil biográfico e mais á produción creativa do protagonista do Días das Letras 2022.