Recensión a Repoboar, de Celso Fernández Sanmartín, en Grial 209

Grial209
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
No último número, 209 (xaneiro, febreiro, marzo do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai unhas semanas xa anda polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Unha poética singular» para dar conta da obra Repoboar, en edición de autor, do poeta e narrador oral Celso Fernández Sanmartín. Velaquí a devandita recensión ao completo:
Unha poética singular
Repoboar
Celso Fernández Sanmartín
Lalín: Edición de autor, 2015
Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) é un poeta que sempre camiña nas marxes do noso sistema literario e os seus libros adoitan aparecer en edición de autor, pola súa singularidade compositiva que non os fai adecuados á hora de seren integrados nunha colección canónica.
De feito, de toda a súa obra tan só o poemario Propiamente son captivo (1997) chegou a facer parte da colección poética que editou o proxecto cooperativo editorial Letras de Cal, un selo que publicou catorce obras entre 1997 e 2001, das que o título de Celso Fernández Sanmartín e A primeira visión de María Lado foron os lanzamentos inaugurais.
Antes dese título, Celso xa publicara en edición de autor, con formatos diferentes, as obras Divagacións iú (1991), O tigre das cenorias (1994) e (sen título) (1995). Na seguinte década, quizais absorbido polo desenvolvemento da súa carreira como coñecido e valorado contacontos ou narrador oral tan só deu ao prelo tamén en edición de autor, malia que desta volta figure a Imprenta Libraría Alvarellos, o libro Fucsia, talladas, estampados, boca (2001) e dez anos despois a obra que máis se asemella á súa nova entrega e que se titulou Gratas e boas novas (Edición de autor, 2011). Nela, como sucede nesta última entrega, vai mesturar a creación propia e a memoria narrativa atesourada durante o seu traballo durante anos nunha residencia da terceira idade de Lalín, de quen recibiu unha herdanza que nestes anos fixo revivir a través da recreación nos seus espectáculos de narración oral, cativando sempre a un público atento e agradecido coas súas historias.
Do mesmo xeito que en obras anteriores, a difusión de Repoboar (2015) tamén se sitúa nas marxes, pois a tiraxe é reducida e tan só chega a un selecto número de librarías, o que converte este e outros libros seus en pequenas xoias a conservar e de difícil catalogación para calquera biblioteca pública. Como considerarmos Repoboar nun catálogo de obras? Un caderno? Un folleto? Un libro? Quizais o termo máis impreciso sexa este último, mais só polo seu número de páxinas. De feito, o artefacto literario que nos presenta Celso Fernández Sanmartín mesmo carece de lombo onde pegar un rótulo cos datos.
O contido literario de Repoboar preséntase inserido nun sinxelo estoxo plástico transparente e consta de tres pezas en papel de diferentes tamaños e que aparecen en varios encartes. No primeiro, que se debe considerar a portada pois figura o nome do autor Celso Fernández Sanmartín e deseguida # núm. 1, decembro 2015. E antes do título Repoboar a seguinte anotación: Conto en conversa recollido en Lalín o sábado 23 de novembro de 2002 a Ana Acebedo Guerra (Anita de Zobra) 1919. Na súa parte posterior unha fotografía dunha cadeira e ao realizarmos o desencarte un conto de orixe popular sobre a orixe da Terra e que narra un preito entre deus e o demo, con presenza na historia de diversos animais como a ovella, o chasco e o pimpín ou a mula. Da transmisión oral dá conta o seu divertido remate:
E acaba así a historia?
Non sei, que eu era moi rapaza cando a oín.
O tamaño da segunda peza é moito máis grande e leva por título Laica. E engade: Para Manuel Otero López. Decembro, 2015. Trátase dun longo poema narrativo sobre o traballo nas minas de estaño e wolframio, que se completa con tres antigas fotografías. A primeira, na portada, reproduce unha páxina dun libro de familia que certifica o matrimonio celebrado o día «18 de Julio de mil novecientos cuarenta y cinco» entre o estradense Manuel Otero Matalobos e Carmen Bravo García de Arzúa. Onda o texto poético aparecen unha fotografía dunha cuadrilla de quince mineiros que posan diante da cámara coa roupa e cos trebellos nun descanso do seu labor de procura de mineral e aos que acompaña unha cadeliña. E na última imaxe un primeiro plano desta cadela, de nome Laica, e ao fondo os corpos borrosos de dous daqueles mineiros.
A narración poética ten moito de anotación etnográfica: Gastábase máis en festas que se aforraba / o que se sacaba da mina. / Moitos gardaban unha pebida como recordo / a memoria como é pobre e está chea de buratos / precisa de pezas firmes
O terceiro e últimos dos encartes, leva o nome do autor e como título Epílogo. Na cara externa veñen cinco imaxes de naturezas mortas: un anaco de madeira, un fragmento óseo e diversos minerais. O texto poético, a varias voces, presenta un diálogo filosófico existencial, do que son testemuño estes versos: Ata que un non se tropeza / non se lle aplica á pedra intención personal nen conversa / e ás veces un mesmo se enemista coa pedra / e cos significados/ Chamámoslle animismo a darlle voz ás cousas / que nos falan e contestan pola nosa propia inconforme boca
En definitiva, unha nova e inclasificable obra de Celso Fernández Sanmartín, mestura de xéneros e de formatos, que reafirma a perseveranza deste autor no seu singular e asistémico camiño creativo.
Miro Villar
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Repoboar01
Repoboar02

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.