Recensión ao libro de poemas Alta casa (1996), de Helena de Carlos


(Fotografía tirada da editorialgalaxia)
Máis unha vez é ben agradecer que unha recensión da miña produción crítica se poida ler nesta páxina de poesiagalega.org, que xa dixemos vén sendo o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética), do que eu fixen parte nos inicios. Nesta oportunidade reproducen a recensión ao libro de poemas Alta casa (Espiral maior, 1996) de Helena de Carlos (Barbantes, Cenlle, 1964), que se publicou no Anuario de Estudios Literarios Galegos: 1996 (Vigo: 1997, pp. 260-262) que editaba Galaxia e que agora xa é historia.
No repositorio poesiagalega.org redactaron esta entrada para o meu traballo:
«Logo de saudar a publicación do primeiro libro de poemas da autora a recensión sinala o diálogo que mantén coa Eneida de Virxilio. Pásase logo a describir a estrutura interna da obra e os principais núcleos temáticos, case todos eles vencellados a distintos lugares e á memoria. Finalmente gábanse algúns aspectos estilísticos e a recensión péchase celebrando a calidade da obra comentada e augurándolle un prometedor futuro á autora».
E velaquí, por completo, a miña recensión:
HELENA DE CARLOS. ALTA CASA
Miro Villar
Sempre é unha tarefa agradable darmos conta da opera prima dunha nova autora que vén arrequentar o panorama da nosa poesía, unha sensación que se converte en gozosa logo de comprobarmos que, ademais, con esa proposta estética tamén se contribúe a enriquecer da maneira notable o corpus lírico da nosa literatura. Así é, ou así nolo parece cando menos, o volume intitulado Alta Casa, primeiro libro de poemas de Helena de Carlos (Barbantes-Cenlle, 1964), de quen a penas coñeciamos un mangado de poemas publicados esporadicamente nas páxinas de revistas como Dorna, Ólisbos, Festa da Palabra Silenciada ou Nordés.
Inicialmente, o poemario xa chama a nosa atención non só pola fermosa cuberta de Berta Cáccamo, senón tamén pola beleza e a sonoridade do seu título, de tan só dúas palabras, catro sílabas, nas que unicamente aparece a vocal máis feminina. Ademais, o encabezamento está tirado duns versos do duodécimo libro da Eneida de Virxilio, que Helena de Carlos coñece profundamente por ser licenciada en Filoloxía Clásica e profesora de latín e grego, versos que son convocados para introduciren un dos poemas centrais do volume, igualmente intitulado “Alta Casa”, que é un dos seus mellores textos e tamén unha enunciación da vontade do eu poético: Foi alí onde vivimos,/ na alta casa, e alí esperarás por min…
E aínda que ata agora viñemos falando dun poemario, tal vez habería que dicir que Alta Casa inclúe dous libros de poemas. o primeiro aglutina vintedous poemas con cadanseu encabezamento e o segundo intitúlase de maneira xenérica como “Demo de armeses”, xa que os seis textos desta parte obedecen a un criterio fortemente unitario que lles concede unha autonomía de seu. Pola contra, nos vintedous poemas da primeira parte percibimos un certo desequilibrio, derivado da mestura de temáticas que se cruzan en aparente desorde.
O núcleo temático fundamental da maioría destes textos ten a súa raíz en moitos acontecementos que proveñen da realidade para se converteren en substancia poética, como no poema “Foguetes”, que abre o libro, no que o eu poético sae en tempo de verán na procura do eco batente da verbena, nos fermosos “Porto Empedocle” e “Piazza indipendenza” no que se mestura a descrición dos lugares visitados coa intimidade dos sentimentos ou en “Soño de cidade”, composición na que se rende unha explícita homenaxe á cidade máis amada, tal vez Compostela, desexando: Que ti/ foses o meu Sión arelado/ e eu te levasen en libros e bagaxes/ ó longo da vida.
Así pois, boa parte da temática está ocupada polos lugares habitados e polas lembranzas das luces e sombras do tempo perdido da mocidade, que achan a súa máxima expresión cando se converten definitivamente en texto poético, integrando como unha visión verbal calquera acontecemento da biografía persoal. Neste senso, pódense mencionar os dous poemas que fechan esta primeira parte, intitulados “Rande” e “Entrimo”, que non só teñen en común o feito de utilizaren un topónimo como encabezamento senón tamén a evocación, no primeiro caso compartida cun ti e no segundo cun vosoutros, para testemuñar ese tempus fugit que sempre é imposible de recuperar: …xamais/ faremos outra vez esa excursión/ ó mesmo Entrimo de setembro. Daquela a poeta intenta combater a fugacidade do tempo convertendo en materia poética os seus recordos e con eles todas aquelas paisaxes que simbolizan o retorno a un tempo ido, pois o tempo sempre aparece concibido como un ciclo natural de inexorable tránsito.
Outro poema que se inicia con topónimo, neste caso da terra nativa, é “Barbantes”, un texto magnífico no que o eu poético dialoga con si propio para reflectir a necesidade do regreso á orixe, a un lugar que non se pode riscar da memoria porque sempre espera o regreso dos que se foron. o retorno, neste caso como punto de partida, faise tamén evidente no poema “limiar”. Estes poemas e aqueloutros da segunda parte compoñen unha viaxe circular.
A natureza cíclica do poemario iníciase na barbantina casa patrucial para volver á mesma casa, curtida pola experiencia vital e logo dunha travesía necesaria, unhas veces pracenteira e outras tormentosa. De feito, predominan as zonas sombrizas no conxunto do poemario, pois atopamos referencias ás primeiras sombras da noite e o seu silencio en “Ánima”, ó trazo dunha sombra do amante en “Lonxe”, ás horas escuras do “Serán”, onde sentada espero/ o perfil do teu sorriso…, e inclusive á sombra da morte no texto intitulado “Fin de día”.
Outra morte ben diferente, a morte do inverno, é a que prefigura os poemas “Primavera” e “outra Primavera”, que describen a estación coa contraposición das súas características fronte ás da invernía. Son textos que conforman unha outra pasaxe cíclica que ten a súa antítese no poema “Outono”, onde non só se traza o cromatismo da estación senón tamén, novamente, o paso do tempo. Finalmente, xunto a esta constatación do vivido, na construcción do mundo recreado pola poesía de Helena de Carlos tamén interveñen cun papel destacado as alusións á ensoñación. A este mundo das sensacións oníricas pertencen textos como o anteriormente mencionado “Soño de Cidade” e os intitulados “Soño” e “Outro soño”, que recollen ilusións ou utopías como o amor ou a saudade do espacio urbano.
A segunda parte, ou se se quere o segundo libro, é “Demo de armeses”, un longo poema, en seis fragmentos que teñen como elo común o feito de rememoraren a infancia como tempo de felicidade: Eu era a nena da abeleira,/ a do verao que non pasaba. Unha infancia transcorrida no val, onde se mesturan as bicicletas dos rapaces cos tractores dos labregos, a xente do traballo coas excursións ás montañas próximas para pasar o día, a suor da vendima e o divertimento común da mocidade rural. E todo nunha paisaxe onde vemos zoar o ventiño alleo/ na erba trocada en mar que cheira a solpor salgado. Esta imaxe de antano dos cinco primeiros textos recóllese novamente no hogano do sexto poema no que a fotografía sepia, o daguerrotipo trasnoitado de cor, serve para evocar cando e como o eu poético se despide de Elisa, unha das súas compañeiras de xogos infantís.
En definitiva, a palabra poética de Helena de Carlos pódese definir claramente como poesía da experiencia, con pretensión de transcendencia poética e non reducida tan só a unha serie de descricións propias do autobiografismo máis ou menos disfrazado. Polo demais, en Alta Casa hai unha evidente preocupación pola beleza na construcción do verso que se emparenta coa mellor estética culta da poesía galega dos oitenta. Nesa liña hai que ler a súa recreación dos clásicos greco-latinos. Sen embargo, a diferencia dos excesos culturalistas da pasada década, Helena de Carlos consegue que os seus versos flúan a ritmo lento, levándonos a unha lectura vagarosa, transparente e nada críptica. Ademais, os seus poemas tamén se caracterizan por agacharen unha certa melancolía, estado de ánimo apto para a meditación e o recordo.
Outro aspecto moi importante de Alta Casa é a flexibilidade da linguaxe, que se concreta na alternancia de palabras sinxelas, tiradas de ámbitos coloquiais, con outras de uso moito máis restrinxido, por seren producto da bagaxe culturalista clásica da autora, e que se caracterizan por unha marabillosa sonoridade como: E aínda que fagas sacrificios a algún trasno/ que semelle ter un aura tutelar, deuses pequenos/ de ollos de uva e paso
danzón… Ademais, a consciencia lingüística da poeta posúe un finísimo sentido da música do verso. Aliteracións, efectos fónicos, dan fe deste instinto musical ou rítmico que é unha das súas principais cualidades.
A construcción do libro é eficaz, malia a súa aparente sinxeleza. Sen embargo, na nosa opinión, non está perfectamente trabada e debemos apoñerlle dúas pequenas máculas que non embazan o resultado final. Dunha banda, o poemario faise un pisco reiterativo de máis e doutra, percibimos unha certa desorde nos textos da primeira parte, nos que tal vez outra orde facilitaría a cohesión interna e a continuidade da mensaxe. Finalmente, como dixemos, entre ambas as partes existe un certo desequilibrio, pois a estética literaria diferénciase bastante, feito polo que nós optamos por considerar a existencia de dous poemarios.
Estas son as bases para facermos unha lectura de Alta Casa, das moitas posibles que nos ofrece este primeiro volume poético da autoría de Helena de Carlos. Unha lectura que nos fai reafirmar e acreditar seriamente nas posibilidades expresivas dunha poeta que a pouco que siga nesta liña poderá ofrecer no futuro novos libros de poemas de grande altura lírica. En definitiva, e sen ningunha dúbida, podemos afirmar que estamos perante un libro seductor para unha lectora ou un lector habitual de poesía e que tamén é un volume recomendable para calquera lectora ou lector a penas iniciado na marabillosa viaxe de desentrañar os misterios da Poesía.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.