Recensión ao libro de poemas Momentum (Circungrafía) (1997), de Arturo Casas


Os nosos parabéns ao portal poesiagalega.org que onte fixo o seu primeiro ano de actividade pública como repositorio poético na rede, parabéns que se estenden ao director do proxecto, o poeta e profesor Arturo Casas, e tamén ao seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética), que traballou arreo para nos ofrecer o que xa é o corpus máis importante da nosa análise literaria verbo da creación poética. Na breve e modesta anotación sobre o seu inconmesurable labor que daban a coñecer os redactores da páxina dísenos: «Neste tempo elaboráronse un total de 1.645 fichas no xestor da base de datos, sumados arquivos de texto, son, vídeos e información (axenda e mais noticias). A cifra corresponde ao último cómputo que realizamos, con data 13 de xaneiro de 2012, e a distribución por sectores é a seguinte: contamos con 702 rexistros correspondentes a artigos, capítulos de libros, recensións e textos deste tipo; son 40 os libros ou revistas dixitalizados; 79 os vídeos dispostos ou ligados; 49 os arquivos de son ofrecidos; 283 as imaxes catalogadas e subidas ao repositorio; 97 as novas desenvolvidas; 395 os eventos dos que se informou nos últimos doce meses na axenda de poesiagalega.org. Case todas estas fichas están xa abertas, quedando pendentes de completar menos do 2% dos rexistros».
E precisamente tamén onte incorporaban ao seu arquivo outra recensión da miña produción crítica e que podemos ler nesta ligazón de poesiagalega.org. Desta volta o meu traballo leva este encabezamento «Arturo Casas. Momentum (Circungrafía)» e publicouse tamén no Anuario de Estudios Literarios Galegos: 1997 (Vigo: 1998, pp. 282-285) que editaba Galaxia. No repositorio poesiagalega.org redactaron esta entrada:
«Logo de avisar que a obra reseñada se anuncia como peche dun ciclo creativo, Miro Villar pasa a discutir as propostas de ubicación cronolóxica de Arturo Casas e defende a súa consideración como poeta dos 90. A seguir, e logo de recoñecer a complexidade da poesía de Casas, Villar valora Momentum como un punto de inflexión na súa traxectoria, no senso de que abre unha certa complicidade cos lectores. Para argumentar a súa proposta interpretativa, Villar comenta polo miúdo os aspectos estructurais (mesmo paratextuais), enunciativos, temáticos e estilísticos do poemario, para rematar cunha encarecida louvanza do conxunto e a formulación do desexo de que Momentum non sexa o derradeiro poemario que poidamos ler do seu autor».
E deseguida reproduzo novamente o meu texto completo:

Arturo Casas. Momentum (Circungrafía)

Santiago de Compostela: Sotelo Blanco

Miro Villar

Este Momentum (Circungrafía) é a última, e acaso derradeira, proposta poética que nos fai chegar Arturo Casas. E dicimos que esta puidera ser a derradeira porque no pórtico do libro figura un parágrafo explicativo que se inicia coa advertencia: “O autor cre saber que Momentum clausura un ciclo, talvez tamén un xeito de concibir a lírica e o propio exercicio persoal da escrita”. Atrás quedan Sombra de unidade (Colección Esquío, 1990) e Pedra de Nadir (Espiral Maior, 1995), que pechan ¿definitivamente? unha traxectoria lírica que nós, desde a distancia, dexergamos “incómoda” para a recepción, quer da crítica, quer dos lectores, e para o poeta. De quitado desta, que a nós non nos corresponde desvelar e que se pode intuír nas súas propias palabras, anteriormente citadas, tentaremos iluminar algo con respecto ás primeiras.

A “incomodidade” para a crítica reside nas vacilacións á hora de inserir a escrita de Arturo Casas na poesía do momento, outorgándolle de facto a etiqueta de “inclasificable”. Así, por unha parte, Arcadio López-Casanova no limiar escrito para o seu primeiro libro sinala varios indicios de valor segundo os que Casas sería un ecoico —brillante, pero ecoico á fin e ó cabo— “poeta dos oitenta”. En cambio, Helena González nunha recensión ó seu segundo libro, publicada en Grial 128, reivindica a súa pertenza ó grupo de “poetas dos noventa”, malia ter pouco que ver coas tendencias dominantes na década e camiñar nunha dirección moi persoal, tan só compartida por Gonzalo Navaza, que se caracterizaría por unha reflexión máis irónica fronte ó culturalismo entronizado na década anterior.

Tampouco quen isto asina puido fuxir a unha certa dúbida á hora de enxuizarmos a poesía de Casas e no artigo “Poetas dos noventa, unha aproximación” (O Correo Galego, 21-III-1996) botamos man dunha desafortunada e confusa “xeración ponte” para situarmos a súa lírica nun terreo fronteirizo, e mesmo neutral, na dialéctica oitenta/noventa. Curiosamente, o propio Casas, daquela en labores de perspicaz e suxestivo estudioso da nosa literatura, publicaba no anterior Anuario un magnífico traballo sobre a poesía de Chus Pato no que botaba terra (con moita razón) sobre aquel termo e sinalaba as claves para unha correcta perspectiva periodolóxica.

Desde a autocrítica (tantas veces necesaria) facemos nosas esas observacións que tamén serven para encaixar a súa obra. Así pois, na nosa opinión, a poética de Casas debe ocupar un lugar de honra na “poesía dos noventa”, ademais dun espacio singular entre a pluralidade que caracteriza esta década, xa que non concordamos con Helena González á hora de falar de dominios. A crítica actual non debe caer nos mesmos erros que a dos oitenta, cando se consagraron determinadas direccións en prexuízo doutras propostas que foron marxinalizadas.

A “incomodidade” para os lectores viría dada porque a poesía de Casas presenta desde Sombra de unidade unha elaboración complexa, coa creación dun universo simbólico que reclama unha lectura demorada, mesmo reiterada, sen a penas concesións. As súas continuas referencias alegóricas, os seus xogos coa cara máis oculta das palabras, da mesma maneira que poden desorientar a un lector pouco iniciado, chegan a satisfacer plenamente a curiosidade do que adoito se embebe de versos. Con todo, e axiña diremos por qué, Momentum marca unha certa inflexión na procura dunha maior complicidade cos receptores, como se o autor se vise imbuído do espírito dos poetas e dos lectores máis novos, que se confesan preocupados por unha comunicación máis directa.

Directos, sonoros, impactantes son sempre os títulos de Arturo Casas. Ademais, como bo coñecedor do oficio, os seus encabezamentos sempre condensan o significado dos libros. Así, naquel preámbulo ós versos, o propio autor confesa que Momentum convoca a raíz común de tempo e espacio, ademais de ser o eco dunha composición de Jimmy Raney que ocupa un lugar de privilexio na súa memoria. Por outra parte, o subtítulo (que non aparece na cuberta senón na portada) explícase só, pois etimoloxicamente Circungrafía significa “ó redor da escrita”.

Algo semellante ocorre coa organización interna do libro, pois se en Pedra de Nadir atopabamos “Sete preludios” que anticipaban os temas principais, tamén agora a primeira parte, intitulada “Mirada escrita” xunta sete poemas, fronte ó case medio cento de composicións que agrupa a segunda baixo o epígrafe de “Paralipónemos” e un texto final como “Epílogo”.

A “Mirada escrita” ábrese cunha cita espléndida do poeta árabe Ibn’ Arabi e nos sete textos atopamos reflexións metapoéticas, sobre o paso do tempo e a mudanza ou sobre o amor, quer na súa plenitude, quer no seu pouso. Cando a voz poética relata con nostalxia o abandono da casa, observamos unha certa semellanza cos cantos primeiro e quinto do poemario A gándara da noite de Xavier R. Baixeras, intitulados “A partida” e “A mudanza”, aínda que os versos aparecen despoxados da paisaxe ruinosa, agora substituída polo baleiro: Baléirase a casa dos mobles / e só os pasos dos seus hóspedes permanecerán / sitiando a súa mudanza. Sobre este espacio deshabitado el (o falante lírico) comezará a escribir e despedirá palabras que se han perder / na estila dos días. A palabra poética é pois testemuño do abandono pero tamén do amor, que é outra forma de escrita, cando se converte nun Arder de palabras / no recinto que cercades escribindo / sobre os corpos…

Como nas anteriores entregas de Casas, nestes poemas xa atopamos continuos dislocamentos do suxeito lírico que alterna nun mesmo poema do eu para o ti ou para o nosoutros. Mesmo, ás veces, o lector pode quedar coa impresión de que existe unha especie de narrador heterodiexético que se dirixe ós anteriores coma se fosen narratarios. Esta variabilidade, que afecta tanto ó suxeito como ó obxecto da enunciación, é unha das marcas de estilo do autor, que o singularizan no actual panorama poético. Outra é a reflexión sobre a propia escrita que xa atopamos nos anteriores poemarios e que se agranda de maneira considerable neste libro, nomeadamente na segunda parte, intitulada “Paralipónemos” (etimoloxicamente “cousas omitidas”).

Se xa en Sombra de unidade liamos no poema final as palabras “Escrebo hoxe sobre nós…” e en Pedra de Nadir sabiamos de “Páxinas escritas con palabras únicas…” ou de “Conmemorarse en cada liña / non escrita, en cada palabra / impronunciada, en cada olvido”, coñecendo tamén que “Non quixera o poema / inventar nada”, neste Momentum o falante lírico aínda se amosa máis explícito á hora de considerar a función da linguaxe poética. Así, no magnífico texto que se abre co verso “A rexión do poema” vai sinalar que “Escribir é a penas unha ofrenda / da memoria” mentres “Queda logo separarse dese instante”, para insistir unhas páxinas máis adiante en que “A escrita é muda da pel en cada instante” ou que “O mundo que a mirada ou o poema instauran descóbrese ao tempo que o baleiro…

Asemade, é de observar nos escasos versos que reproducimos a obsesión do eu poemático polo instante, nalgún lugar chegará a dicirnos que son “poemas escritos para pervagar no instante”. Este antigo combate do poeta pola posesión do tempo e do espacio (do Momentum, en definitiva) consiste en alumar as sombras da propia memoria: “Pois é previa á vivencia o seu recordo / previa á palabra a súa pronuncia […] Mais previo ao instante nada existe”. Xunto a esta insistencia sobre a responsabilidade do poeta para crear un espacio, cualificado como lugar inaccesible, os 48 textos de “Paralipónemos” reiteran os temas xa sinalados: a nostalxia da casa que se abandona, o combate co tempo, o esquecemento ou o amor na grafía dos corpos. E mesmo cando recrea esta última tópica universal, Casas percorre camiños non trillados, como ocorre no breve e fermoso poema que se inicia cos versos: “Escribes sobre o meu peito / e baixas tinxindo as coxas / cun verso interminábel”.

De por parte, aparecen intercalados unha serie de prosemas que a voz poética coloca entre comiñas, os dous primeiros introducidos por “Este era o verso que escribías” e “Este verso” e o último da serie remata con “Isto escribías”, que semellan querernos indicar que a reflexión abrangue ata o pasado. Aínda que estas prosas poéticas enchían tamén Sombra de unidade, será a segunda parte de Pedra de Nadir, intitulada “Solsticio”, o espacio que se evoca, non en van o derradeiro dos seus prosemas fai referencia a un anxo e idéntica figura, agora transformada na categoría superior do arcanxo, paira nos textos entre comiñas, versos que requiren unha lectura illada coma se fosen un único poema, que se nos revela en pequenas doses para atinxir a plenitude na unión dos fragmentos. Esta serie é preanunciada por un breve e fermoso dístico “Nada lembrabas de min / e o lume da túa escrita aínda me cercaba”, que se volve refrán para dar cumprido remate a outro poema. Non é esta a única mostra de xogo intertextual, así cómpre destacar unha referencia macrotextual existente no penúltimo dos “Paralipónemos”. En efecto, nos seus versos fálasenos dunha pedra (a Pedra de Nadir) e da sombra e da unidade, en clara referencia ós epígrafes das anteriores entregas do poeta.

Mención á parte merece o “Epílogo”, introducido por unha cita de Emmanuel Levinas, un longo e único prosema que prescinde dos signos de puntuación. O texto deita unha consideración metapoética final porque “amar era escribir e só ese era o exercicio da ficción” mentres que “ti o autor será a area que o teu propio poema disperse”.

No aspecto formal, a extensión dos poemas non garda excesiva regularidade. De feito hainos moi breves, como o dístico sinalado, e moi longos. E o mesmo ocorre coa lonxitude dos versos que oscila entre as tres ou catro sílabas de moitos deles a outros longuísimos, sen termos de conta a amplitude dos prosemas. Unha característica que se explica porque estes permiten unha maior discursividade e se algo chama poderosamente a atención neste libro é a querencia polo discurso, polo razoamento explícito, matizado polos cambios do punto de vista e do ton emocional da voz poética. Este recurso, que proba unha vez máis o oficio do poeta, consegue que a relaxación ou o desleixo non se apoderen dos lectores, porque Momentum é un libro que agradece a súa lectura completa. De abrirmos as súas páxinas ó chou para lermos calquera dos seus fragmentos, malia non saírmos defraudados, correriamos o risco de toller o deleite do conxunto. A nosa lectura, de abondo pracenteira, remata aquí, non sen antes sinalarmos o desexo de que Arturo Casas non cumpra a premonición do pórtico e non opte por clausurar o exercicio persoal da escrita. Se así for, o poeta tería a honra de deixar a palabra poética no punto de máximo esplendor con este Momentum (Circungrafía), para nós o libro máis brillante dos aparecidos en 1997. Oxalá puidesemos influír nos xurados da Crítica, pois a poesía galega non podería quedar mellor representada.

 
 

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.