Recensión a Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel, en Grial 238

No último número, 238 (abril, maio e xuño do 2023) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «As derradeiras leccións dos mestres», unha recensión ao ensaio de investigación histórica Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel, que reelabora un texto publicado antes en Que pasa na Costa.

Este número 238 centra os seus contidos monográficos no sexaxésimo aniversario de tres fitos: a Fundación Penzol, a revista Grial e o Día das Letras Galegas, baixo o título «1963. O ano do prodixio», coa coordinación de Francisco Castro, que asina o texto introdutorio coa epígrafe «Un triángulo para un país»; «A Fundación Penzol: 1963-2023. Notas para un novo aniversario», que asina Xosé Manuel Dasilva; «O Resurrection Fest das Letras», da xornalista Ana Abelenda e «Francisco Fernández del Riego, a Fundación Penzol e o grupo cultural O Castro. Notas para unha aclaración», de Francisco Domínguez.

A seguir María López Sández publica «60 anos da revista Grial (1963-2023)» unha ampla «Conversa con Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo».

Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «A intelixencia artificial no gume da navalla», de Minia Monteagudo Vilavedra. E na sección «Ciencia e Técnica» o artigo «Descifrando o comportamento humano a través da sociolingüística en Galicia», que asina Jorge Mira Pérez.

Logo na sección de «Historia e memoria» un texto de Santiago Guerra Fernández sobre «O papel dos intelectuais orgánicos no movemento nacional galego. Un chamamento á acción».

A seguir na sección «Documentos» Xosé Manuel Dasilva asina a achega «Dúas antoloxías inéditas de X. Alonso Montero e X. L. Méndez Ferrín».

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración dun novo autor Alexandre Plaza Poutás, e a poética uns textos inéditos da autoría de Xavier Rodríguez Baixeras.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Dez anos de Ulises en galego. Unha digresión necsaria. Pódese vivir sen ler o Ulises?», que asina Xabier Queipo e «Manuel Murguía e a lírica galegoportuguesa», de Xabier Ron Fernández.

A maiores na sección «Lingua» Hellen Cristina Picanço Simas escribe sobre «As línguas indígenas do Brasil. Uma proposta de planejamento lingüístico» e tamén sobre a nosa lingua na sección «Debates» Henrique Monteagudo asina «Nos 40 anos da Lei de normalización lingüística. Cómpre virar o rumbo».

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Xerusalén, Entre o conflito e os oasis», da autoría de Ana Cabaleiro.

A escritora Fina Casalderrey asina unha «Autopoética» na sección de «Literatura infantil e xuvenil».

Na sección «Feminismos» Patricia Faraldo escribe sobre «Reforma e contrarreforma dos delitos sexuais: un camiño de ida e volta» e Miguel Vieito Villar asina «Reflexións sobre vulnerabilidade, violencia e patriarcado».

Pecha o volume as seccións «Arte» co texto «Francisco Fernández del Riego. A colección dun defensor da arte galega» que asina Beatriz Liz de Cea e «Música» co texto «5o anos de Fuxan os Ventos» que asina Fernando Fernández Rego.

Velaquí o contido da miña recensión:

As derradeiras leccións dos mestres

Os mestres mortos daquel verán

Narciso de Gabriel

Vigo: Galaxia, 2023, 248 páxinas

O pedagogo e catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel vén de publicar un estudo de investigación intitulado Os mestres mortos daquel verán (Galaxia, 2023), cuxo título parafrasea como homenaxe a novela de Carlos Casares Os mortos daquel verán. Narciso de Gabriel, que segue o camiño encetado na súa anterior obra de divulgación da nosa memoria histórica democrática e republicana Vermellos e laicos (Galaxia, 2021), compila desta volta as tráxicas biografías de doce docentes galegos represaliados polo franquismo, agás o derradeiro asasinado nun masacre perpetrado pola Gestapo, policía política do estado nazi.

O volume, que reproduce na cuberta o fermoso “Monumento aos represaliados da represión franquista” que instalou o lembrado Isaac Díaz Pardo no coruñés Campo da Rata, ábrese cun Limiar onde se cita con exhaustividade a extensa nómina de mestres e mestras que foron asasinados entre os anos 1936, en maior número, e 1941, con idades que abranguían desde os 23 anoas de Enrique Alonso Teijeiro e os 60 de Juan García Niebla.

Oito deles foron executados despois de xuízos carentes de toda lexitimidade e garantía. Outros trece, once homes e dúas mulleres, xa foran paseados tamén en 1936, sen necesidade de representaren ningunha pantomima de xuízo previo condenatorio á máxima pena. E aínda tres máis habían morrer a consecuencia das malleiras e torturas sufridas na súa arbitraria detención, o que levaría a outros dous a se suicidaren antes de caer nas mans dos franquistas.

Deseguida o autor escribe en dez capítulos as sucintas biografías dalgúns deses mestres e mestras represaliados, centrándose en doce persoas concretas, dez homes e dúas mulleres, aínda que ás veces no capítulo poden aparecer referencias explícitas a outros que tamén sufriron a barbarie franquista, e que se presentan en orde cronolóxica da data da súa morte violenta. Velaí, ilustradas en cada capítulo cun debuxo inicial tirado dos álbums de Castelao e con versos de diferentes poetas no inicio, as tráxicas historias de María Vázquez Suárez, Rafael Fernández Casas, Jesús Álvaro López Brenlla, Mercedes Romero Abella, Fernando Barcia Veiras e Rafael Pardo Carmona, Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, Arximiro Rico Trabada, Víctor Fraiz Villanueva, Ramón Amadeo Figueroa Vilachá e Francisco Ponzán Vidal.

Todas elas ben merecen un coñecemento demorado, ademais todas as biografías teñen axilidade narrativa e os datos historiográficos non empecen a lectura. A brutalidade dos franquistas non nos abandonará en toda a lectura, velaí como exemplo que no capítulo dedicado a Rafael Fernández Casas, paseado o 20 de agosto de 1936 e tirado nunha gabia, que fora sacado pola noite da súa casa escola de Souto-Carnoedo, tamén inclúe unha referencia a Pedro López Vázquez, con destino na escola de San Mamede de Carnota. Aquí reproduce un fragmento do proxecto universitario Nomes e Voces (que se pode ler na rede) e ao que pertence este parágrafo: “Foi retido e colgado polas pernas nunha das vigas de planta baixa que usaba para dar escola na paraxe do Campiño, na parroquia de San Mamede de Carnota. A súa tortura durou máis dun día, queimáronlle os dedos das mans, posteriormente virárono e sometérono a toda clase de agresións. Acabou morrendo no mesmo lugar onde foi torturado (…)”.

As fontes que manexa Narciso de Gabriel permiten testemuñar coma en moitos casos a algúns mestres aplicóuselle a “lei de fugas” en 1936, como Jesús Álvaro López Brenlla, e o franquista Ministerio de Educación Nacional depurouno e fixo pública a súa separación do ensino en 1940!!!

O mesmo aconteceu con Mercedes Romero Abella, natural de Cee, mestra no barrio coruñés de Monelos no momento do seu asasinato, antes estivera noutras localidades como Corcubión. O seu nome xa figuraba na primeira orde de destitucións que os franquistas deran a coñecer en agosto de 1936. Neste capítulo, coma noutros, Narciso de Gabriel bota man das investigacións históricas publicadas por Luís Lamela García para relatar como Mercedes foi “paseada” en novembro de 1936 e depurada do ensino anos despois. Tamén se lembra que a Asociación para a Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) localizou e identificou os seus restos e con eles recuperou o lapis da mestra e un carbón de debuxo. Estas eran as armas que utilizaban as mestras e os mestres na súa revolución.

Mención á parte merece o asturiano Francisco Ponzán Vidal, quen se fixera cargo da escola dos Baos-Corzón (Mazaricos) en 1934 e en febreiro de 1936 tomou posesión da de Camelle (Camariñas), pois conseguiu eludir as primeiras vagas represivas do franquismo e cando xa estaba en Francia foi detido o 28 de abril de 1943 pola policía colaboracionista francesa e dous días antes de se liberar Toulouse, o 17 de agosto de 1944, foi un dos moitos presos que asasinou a Gestapo nos estertores da súa represión.

Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel, é un deses libros que deberían ser lectura imprescindible e necesaria para coñecermos a nosa memoria democrática e para combater a pantasma do fascismo que máis unha vez anda a percorrer Europa. Tamén para lembrar e facer xustiza histórica cos nomes de mestras e mestres adoito esquecidos nos seus lugares de orixe ou nos espazos onde desenvolveron o seu maxisterio.

Esta entrada foi publicada en Historia, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta