No último número, 233 (xaneiro, febreiro e marzo do 2022) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Humanizar e deconstruír un mito», unha recensión á biografía Reboiras, o camiño da rebeldía, de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro, en Grial 233.
Este número 233 centra os seus contidos no monográfico «O galego: desafíos do presente», cuxa introdución «O galego: no punto de inflexión?» asina o académico e director da revista Henrique Monteagudo, para introducir os artigos «Impoñer a liberdade. Sobre o réxime de linguas en Galicia», da súa propia autoría; «A lingua galega no sistema educativo. Impacto nas competencias, prácticas e actitudes do alumnado», de Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío; «A Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Compromisos e incumprimentos», de Fernando Ramallo; «Siri non fala galego. Mocidade, lingua e pantallas», de Håkan Casares e Henrique Monteagudo; «Beneficios do bilingüismo no cerebro infantil», de Xosé Guillerme Rodríguez Osorio e Sonia Villapol Salgado e «Se nós tamén amamos o español, por que vós desprezades o galego», de Manuel Veiga Taboada.
Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «As liñas tortas da “xustiza” española» de Manuel Anxo Fortes Torres e na sección «Debates» a achega «Algunhas reflexións verbo da protección xurídica da paisaxe», de Consuelo Castro Rey.
A seguir na sección «Documentos» os textos «Correspondencia entre Xosé Neira Vilas e Carlos López García-Picos. O reencontro de dous vellos amigos», introducidos por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.
Na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Sindicalistas galegos no atlántico. O microcosmos de Buenos Aires», de Bieito Alonso Fernández e «Abeiro de bestas. O estado franquista, protector de nazis», que asina Francisco Xavier Redondo Abal.
Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Diego Giráldez, e a poética uns textos inéditos da autoría de Celso Fernández Sanmartín.
As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse co artigo «María Casares. A raíz e os exilios», de Esperanza Mariño Dávila. E na sección «Crónica» o texto «Carta de Buenos Aires. Paseando co pai», de Xavier Queipo.
A maiores na sección «Feminismos» as achegas «Mariví Villaverde e Teresa Alvajar: o centenario de dúas mulleres-memoria», que asina Carme Vidal e A historia desaparecida de Elena Estávez, voz no relato do agrarismo», de Marga do Val.
Deseguida a sección de «Artes visuais e escénicas» co texto «O transformismo escénico en galiza (1898-1941)», de Daniela Ferrández Pérez.
Pechan o volume as seccións de «Música» co artigo «Que é o Pop, mamá?», de Óscar Quant, e «Ciencia e técnica» co texto «A batalla da noite», de Salvador X. Bará.
Velaquí o contido da miña recensión.
Humanizar e deconstruír un mito
Reboiras, o camiño da rebeldía
Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro
Allariz: Aira editorial, 2021, 224 páxinas
Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975), Moncho Reboiras na loita política, sempre Pepe no ámbito familiar, converteuse nunha icona e nun mito do soberanismo galego por mor da súa temperá morte, baleado polas costas pola policía franquista. E como se lembra no colofón desta obra hai doce anos a súa figura foi rehabilitada polo goberno español ao recoñecer que “pola súa defensa do movemento sindical e a súa militancia política nacionalista padeceu ilexitimamente persecución e violencia que motivaron a súa morte”.
A devandita resignificación é debedora de todas as homenaxes nas últimas décadas que se celebran cada 12 agosto, cando diversas siglas do nacionalismo de esquerdas e do independentismo, con especial resalte para o que foi o seu partido, a UPG, conmemoran no cemiterio de Imo (Dodro) onde está soterrado, na ferrolá Rúa da Terra onde foi abatido ou no vigués barrio de Teis onde desenvolveu o seu proceso de concienciación ideolóxica, actos que rememoran a súa loita desde presupostos afíns mais non coincidentes.
En 2010 a denominada Comisión do 35º aniversario Moncho Reboiras, na que tamén figuraba seu irmán Manuel, encargou ao xornalista Xosé Manuel Pereiro a elaboración da súa biografía, mais aínda tivo que transcorrer máis dunha década para que Pereiro, coa colaboración do filólogo Xurxo Martínez González asinasen este completo estudo biográfico sobre os 25 anos de vida de Moncho.
Para este exhaustivo labor botaron man de entrevistas persoais de diferente extensión e resultado con 34 persoas que estiveron na súa contorna e tamén de numerosa documentación, algunha moi pouca coñecida, así como de todas as sucintas biografías anteriores, desde a primeira e urxente publicada no voceiro da UPG, Terra e Tempo 34 (nadal de 1975), até o extenso número extraordinario 182-183 (xaneiro-decembro 2020) da mesma revista coa epígrafe Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos, con 35 colaboracións artísticas, literarias e históricas, ou o máis recente filme Reboiras. Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera tamén en 2020. Nestes dous últimos traballos, coma neste, desbotouse a icónica imaxe que Reboiras tiña na clandestinidade e que durante anos tamén usou o nacionalismo e o independentismo para o reivindicar por outra do mozo que sempre foi.
Alén da Introdución na que os autores desvelan o proceso de elaboración e mesmo confesan as súas dúbidas, que é de agradecer, e as súas limitacións pola fragmentariedade de moita documentación, o volume estrutúrase en 14 capítulos e un apéndice con breves notas biográficas sobre as voces dos protagonistas das conversas, así como unha completa bibliografía. Tamén fan uso dun notable acompañamento gráfico tirado de diversas fontes, entre as que sobrancean o arquivo familiar, o da fundación Terra e Tempo, vencellada á UPG, os arquivos persoais de destacados persoeiros do nacionalismo nesa altura como Xosé M. García Crego ou o finado Ramón Muñiz, do xornalista Xan Carballa ou do Arquivo Penzol.
Unha breve descrición da Terra de Iria a día de hoxe introduce o capítulo seguinte no que coñecemos esa mesma comarca na época de casaren os pais e do natalicio de Moncho Reboiras o 26 de xaneiro de 1950. Nove anos despois a familia xa está establecida no barrio obreiro de Teis, porque a industrialización de Vigo ofrecía maiores posibilidades.
Nese capítulo tamén se fai énfase no maxisterio que recibiu de dous catedráticos que falaban galego no instituto Santa Irene, Xosé Luís Méndez Ferrín e Rufo Pérez, ao tempo que o mozo Moncho Reboiras participaba do estudantado organizado. E no que segue, que abeira os anos 1965-68 analízase o seu encontro co Padre Seixas, militante xuvenil galeguista na preguerra, que realizou apostolado na galeguización e na concienciación esquerdista de moita mocidade. Un labor que se concretou no denominado grupo O Castro e tempo despois tamén na Asociación Cultural de Vigo, verdadeiro fervedoiro de axitación antifranquista e onde tamén se produciu certa confluencia entre algúns vellos galeguistas e republicanos con aquela afouta mocidade ávida de coñecementos e chea de novos azos para a loita cultural, que tamén o era política.
No sexto capítulo, onde se abordan os seus anos coma estudante de Enxeñaría Técnica Industrial, os autores da biografía documentan a súa madureza política ao tempo que, recollendo a opinión de Xosé González, Pepiño de Teis, atribúen a Moncho o poema “Berra non”, contra a xestión da marea negra que provocou o Polycomander ao afundir tras as Cíes, versos no ronsel dos máis combativos de Celso Emilio Ferreiro.
A súa implicación na loita política clandestina explicaría o seu achegamento á UPG, naquela altura aínda un pequeno partido de cadros que aos poucos ía medrando en influencia, máis no ámbito cultural do que no sindical. Pereiro e Martínez González analizan polo miúdo toda esta etapa, sen deixar de lado tampouco as diverxencias e tensións que se producían no seu seo, nunha época caracterizada polas escisións e as purgas habituais nas organizacións da esquerda, e dan conta de como Moncho Reboiras, pola súa inmensa capacidade de traballo, ía cobrando maior protagonismo.
Son anos de mobilizacións obreiras moi fortes e niso chega a Folga Xeral de 1972, con especial incidencia en Ferrol e Vigo, un longo capítulo na cerna do libro de moi necesaria lectura para entendermos a introdución do nacionalismo nas loitas sindicais. Malia a abrumadora presenza de nomes e de siglas partidarias e sindicais a lectura non se fai prolixa e podemos coñecer unha acaída síntese desta etapa fulcral para a posterior evolución de todo o nacionalismo de esquerdas, desde xa dotado de organizacións sindicais de seu.
De aquí en diante xorden a Fronte Obreira, os Comités de Axuda á Loita Labrega (semente das Comisións Labregas), a loita estudantil co nacemento de ERGA ou a Fronte Cultural, en sintonía con asociacións culturais de longa historia, algunhas aínda sobreviventes hoxe como a compostelá O Galo. En todas estas frontes, nomeadamente na primeira e na última, a capacidade organizativa de Moncho Reboiras é recoñecida por diversos testemuños aquí referidos.
Porén a necesidade de consolidar as organizacións sindicais habería levar a Moncho Reboiras e a outros camaradas a un inxente labor de crear células sindicais en numerosas empresas, onde entraban a traballar, artellaban e consolidaban un grupo e xa logo marchaban a outro centro laboral. Testemúñase aquí o seu paso efémero por Bazán ou Astano, entre outras, e o seu 600 percorre o noso País para realizar actividades culturais, políticas e sindicais, ás veces por xunto e ás veces por separado.
A partir do capítulo undécimo, xa por volta de 1974, achegámonos aos anos nos que a biografía de Moncho Reboiras xerou “ríos de tinta, de trazado non sempre claro” en palabras de Pereiro e Martínez González, quen deitan luz (toda a luz que foi posible nas conversas) sobre a creación dun “destacamento armado” da UPG e o duro debate que se produce, coa desautorización do que na altura se denominaba Cumio Central. Estas páxinas do libro son onde menos coincidencias se producen entre os diversos testemuños recollidos. Os biógrafos concédenlle moita importancia ao triunfo en Portugal da revolução dos cravos do 25 de abril e aos contactos entre o nacionalismo galego e as organizacións portuguesas máis esquerdistas, e un Moncho Reboiras, na clandestinidade, con frecuentes viaxes a Portugal. Tamén se trata de botar luz nestas páxinas sobre a confusa e pouco produtiva relación entre Euzkadi Ta Askatasuna e o nacionalismo galego.
Finalmente, os dous últimos capítulos «A caída, 12 de agosto de 1975» relatan con vértixe case cinematográfica a súa localización e posterior asasinato en Ferrol, e en «Despois» a caída dos seus camaradas, que debilitou dunha maneira enorme a organización na que militaban, alén das circunstancias do seu enterro e de maneira apresurada, na nosa opinión, un breve epílogo para dar conta de que a maioría das persoas entrevistadas xa non militan na UPG mais a práctica totalidade “mantén as conviccións que tiña naquela época”.
E chegados a este punto esta biografía que pretendeu humanizar e deconstruír o mito poderá resultar descafeinada para quen esperase un panexírico da épica da loita armada ou aínda mitificadora para quen lle negue a Moncho Reboiras, Pepe para a súa familia, a exemplaridade patriótica. Os autores non procuraron nin unha nin outra, senón unha aproximación obxectiva, feita con paixón e con rigorosidade, deixando falar aos demais e poñendo orde na documentación dispersa. Un esforzo coroado con acerto expositivo e aberto á discrepancia, como diverxentes son algunhas das opinións proferidas nas entrevistas.