Recensión a Os últimos carballos do Banquete de Conxo, en Grial 212


Nese mesmo último número, 212 (outubro, novembro, decembro do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, e nesa mesma sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «Memoria do 160 aniversario do banquete democrático» para dar conta do libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo (Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago, 2016) da autoría de Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul e Martín Souto.
No momento de saír este volume e de escribirmos a recensión aínda non se descubrira o texto do brinde poético de Luís Rodríguez Seoane, que o investigador e filólogo Xurxo Martínez González localizou hai ben pouco, como se detalla nesta nova do dixital Praza Pública.
Feita esta aclaración, velaquí vai a miña recensión ao completo:
Memoria do 160 aniversario do banquete democrático
Os últimos carballos do Banquete de Conxo
Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul, Martín Souto
Santiago de Compostela: Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago, 2016, 154 páxinas
Unha nova obra relacionada coa historia da cidade emerxe da colaboración entre o Consorcio de Santiago e as editoriais, desta volta Alvarellos, nunha edición coidada con agarimo e beleza estética. Trátase do volume Os últimos carballos do Banquete de Conxo, inspirado polo editor Henrique Alvarellos e escrito a catro mans, a súa propia e as do filólogo Xurxo Martínez González, do historiador da arte Francisco Singul e do biólogo Martín Souto, que se xuntan para daren unha interpretación e unha reivindicación persoal do espazo no que tivo lugar o coñecido Banquete de Conxo, celebrado o 2 de marzo de 1856, organizado por estudantes, entre os que estaban os poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, para se irmandaren con artesáns e obreiros.
Henrique Alvarellos na súa «Balada ceibe no Bosque de Conxo» realiza unha serie de calas sobre este espazo singular, nunha época na que aínda Conxo era un concello de sete parroquias. De primeiras con «Un estudante andaluz en Conxo» deita luz sobre a pouco coñecida primeira viaxe de Federico García Lorca a Compostela nos días finais de outubro de 1916, canda outros compañeiros que chegaron por iniciativa do catedrático da Universidade de Granada Marta Domínguez Berrueta. Alvarellos explica que “trazaron varias rutas culturais por Compostela e, nunha delas, saíron do casco histórico habitual e decidiron baixar ata o vello mosteiro nos arrabaldes do sur da cidade, atraídos probablemente pola beleza e a singularidade do seu claustro románico”, que tamén se documenta ao reproducir o testemuño da inconfundible sinatura de Lorca no Álbum de Honor do sanatorio psiquiátrico de Conxo, así como a única fotografía conservada daquela xeira.
Deseguida en «Banquete para 1500 en Buenos Aires» sintetiza algunhas pegadas do Banquete de Conxo na colectividade da diáspora, salientando que o Iº Congreso da Emigración Galega de 1956 escollera a data do centenario para as súas xornadas, coa celebración dun novo banquete con novos brindes como o proferido por Xosé NeiraVilas, mais tamén a súa anterior presenza nun artigo que o poeta Antón Zapata García asina en 1939 no xornal Noticias gráficas.
Seguen outras anotacións breves, entre elas «O encargo de Cabanillas a Peinador» que recolle unha carta do poeta exhumada por Ricardo Gurriarán; «O poeta santiagués máis famoso do século XIX» que se centra na relación de Aurelio Aguirre con esta contorna; «A descuberta dos primeiros (derradeiros) carballos» que relata unha pescuda recente; «Un territorio onde converxen os relatos» sobre a súa presenza en textos aurorais da nosa literatura ou «Guía, rescate e reparación: Rosalía… de Conxo» e «Rosalía de Castro denuncia a tala do bosque», xunto a outros epígrafes nos que vai debruzarse sobre a malfadada desfeita que levaría á desaparición, case por enteiro, deste singular espazo natural.
Por parte, Xurxo Martínez González en «Conxo, cantiga de liberdade. Anotacións ao pé do Banquete de Conxo» contextualiza o momento histórico e sintetiza a política española no denominado Bienio Liberal (1854-1856), así como a praxe política dos “provincialistas” e o papel protagónico do poeta Aurelio Aguirre, xa recollido por Manuel Murguía en Los precursores, para finalmente analizar os brindes poéticos do propio Aguirre e de Eduardo Pondal e o seu contido de proclamas incendiarias, alén de se laiar de que se perdese un terceiro texto de Luís Rodríguez Seoane. Os dous textos mentados, dos que se reproduce a primeira páxina orixinal, son transcritos por completo nos Apéndices deste volume xunto a unha crónica do acto aparecida catro días despois no xornal La Oliva.
Francisco Singul en «Memoria xacobea, historia e arte no mosteiro de Conxo» fai un interesante percorrido pola histórica relación de Conxo coas peregrinacións xacobeas a través do camiño portugués e, sobre todo, salienta a veneración da imaxe da Virxe da Cuncha ou a fábrica románica do vello claustro, do que hoxe a penas conservamos tres pandas, alén de realizar unha incursión demorada na igrexa, nos retablos barrocos e nas imaxes neoclásicas, para rematar na historia da desamortización do século XIX e nas reformas posteriores, mesmo dos pasados anos oitenta.
Martín Souto ponlle un ramo ben axeitado a esta obra co seu artigo «Un paseo botánico pola carballeira de Conxo» que principia por lembrar a importancia dos Quercus robur ou carballos na nosa existencia como pobo. Ilustracións e fotografías do propio autor do texto acompañan a súa ben acaída proposta de facermos un percorrido pola riqueza e biodiversidade deste espazo, aínda lembrando que boa parte do mesmo non é de acceso libre por pertencer ao cerrado do psiquiátrico.
Catro diferentes perspectivas, pois, para achegármonos a un espazo mitificado na historiografía e na literatura galega por se tratar do lugar de celebración dun dos actos cimeiros da nosa historia colectiva, no que se cantou e tamén se defendeu a liberdade desde a fraternidade.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Arte, Efemérides, Ensaio, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.