Recensión da estrea poética do narrador Bieito Iglesias, A última música das cousas, en Grial 202

Grial202
No último número, 202 (abril, maio, xuño do 2014) de Grial, Revista Galega de Cultura, que xa anda polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino unha recensión sobre a estrea poética do narrador Bieito Iglesias, intitulada A última música das cousas (Centro PEN Galicia, 2014). Velaquí o texto:
Estrea poética de altura
A última música das cousas
Bieito Iglesias
Santiago de Compostela: Centro PEN Galicia, 2014, 70 páxinas
O Centro PEN Galicia abre unha nova colección «Currupa Literaria» que na lapela da súa primeira entrega xa se anuncia como «un sendeiro compartido, un paso libre de ida e volta por onde transitan historias en verso e prosa, contadas e escritas coas mellores palabras». E a entidade que preside o poeta Luís González Tosar escolleu para a súa presentación unha obra singular asinada por Bieito Iglesias, un membro do seu equipo directivo admirado pola súa excelente prosa (narrativa e de artigos ou crónicas xornalísticas) de quen pouco se coñecía o seu oficio poético que agora se revela neste volume intitulado A última música das cousas, en coidada maquetación de Xabier Castro Martínez nunha caixa de páxina pouco habitual e ben agradecida para a lectura.
Afeitos ás brincadeiras da retranca na súa obra, talvez sexa outra que o volume se conforme con 33 poemas, número de moitas interpretacións cabalísticas e moi venerado pola masonaría. A ironía tamén paira sobre os versos, ás veces abondo explícita, e arrequenta as temáticas das viaxes literarias, da memoria (nomeadamente da infancia e da mocidade) e, de facermos unha lectura confesional, a voz poética íspese no sentimento amoroso. Unha retranca que acada o seu cumio nas fotografías ciscadas polo texto, nas que as notas a rodapé provocan o sorriso ou case a gargallada, así nunha delas que o retrata na súa infancia de poliomelite sinala «Un poeta de catro anos fai xixí contra un chevrolet de magneto e manivela» e noutra tirada en Moscú ri da súa propia imaxe de muletas «Galeote remando na Praza Vermella».
Humor de altura, ironía que mesmo achamos nos temas máis trascendentes, quer se fala do sentimento amoroso, así en «Verbum caro» o derradeiro verso Corazón, o amor é isto: / casar o apetito do león e da xaula; quer se os poemas recúan á infancia ou á mocidade, así en «Fumamos a península» que remata Habia piroliñas como carrachas saciadas, ou quer na descrición de Moscova olla aos transeúntes desde as alturas Gagarin ou acédase un sorriso na boca ofendida / que Frankestein coserá á momia de Lenin.
A pulsión meorialística enche todo o libro, porén a infancia de Coles e a mocidade da Chabasqueira ourensá cobran protagonismo hexemónico en «A hora do morcego», «Memoria / ganzallos» (Eu estaba alí, nas meninas cordiais de meu pai…), «Romance histórico», no que compara a aldea co senado romano, «A noite dantes», «Fumamos a península» ou «Partículas invariables» onde lembra os tempos do boxeador Cassius Clay e dos autos Hispano Suíza (que tamén poetizou Vicente Araguas). E tampouco é alleo ás alusións ao franquismo, velaí «Heroi ecuestre», inspirado nunha páxina da Enciclopedia Álvarez.
No libro sobrancea o culturalismo, moi próximo de varios poetas da chamada Xeración dos Oitenta, con continuas referencias, nunca traídas ao chou, á arte, á música, á metaliteratura ou ás viaxes, nunca olladas con cámara de turista senón con reflexión crítica («Anónimo veneciano», «Metempsicose» na Habana, «París, mon amour», «Moscovo lilas serodias», «O reino da sorte», que decorre en Tracia, ou «Metáfora e éxtase», en Flandrés, mais tamén Istambul e outros territorios e outras xentes). Unha maneira de poetizar que non se afasta do seu propio xeito de narrar, poñamos por caso nos relatos de Amor e música lixeira (2002). Velaí máis unha vez a súa querencia por Aznavour, Brel, os Beatles, Sandie Shaw e tamén o mambo de Pérez Prado, os pasodobres e outras músicas de baile que fan parte da memoria colectiva.
Outros poemas farían as delicias de calquera historiador da arte, da que Bieito Iglesias por formación é bo coñecedor, por exemplo as virxes de Bellini en «Anónimo veneciano» ou o renacemento no significativo «Ekphrasis (La Tempesta)», mais tamén a arte galega de Fernández Mazas, a compartiren espazo lírico coas artes decorativas burguesas, as lúas de Maxim’s, os ourives de Vèndome ou os cinseiros de Campari. E non escasea outra grande paixón do autor, o cinema, personificado en actrices como Alida Valli ou Marilyn, da que conta episodios inauditos acontecidos na rodaxe do filme Río sen retorno.
Na metaliteratura é de salientar o diálogo cos clásicos Montaigne, Maupassant, Schlegel, Verne, Puxquin, Tolstoi, Jabès, Rimbaud, Joyce, Ezra Pound, Pavese, Edmund Wilson, entre outros, aínda que Chesterton e Emiliy Dickinson son convocados en varias ocasións (no poema «Volátiles de Emily» arremete contra os malos tradutores da súa poesía) e que acadan o seu cumio intertextual en «Paráfrase», que rende preitesía a Nabokov. Tampouco faltan autores contemporáneos como Amin Maalouf ou mitos como Casanova ou a «Aperta de Brunilda», un dos escasos poemas que Bieito Iglesias publicara con anterioridade. Porén, o máis chamativo son os xogos intertextuais de «A noite dantes» co célebre poema de Foulas de Manuel Antonio que principia Eu son / I am / Ego sum / Je suis e de «Aberración da luz» onde parafrasea os versos do rianxeiro o meu nome acenderá unha estrla nova / en cada constelación.
Do punto de vista formal, o autor manexa varios paos, desde o poema en prosa inicial «Anónimo veneciano» (que semella procurar un diálogo co relato da súa autoría «Un baile de máscaras») até as estruturas paralelísticas e repeticións de poemas como «A hora do morcego» ou «Xaneira», ou as tentativas de versículo coas que glosa a vida e a morte na Amazonia de Xoán de Nóvoa, navegante de liñaxe ourensá ao servizo da coroa de Portugal.
Como se di na lapela, Bieito Iglesias «nunca ata agora practicou o intrusismo poético» e ao dobrar a derradeira páxina calquera podería preguntar a razón de non o transitar con anterioridade, pois oficio poético haino e de altura, malia a narratividade dos versos. Velaquí unha gozosa descuberta.
Miro Villar
A_última_música_das_cousas_Bieito_Iglesias

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.