(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
No último número, 208 (outubro, novembro, decembro do 2015) de Grial, Revista Galega de Cultura, que xa anda desde hai uns días polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Un poeta fulcral, a súa lingua e o seu territorio» para dar conta da obra Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, do académico e profesor Francisco Fernández Rei, publicada por Xerais, da que xa se falou aquí canda o seu lanzamento en Compostela, onde presentada polo seu Director Editorial Manuel Bragado e polo tamén académico e profesor Antón Santamarina.
Velaquí a devandita recemsión ao completo:
Un poeta fulcral, a súa lingua e o seu territorio
Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa
Francisco Fernández Rei
Vigo: Xerais, 2015, 368 páxinas
Conmemórase o centenario da publicación de Vento mareiro, o segundo libro de Ramón Cabanillas, que de atérmonos ao colofón rematouse de imprentar o 1 de marzo de 1915 n’A Habana. E alén dos actos que lembrarán esta efeméride non se podía celebrar de mellor maneira que con este volume da autoría do académico e filólogo Francisco Fernández Rei, que escolma trinta textos (21 éditos e 9 inéditos) derredor dunha tríade temática: a memoria de Cambados, o lugar natalicio do autor destas páxinas e do poeta; as anotacións sobre a biobibliografía de Cabanillas e a construción da nosa lingua literaria, nomeadamente no que ten a ver co léxico e a fraseoloxía do mundo mariñeiro. Porén son moitos os fíos comúns que entretecen a urda desta colectánea que chegou ás librarías poucos días despois do pasamento do grovense e técnico cultural en Cambados, Luís Rei Núñez, autor da erudita e imprescindible obra monográfica Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades (Galaxia, 2009), unha persoa que no dicir de Fernández Rei foi fundamental á hora de se documentar sobre os tempos pretéritos cambadeses e sobre o seu poeta máis sobranceiro.
Con dispar extensión os trinta textos proveñen case todos de diferentes fíos desenvolvidos a partir do ben interesante discurso co que Fernández Rei se converteu en académico de número na RAG e que se publicou baixo o título Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar da Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria.
Escritos entre os anos 1999 e 2014, de quitado de dúas pezas de 1977, un deles no mítico semanario galeguista Teima e outro nun volume colectivo que a USC editou na Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento, os textos preséntanse en cinco apartados e indican sempre a data e o lugar da publicación ou o espazo da pronunciación no seu caso. E a única, e ben pequena mácula, é que imos atopar datos e opinións reiterativas en moitas ocasións, por máis que sexa evidente o esforzo porque eses parágrafos tivesen unha redacción diferente. Acaso non podía ser doutro xeito, dada a natureza dos textos e a trabe común que os atravesa.
«Cambados: memoria e paisaxe» recolle cinco artigos nos que Fernández Rei acode non só ás fontes documentais senón ás súas propias vivencias autobiográficas da nenez e da mocidade e tamén ás fontes da oralidade, coma seus pais ou outras e outros cambadeses, para describir o espazo e o xeito no que se habitaron durante décadas as tres antigas vilas de Fefiñáns, Cambados e San Tomé do Mar que conformaron con posterioridade a actual vila cambadesa, con especial recreación no barrio mariñeiro de Triana, no Fefiñáns natal do autor do volume.
E nin sequera aquí está ausente Cabanillas, porque adoito é recobrada a imaxe do Cambados «probre e fidalgo e soñador» que xa aparecía no íncipit de Vento mareiro (1915). Así imos coñecendo a vila no solpor do século XX e no seu desenvolvemento posterior, nomeadamente nas primeiras décadas do XX, desde a decadencia fidalga até a conformación de novas elites burguesas vencelladas a unha poderosa curia xudicial, ao comercio ou á incipiente industria, sempre en loita de clases coas xentes do mar, unha cultura que foi minguando na súa importancia (ostreira e mariñeira). Tamén se fai un repaso da súa vida cultural, onde novamente a presenza de Cabanillas é fulcral, velai a súa participación nos xornais locais El Umia ou no máis satírico El Cometa, cuxos facsímiles foron recuperados por iniciativa do amentado Luís Rei e de Xabier Camba. E tampouco se deixa atrás o Cambados dos anos republicanos ou dos anos do medo e do terror coa súa pegada de persoas represaliadas polo franquismo.
As gravacións realizadas a Xenxa Rei Cores serven para artellar un delicioso artigo de profunda raizame etnográfica e que condensa as artes e as profesións relacionadas coas mulleres do mar, antes de que Fernández Rei faga unha primeira aproximación á relación entre Cambados e a súa paisaxe na vida e sobre todo nos versos de Cabanillas, texto proferido nunha sesión da RAG que conmemorou o 50 aniversario do falecemento do poeta.
A devandita conferencia ben puidera integrarse tamén na segunda parte, «Cabanillas: Notas biográficas e literarias», media ducia de textos que deitan luz sobre os máis importantes acontecementos na vida e na obra do vate, superando as posibles reiteracións con novos ángulos de visión ben documentados, que nos levan desde un pouco coñecido «Cabanillas, xornalista» até a construción dunha Patria e dunha Lingua a través dos seus versos, pois o escritor foi saudado coma o elo necesario para deixar atrás as poéticas ecoicas do Rexurdimento, sendo nomeado por Antón Vilar Ponte e polos seus coetáneos como «Poeta da Raza», termo que no final dos seus anos moito facía chancear ao propio Cabanillas, quen non se sentía representado nese traxe.
Así a todo, Fernández Rei testemuña que Cabanillas foi o poeta necesario, desde a aparición do excepcional Vento mareiro, a súa segunda obra, que o levou a se converter no símbolo poético do nacionalismo de anteguerra, mais tamén no símbolo cultural do galeguismo de posguerra, pois senllas obras da súa autoría inauguran o catálogo editorial de Bibliófilos Gallegos (Camiños no tempo, 1949) e de Galaxia (Antífona da cantiga, 1951). E resultan ben interesantes as páxinas que documentan a súa ruptura cos irmáns galeguistas, unha relación que nunca chegou ao divorcio, mais que se foi matizando segundo as circunstancias, ou tamén o seu desterro nos anos republicanos e o seu posterior regreso á Galicia do franquismo por intermediación do poeta falanxista Euxenio Montes. Algúns datos que alicerzan estas páxinas proveñen da monumental biografía Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades, escrita por Luís Rei, cuxa presentación por parte de Fernández Rei tamén se recolle aquí, antes dun capítulo sobre a correspondencia epistolar entre Cabanillas e Isidoro Millán, compiladas e «pulcramente» editadas por Luís Cochón.
O experto filólogo Fernández Rei está moito máis presente nos apartados «A fala de Fefiñáns e a lingua literaria de Cabanillas» e «Os mares de Cabanillas e o literario mar da Arousa». No primeiro veñen tres textos que esmiuzan o legado lingüístico, desde un artigo inicial publicado pola USC na Homenaxe a Cabanillas no centenario do seu nacemento que se centra na descrición dos trazos lingüísticos e socio lingüísticos de Fefiñáns, lugar de nacemento do poeta e tamén do autor do estudo; outro que analiza desde esta perspectiva a poesía narrativa de Na noite estrelecida e un terceiro que se centra na súa contribución á arela de creación dunha lingua supradialectal, que conclúe en que o poeta realizou un puimento do idioma con moderado diferencialismo léxico e con forte presenza do galego oral da bisbarra do Salnés e do léxico mariñeiro da Arousa, arrequentado co uso de arcaísmos e de empréstitos léxicos do portugués.
O léxico da cultura mariñeira en Cabanillas ocupa as páxinas do outro apartado en seis artigos diferentes e de desigual profundidade no estudo. O primeiro é un breve artigo publicado no diario dixital xa desaparecido Vieiros e outros reproducen conferencias proferidas en diversos actos. Son estes textos os que máis evocan o propio discurso de recepción como académico numerario de Fernández Rei e van desde o xeral até o particular, cando se documenta a presenza da dorna nos versos do poeta cambadés. Dun punto de vista literario son imprescindibles para coñecermos unha cala ben profunda sobre a presenza do mar na poesía, na narrativa e no teatro galego, que levou ao autor a afirmar moitas veces que na nosa creación literaria hai moita costa e pouco mar. Mesmo conclúe que «en Cabanillas, que era dunha vila labrega e mariñeira, que naceu ó pé do mar, non hai ningunha referencia á poblemática social da xente do mar, só unhas esporádicas referencias etnográficas ás regateiras e ós mariñeiros».
Finalmente unha heteroxénea «Reivindicación e valorización do ‘esquecido’ Cabanillas» xunta os derradeiros 11 textos, nos que atopamos as suxestivas e ben acaídas propostas que o autor e Luís Rei formularon para festexar en 2009 o ano Ramón Cabanillas, ou para realizar tres posibles roteiros baseados na súa obra, así como diversos textos relacionados coa entrega do Premio Ramón Cabanillas, ou breves presentacións ou recensións de obras relacionadas co poeta, como a singular versión ao xaponés realizada por Takekazu Asaka.
Se Fernández Rei pretendía facer con este libro «unha homenaxe ó meu admirado poeta e dramaturgo», a Cambados e aos cambadeses de nacenza ou de corazón, abofé que esta premisa está dabondo conseguida con esta obra que nos achega aínda máis a un poeta fulcral na literatura galega do século XX, á súa lingua literaria e ao seu territorio, que tamén o é do autor, aínda que ben difícil vai ser que se cumpra o seu desexo persoal de que as cinsas de Ramón Cabanillas regresen ao cemiterio de Fefiñáns, onde se poden ler aqueles versos levemente modificados de Vento mareiro: «Quero na lousa que me dé sosego / esta palabra que ten luz: Poeta / e esta palabra que ten aas: Gallego», ou que de permaneceren no Panteón de Galegos Ilustres sexa nun «Bonaval onde Cabanillas, Asorey e Domingo Fontán teñan cadanseu sarcófago, despois de tantos anos tratados como galegos ilustres de segunda, soportando a friaxe do chan».
Miro Villar
crebas twitter
-
Artigos recentes
- «Viaxe ao Norte de Alemaña e cidades da Hansa». As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras
- «Reivindicación dun legado poético da Costa da Morte», artigo en Grial 242
- Lanzamento da edición facsimilar de Estebo, de Xosé Lesta Meis, co estudo introdutorio “Unha voz crítica da emigración galega a Cuba” da miña autoría (Obra de libre descarga)
- «Gaza on fire / Xenocidio televisado», poema na antoloxía de solidariedade Cantos de dor e liberdade
- «Pondal, Martelo e López Abente subiron de novo aos Penedos», a crónica de Xela Cid do roteiro literario polos Penedos de Pasarela e Traba organizado polo Semescom
Categorías
- Antoloxías
- Arte
- Autografías
- Banda deseñada
- Biografía
- Cinema
- Congresos
- Contos
- Documental
- Efemérides
- Encontros
- Ensaio
- Entrevistas
- Epistolarios
- Estudos literarios
- Exposicións
- Fotografía
- Gravacións
- Historia
- Humor
- Infantil
- Lendas e mitos
- Lingua
- Literatura medieval
- Manifestos
- Manuscritos
- Memoria Literaria
- Música
- Narrativa
- Obituarios
- Poesía
- Política
- Premios
- Presentacións
- Radio
- Recensións
- Roteiros
- Sen categorizar
- Teatro
- Televisión
- Tradicións
- Versións ou traducións
- Xornadas
- Xornalismo
Comentarios recentes
- Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2024 | crebas.gal en Que a Terra che sexa leve, Pólvera
- “De rosa antiga” | Tirar do fío en Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237
- Recensión da antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium, en Grial 232 | crebas.gal en Artigo en QPC (XCIII): A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos | A profa en Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán
- «A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez | crebas.gal en «A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)
Histórico
- Agosto 2024 (1)
- Xullo 2024 (3)
- Xuño 2024 (1)
- Maio 2024 (3)
- Marzo 2024 (1)
- Febreiro 2024 (1)
- Xaneiro 2024 (1)
- Decembro 2023 (2)
- Novembro 2023 (1)
- Outubro 2023 (3)
- Setembro 2023 (1)
- Agosto 2023 (3)
- Xullo 2023 (3)
- Xuño 2023 (1)
- Maio 2023 (1)
- Abril 2023 (1)
- Marzo 2023 (3)
- Xaneiro 2023 (2)
- Decembro 2022 (2)
- Novembro 2022 (1)
- Outubro 2022 (3)
- Setembro 2022 (2)
- Agosto 2022 (1)
- Xullo 2022 (4)
- Xuño 2022 (2)
- Maio 2022 (10)
- Abril 2022 (2)
- Marzo 2022 (1)
- Febreiro 2022 (4)
- Xaneiro 2022 (6)
- Decembro 2021 (2)
- Outubro 2021 (1)
- Setembro 2021 (3)
- Agosto 2021 (1)
- Xullo 2021 (4)
- Maio 2021 (2)
- Abril 2021 (1)
- Marzo 2021 (1)
- Febreiro 2021 (3)
- Xaneiro 2021 (6)
- Decembro 2020 (9)
- Novembro 2020 (8)
- Outubro 2020 (2)
- Setembro 2020 (3)
- Agosto 2020 (2)
- Xullo 2020 (3)
- Xuño 2020 (1)
- Maio 2020 (6)
- Abril 2020 (6)
- Marzo 2020 (5)
- Febreiro 2020 (1)
- Xaneiro 2020 (5)
- Decembro 2019 (3)
- Novembro 2019 (2)
- Outubro 2019 (6)
- Setembro 2019 (5)
- Agosto 2019 (3)
- Xullo 2019 (4)
- Xuño 2019 (2)
- Maio 2019 (6)
- Abril 2019 (5)
- Marzo 2019 (4)
- Febreiro 2019 (2)
- Xaneiro 2019 (6)
- Decembro 2018 (3)
- Novembro 2018 (3)
- Outubro 2018 (6)
- Setembro 2018 (6)
- Agosto 2018 (6)
- Xullo 2018 (8)
- Xuño 2018 (10)
- Maio 2018 (9)
- Abril 2018 (2)
- Marzo 2018 (11)
- Febreiro 2018 (5)
- Xaneiro 2018 (8)
- Decembro 2017 (4)
- Novembro 2017 (2)
- Outubro 2017 (7)
- Setembro 2017 (7)
- Agosto 2017 (13)
- Xullo 2017 (7)
- Xuño 2017 (6)
- Maio 2017 (6)
- Abril 2017 (6)
- Marzo 2017 (8)
- Febreiro 2017 (11)
- Xaneiro 2017 (5)
- Decembro 2016 (8)
- Novembro 2016 (7)
- Outubro 2016 (10)
- Setembro 2016 (12)
- Agosto 2016 (13)
- Xullo 2016 (7)
- Xuño 2016 (12)
- Maio 2016 (18)
- Abril 2016 (18)
- Marzo 2016 (9)
- Febreiro 2016 (15)
- Xaneiro 2016 (16)
- Decembro 2015 (11)
- Novembro 2015 (21)
- Outubro 2015 (7)
- Setembro 2015 (7)
- Agosto 2015 (2)
- Xullo 2015 (13)
- Xuño 2015 (5)
- Maio 2015 (13)
- Abril 2015 (17)
- Marzo 2015 (17)
- Febreiro 2015 (17)
- Xaneiro 2015 (8)
- Decembro 2014 (16)
- Novembro 2014 (4)
- Agosto 2014 (4)
- Xullo 2014 (3)
- Xuño 2014 (2)
- Maio 2014 (4)
- Abril 2014 (8)
- Marzo 2014 (8)
- Febreiro 2014 (20)
- Xaneiro 2014 (9)
- Decembro 2013 (18)
- Novembro 2013 (7)
- Outubro 2013 (15)
- Setembro 2013 (29)
- Agosto 2013 (13)
- Xullo 2013 (20)
- Xuño 2013 (9)
- Maio 2013 (19)
- Abril 2013 (25)
- Marzo 2013 (20)
- Febreiro 2013 (23)
- Xaneiro 2013 (22)
- Decembro 2012 (20)
- Novembro 2012 (12)
- Outubro 2012 (12)
- Setembro 2012 (16)
- Agosto 2012 (25)
- Xullo 2012 (26)
- Xuño 2012 (19)
- Maio 2012 (41)
- Abril 2012 (35)
- Marzo 2012 (38)
- Febreiro 2012 (34)
- Xaneiro 2012 (40)
- Decembro 2011 (39)
- Novembro 2011 (47)
- Outubro 2011 (43)
- Setembro 2011 (43)
- Agosto 2011 (34)
- Xullo 2011 (31)
- Xuño 2011 (3)
Meta