Recensión a Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, de Luís González Tosar (ed.) en Grial 207

FranciscoLuísBernárdez
No último número, 207 (xullo, agosto, setembro do 2015) de Grial, Revista Galega de Cultura, que xa anda desde hai uns días polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada « Epifanía dun poeta masidao que medrou porteño » para falar sobre o volume Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, que publicou o Centro PEN Galicia, coordinado e editado polo seu presidente, o poeta d’O Irixo Luís González Tosar. Velaquí:
Epifanía dun poeta masidao que medrou porteño
Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia
Luís González Tosar (ed.)
Santiago de Compostela: Centro PEN de Galicia, 2015, 290 páxinas
A colección «Alén mar» do Centro PEN Galicia, iniciada con Ars Amandi que rescataba a poesía amatoria en castelán de Eduardo Blanco-Amor, vén de publicar a súa segunda entrega, un coidado volume colectivo, coordinado e editado por Luís González Tosar, co título Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, obra que contou co patrocinio da RAG e da Academia Argentina de Letras, cuxos presidentes Xesús Alonso Montero e José Luis Moure asinan unha breve «Presentación académica» onde se recolle a implicación das dúas entidades no proxecto. Do agarimo do proxecto falan páxinas como a que reproduce o soneto autógrafo «Al nombre de laura treinta años después» da edición conmemorativa de La ciudad sin Laura (1968).
Deseguida o propio González Tosar escribe o artigo «Case oito décadas, debulladas, de FLB» no que lembra con emotividade o seu primeiro encontro co escritor galego-arxentino nunha libraría porteña por volta do outono de 1968: «Quedei impresionado, era o primeiro escritor que tiña diante e, por riba, falaba galego!». E despois soubo como estivera diante dunha das voces senlleiras da xeración de Borges, González Lanuza, Leopoldo Marechal, Molinari, Norah Lange e Mastronardi.
Xa en Compostela, como temoeiro da revista Dorna, Tosar principiou a súa continuada reivindicación da obra e da persoa de Francisco Luis Bernárdez que había rematar no seu recoñecemento como masidao a título póstumo e na primeira homenaxe na súa honra. Ben interesante resulta a abordaxe que Tosar fai dunha cuestión espiñenta, o posicionamento de Bernárdez, por mor do seu catolicismo, en favor do golpe militar contra a República e que axiña había mudar ao lle chegaren da Terra novas dos galeguistas paseados. Desde aquela profesou sen acougo a defensa da cultura e da lingua galega.
Unha completa «Cronobiografía», con 27 páxinas de precisos datos biobibliográficos acompañados dunha morea de fotografías, e unha «Árbore xenealóxica de Francisco Luis Bernárdez», que asina Xosé Ricardo Rodríguez Pérez, serven para dármonos a coñecer a traxectoria do poeta, sempre poñendo en valor a súa intensa relación con Galicia e coa cultura galega da diáspora arxentina. De especial relevo son as referencias no primeiro dos textos aos cinco anos que residiu en Galicia, entre 1920 e 1925, nos que foi redactor do Faro de Vigo e redactor xefe de El Pueblo Gallego, con episodios que o levan a coñecer a Antonio Noriega Varela, quen o había de poñer en contacto con Teixeira de Pascoaes, cuxo saudosismo moito influíu a ambos naquela altura. Desta época provén tamén o seu achegamento aos galeguistas Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Castelao).
A anáise máis centrada na súa contribución á cultura e á lingua galega vén da man de Armando Requeixo no artigo «Unha matria sentimental» que inclúe unha documentada panorámica sobre a súa obra en galego e/ou sobre Galicia, arrequentada por un percorrido sobre «Os días galegos de Bernárdez» onde se relatan as súas viaxes e de como nunha delas, 1916, agromou o desexo de poetizar en galego, que se había concretar nos tres poemas que publicou en 1919 en Vida Gallega. Debrúzase tamén sobre o «Xornalista e colaborador da prensa galega», tanto nas cabeceiras das revistas galeguistas dunha e doutra beira do océano, nas revistas literarias vangardistas ou nos diarios galegos (Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Galicia. Diario de Vigo e outros), antes de analizar «A escrita en galego», os citados tres poemas de Vida Gallega, un poemiña de 1952 na revista Buenos Aires Literaria e un soneto de 1970 no xornal arxentino La Nación, alén de numerosos artigos de temática diversa e esparexidos en diferentes publicacións, nos que salienta a devota recensión a un poemario de Teixeira de Pascoaes ou o relato da súa viaxe á morada do escritor portugués en Amarante.
Mención á parte merece a consideración da súa conferencia «Encol do idioma galego» que se había recoller en 1953 nun libro, xunto a outra peza de González Carbalho, nunha edición ao coidado de Seoane e que se titulou La lengua gallega en voces argentinas. Discurso encol do idioma galego por Francisco Luis Bernárdez. Idioma y poesía por González Carbalho.
E finalmente «Textos sobre Galicia» en castelán, con especial relevo dos numerosos artigos que se centran nalgún aspecto da nosa literatura quer da lírica galego-portuguesa medieval quer da nosa literatura moderna, desde o Rexurdimento até os seus coetáneos, e que nos ofrecen unha dimensión pouco coñecida do seu labor divulgador do noso.
Alonso Montero céntrase na dimensión sociolingüística nun artigo de profuso título «1954: defensa, ilustración e reivindicación da lingua galega na cidade de Buenos Aires nun tempo no que o franquismo era especialmente represor en Galicia», no que sintetiza textos e datos xa publicados con anterioridade no seu coñecido ensaio A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954 (2003).
As vivencias biográficas e literarias porteñas son analizadas por colaboradores arxentinos, que foron versionados ao galego por Requeixo, así José Luís Moure acode á súa memoria en «Francisco Luis Bernárdez, unha e outra vez»; María Raquel Llagostera en «Voz referencial do 22» particulariza a súa importancia na poesía arxentina desa época nun texto que se extracta e traduce de Capítulo. Cuadernos de literatura argentina; Rogelio Barufaldi en «Luz de Deus, home e natureza» estuda os principais elos temáticos da súa poesía, salienta a súa querencia pola forma, en especial os sonetos e tamén os seus característicos versos de vinte e dúas sílabas, con dous hemistiquios de nove e trece, así como a profundidade das súas metáforas e dos seus símbolos recorrentes.
Por parte, María Esther Vázquez contribúe coa reprodución dunha entrevista evocadora «Olladas paralelas: diálogo entre Bernárdez e Borges», tamén publicada con anterioridade, mais que agradece unha nova lectura, e Francisco Fernández Naval asina «Julio Cortázar e Francisco Luís Bernárdez», que tamén reescribe e sintetiza algunhas ideas do seu libro O soño galego de Julio Cortázar (2014) sobre a cordial relación de amizade e de respecto mutuo malia non seren exactamente simultáneos, mais si coincidentes, que se fixo máis distante en 1968 logo da separación de Julio e Aurora Bernárdez, medio irmá de Francisco Luis.
«Poeta e xornalista» de Antonio Requeni, «Profundamente puro» de Horacio Armani e «Un místico no faladoiro do Ateneo» son os tres últimos artigos, moito máis breves mais non por iso menos interesantes, que preludian a achega final, unha completa Selección de textos en galego e sobre Galicia (1919-1977), ilustrada con capas de libros da súa autoría, que testemuñan a necesidade de contarmos con esta obra para recuperar e divulgar un escritor, Francisco Luis Bernárdez (Bos Aires, 1900-1978), pouco coñecido entre nós e que posúe un indubidable mérito literario, moito máis que a consideración de poeta alófono polos seus cinco poemas na nosa lingua.
Miro Villar
grial_207

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.