Recensión a Filomena Dato Muruais. A poeta das Mariñas, de Xesús Torres Regueiro, en Grial 219

No último número, 219 (xullo, agosto, setembro do 2018) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Unha autora na sombra de Rosalía», para dar conta do caderno biográfico Filomena Dato Muruais. A poeta das Mariñas, da autoría de Xesús Torres Regueiro.

Por outra banda, este número 219 xira arredor do tema «Comunicar en Galicia», con artigos sobre a cuestión da autoría de Margarita Ledo, Xosé López e Silvia García-Mirón, Xosé Rúas e Ana Isabel Rodríguez, Carmen Costa e Miguel Túñez, Cristina Pato e finalmente Eire G. Cid, e que se completa cunha «Conversa con Armand Mattelart», na que o teórico da comunicación francés fala con Fernando Redondo Neira.

Tamén se publican na sección «Temas do noso tempo» o artigo «A cosmovisión dos mestres do grupo Nós ourensán» da autoría do teólogo Victorino Pérez Prieto, e na sección «O espello das letras» o texto de Xosé Manuel Dasilva «La catedral y el niño, novamente», que engade novas investigacións ecdóticas sobre a novela de Eduardo Blanco-Amor.

Por parte, Carme Adán escribe «Sobre verdade e posverdade en sentido extrapolítico», Francisco Castro asina «Verdade Snapchat» e Sara Torreiro «A ra de papel e os zapatos dos homiños de Boimorto. As armas contra a posverdade».

Alén doutras recensións, completan este novo número, as páxinas de creación poética de Brais Lamela e narrativa de Iván García Campos, así como unha «Crónica de Noya York. A cidade da soidade. Unha viaxe con Inma López Silva e Cristina Pato» que asina Francisco Castro e os breves ensaios «Expertos estranxeiros na China. O caso de Pepe Castedo» que asina Xulio Ríos, e finalmente «Propaganda da realidade. Seoane e a ilustración gráfica nos semanarios Claridad e Ser (1933-1935» da autoría de Carlos L. Bernárdez que pecha o volume.

Velaquí a miña recensión ao completo:

Unha autora na sombra de Rosalía

Filomena Dato Muruais. A poeta das Mariñas
Xesús Torres Regueiro
Sada: A. C. Irmáns Suárez Picallo, 2018, 48 páxinas

Nas Mariñas coruñesas entidades como a A. C. Irmáns Suárez Picallo, de Sada, ou Eira Vella, de Betanzos, manteñen desde a súa fundación unha encomiable actividade editorial, publicando textos de moito interese. A colección «Cadernos de Estudos Xerais» chega ao nº 12 co libro de divulgación Filomena Dato Muruais. A poeta das Mariñas, de Xesús Torres Regueiro, que se engade a outras obras sobre Díaz Castro, Blanco-Amor, Emilia Pardo Bazán, Manuel María, Ramón Vilar Ponte, Monterroso Devesa, García Lorca ou o uruguaio Julio José Casal, tan relacionado coa Época Nós, ou sobre personaxes históricas como o crego das Encrobas, Moncho Valcarce, o teólogo Espiña Gamallo, a heroína republicana Luísa Viqueira Landa e a pintora Maruxa Mallo.

Filomena Dato é unha autora pouco coñecida, malia aparecer sempre de xeito breve nas primeiras antoloxías da nosa poesía, nas historias da nosa literatura, nas compilacións feministas e mesmo estaren dixitalizados os seus libros pola RAG, Galiciana, a Biblioteca Virtual Galega, a Biblioteca Digital Hispánica ou o Arquivo Sonoro do Consello da Cultura. Jesús-Fernando Román Alonso publicou até hoxe a súa biografía máis completa Filomena Dato: a poeta galega de Entre Séculos (Ourense: Duen de Bux, 2009) que agora o historiador Torres Regueiro completa con novos datos.

As primeiras epígrafes aproximan a contorna familiar, nada nun ambiente familiar de ideoloxía ultracatólica e absolutista. E non só se centran nos seus pais senón tamén no seu irmán José, militar, no irmán “toliño” Juan, no curmán Eduardo que presidiu o Consello de Ministros varios anos co Partido Conservador, e en dous seus curmáns literatos e con certa consideración, Andrés e Jesús Muruais, nomeadamente o primeiro que foi compañeiro de Añón, Curros ou Vesteiro Torres en Galicia Literaria e ten moita obra en galego e en castelán. De Filomena Dato relátase como participa no feraz movemento literario ourensán finisecular, con Lamas Carvajal, García Ferreiro, Pérez Placer ou Álvarez de Novoa, entre outros, e xa desde nova publicou poemas na prensa, como “A Galicia” en El Heraldo Gallego (1876) con só dezaoito anos e primeiro texto coñecido.

Nas epígrafes «Colaboración na prensa en galego» e «A poeta laureada», Torres Regueiro fai unha completa relación dos textos publicados e premiados, ás veces sintetizando as súas temáticas, que abalan entre a poesía culta e outra máis popular e intimista. Destaca a súa presenza en ducias de actos e homenaxes literarias, con especial relevo na que se lle fixo a Curros en 1904 na Coruña e onde foi a única muller ou noutra a Murguía no seu oitenta aniversario. O capítulo péchase coa crónica das homenaxes que ela recibiu en vida, nunha coa participación de Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, ou de maneira póstuma.

«A obra poética» é o capítulo máis longo e debulla de maneira cronolóxica os seus cinco libros de versos, dos que só está na nosa lingua o terceiro Follatos (1891), así como a súa fortuna editorial na actualidade, onde a súa obra é accesible en formato dixital. En papel o único título en galego tivo reedición bilingüe en 2008 e outra facsímile recente da Deputación da Coruña. Torres Regueiro analiza os principais poemas e os paratextos máis significativos cando nos fornecen de información cultural e histórica relevante. Nesa esculca Follatos ocupa os parágrafos de maior interese, con dous poemas dedicados a Rosalía, ao escritor ourensán finado novo Camilo Placer ou a Sofía Casanova.

As seguintes epígrafes recollen como ponderou a súa poesía a crítica coetánea, con recensións duras, mesmo do seu curmán Jesús Muruais, mais con moitas outras que saudaban con benevolencia o seu estro como as palabras que lle dedicou Labarta Posse e, sobre todo Curros, que xa en 1896 valora a súa obra na serie «Hijos ilustres de Galicia (biografías y estudios críticos» que viu a luz no xornal habaneiro La Tierra Gallega. Torres Regueiro tamén profunda na recepción posterior e na súa presenza ou ausencia nas antoloxías poéticas e nas historias da nosa literatura ata hoxe, poñendo o ramo na edición da súa obra por Román Alonso en 2009.

Catro breves capítulos documentan a súa relación persoal con Alejandro Pérez Lugín, pois ao coincidiren no verán nas veciñas parroquias de Ouces e Moruxo (Bergondo) leu de primeira man La casa de la Troya; con Curros, co que houbo un intenso diálogo literario de mutua admiración; con Sofía Casanova, as dúas primeiras mulleres académicas xa en 1906, aínda que non de número senón correspondentes e que tamén se dedicaron poemas e mutuos comentarios gabanciosos e, finalmente, con Rosalía, sen se trataren, pois Filomena recibiu na prensa o cualificativo de «la nueva Rosalía de Castro». Da súa man editou un cartón postal, onde no anverso vai unha foto dela levándolle flores á tumba en 1913 e no reverso o poema “A Rosalía”.

Por último, analízase «O feminismo de Filomena», co relevo do seu longo poema «Defensa das mulleres», premiado en 1877 nun certame na honra do Padre Feijóo, tanto na prensa da época como nas análises actuais de Carmen Blanco e Aurora Marco. «O repouso de Moruxo» glosa a presenza deste pazo de Bergondo e das Mariñas coruñesas na biografía e na obra; «A morte e o enterro de Filomena» testemuña as crónicas e un documento gráfico sobre o seu óbito e «Velada homenaxe», o primeiro acto de recoñecemento póstumo.

Retratos, como o que lle fixo Jesús Corredoira, reproducións de portadas, de poemas ou de novas xornalísticas completan este rigoroso percorrido co que Torres Regueiro procura unha maior visibilidade de Filomena Dato e da súa obra, adoito máis reivindicada desde o feminismo que desde a crítica literaria, moito menos condescendente cos seus versos, acaso merecedores doutras lecturas.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta