E aínda nese mesmo último número, 217 (xaneiro, febreiro, marzo do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, e tamén na habitual sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «A poética do frío» para dar conta do libro de poemas Tundra (Espiral Maior, 2017), co que o seu autor Carlos Negro gañou o XVI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos (a quen esquecín nomear na recensión, malia ser a entidade que creou e mantivo este certame literario de longa traxectoria).
Velaquí a recensión ao completo:
A poética do frío
A Coruña: Espiral Maior, 2017, 120 páxinas
Vai para dúas décadas que viu a luz As laranxas de Alí Babá (Letras de Cal, 1998), a opera prima de Carlos Negro, editada nun selo e proxecto cooperativo que nesa altura representaba as marxes do noso sistema literario, porén a esa obra seguíronlle media ducia de títulos quer publicados en coleccións poéticas dunha editorial canónica coma Xerais (Far-west, 2001; Makinaria, 2009; Penúltimas tendencias, 2014 e Masculino singular, 2016), quer referendadas con recoñecementos públicos (Héleris, Espiral Maior, 2003. VII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu e Cultivos transxénicos, Instituto de Estudos Miñoranos, 2008. I Premio Victoriano Taibo). E o mesmo sucede coa súa oitava obra poética, Tundra, que mereceu o XVI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, certificando máis unha vez a sólida traxectoria do seu autor.
Nesa bagaxe predominaba a estética da poesía de intervención, nomeadamente nos libros Masculino singular e Penúltimas tendencias, onde Carlos Negro realiza unha lectura crítica da sociedade contemporánea, mesmo con afán didáctico, o que levou adoito os seus versos a seren obxecto de estudo e de reflexión en moitas aulas dos nosos centros de ensino e con lectorado as máis das veces adolescente e pouco propicio de partida a esta (re)formulación.
Tundra afástase de maneira deliberada e consciente dese camiño xa trillado para nos achegar unha voz moito máis espida e introspectiva que nos fai lembrar títulos como Libro del frío (1992) de Antonio Gamoneda. Non é casual que os poemas veñan introducidos, xunto a unha cita da poeta María do Cebreiro, polas palabras do fotógrafo Javier Vallhonrat, quen explorou glaciares e icebergs para procurar a interpretación da soidade, e dun personaxe da súa videocreación, Kåre Aarset (The poet), que se pode ollar na rede (https://vimeo.com/135544275), pseudónimo dun poeta noruegués que se illou no norte de Islandia para escribir Drikt fra den breen (Poemas desde el glaciar) entre 1929 e 1930. A obra do artista Vallhonrat protagonizou a exposición Interaccións, que xuntou 52 fotografías, sete vídeos e unha videoinstalación entre outubro de 2015 e marzo de 2016 no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que resultou fundamental á hora de inspirar os versos de Carlos Negro.
O poema inicial de Tundra, «caderno de campo / notas previas» configura unha longa autopoética ben precisa e dísenos: “O poema podería ser unha expedición simbólica” ou “nesta viaxe a palabra amor non debería adquirir maior carga semántica que a aresta dunha pedra ou a composición xeolóxica dun mineral” ou “reticente a calquera proceso de adxectivación”. Toda unha explícita declaración de intencións que se vai reafirmar ata os versos do poema que pecha o libro «caderno de campo / última erosión» que principia: “non foi a épica o que procuraba a voz, senón o preludio da primeira folerpa, a palpitación da luz no albor da amañecida”. Entre este último e o primeiro 76 poemas máis divididos en sete partes.
Os catorce textos de «código norte» teñen como fío a procura da voz no silencio, a lingua que “enmudece ante a elocuencia da neve”. Son poemas espidos na súa máxima concisión.
a distancia é a lingua propia do inverno
a neve
un fonema distintivo
o frío
un hiato entre os labios
Na segunda parte, «Candán canto» atopamos un dos únicos topónimos, xunto a Siberia, que aparecen en todo o libro e que se repite en sete dos seus once poemas, como unha achega autobiográfica aos anos da infancia dominados pola visión afastada da serra do Candán desde o val do Deza onde emerxeu a vila de Lalín e que se asocia sempre á neve como metáfora do silencio. De feito diversas modulacións deste mesmo silencio é o tema que alicerza os trece poemas de «materia intemperie».
Dende o verso inaugural “aquí dentro inútiles os topónimos”, dez poemas dos trece da cuarta parte, «manancial norte», presentan como palabra inicial o adverbio aquí salientado en cursiva. Fronte á intencionada ausencia de topónimos, agás os referidos Candán e Siberia, a presenza dese locativo abre un novo vieiro discursivo no que o amor e o desexo deveñen na acción principal.
Outra reiteración, neste caso a figura predadora do lobo, paira sobre os nove poemas de «lobo caribú», un título que xunta ao animal carnívoro voraz e a súa vítima herbívora, e onde o lobo que baixa famento da neve é branco, o que nos leva a un diálogo metaliterario coa obra de autores como Jack London ou coa literatura oral dos contos e das lendas dos inuit.
Os sete poemas, todos en letra cursiva, de «fulgor límite» procuran unha viaxe ata os lindeiros da propia existencia, reflectidos nesa época de glaciación que foi anterior á nosa estirpe e que tamén será posterior á nosa presenza no planeta que habitamos, e aínda así “amar un segundo antes da explosión”.
Antes do final «caderno de campo / última erosión», os nove poemas de «alén linde», onde se pode ler a única referencia explícita de todo o poemario, o verso Dikt fra den breen que é o título orixinal da obra do citado autor noruegués Kåre Aarset, Poemas desde o glaciar. Cabo dela, a reflexión metalingüística é agora de novo o eixo vertebrador.
Carlos Negro procurou outro rexistro ben distinto no seu estro poético e de certo atopouno nesta viaxe interior que se desenvolve no espazo simbólico e ás veces hostil desta Tundra.
Miro Villar