Recensión a Estrela do norte, de Luís Rei Núñez, en Grial 203

Grial203
No último número, 203 (xullo, agosto, setembro do 2014) de Grial, Revista Galega de Cultura, que xa anda desda hai semanas polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino unha recensión sobre a nova entrega poética de Luís Rei Núñez, intitulada Estrela do norte (Faktoría K de Libros, 2014). O xornalista César Lorenzo Gil (Cequelinhos) vén de publicar no seu blogue BiosBardia unha interesante entrevista co autor, que se pode ler nesta ligazón, e na TVG podemos ollar aínda esta reportaxe sobre o libro e esta entrevista no programa cultural Zig-Zag Diario.
E deseguida o texto da miña recensión:
Tributo atlántico
Estrela do norte
Luís Rei Núñez
Pontevedra: Faktoría K de Libros, 2014, 112 páxinas
A desidia institucional fixo esmorecer por volta do 2006 a colección de poesía «Tambo», editada pola Deputación Provincial de Pontevedra, que publicou máis de trinta títulos baixo a dirección literaria do escritor Luís Rei Núñez. Porén, o ano pasado a colección renacía co mesmo leme en Faktoría K de Libros, selo editorial dependente de Kalandraka, e facíao co celebrado poemario de Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa.
O sexto título da colección, tras outro máis de Torneiro, Antoni Marí, Xavier Seoane e a antoloxía Sete poetas vascos, é a nova entrega do propio Luís Rei Núñez, poeta de longo alento e varios libros que xuntaría nun único volume A rolda invisible (2000), ao que había seguir Alma mareira (2003). Desde este ano só publicaba versos en colectáneas e a miúdo a súa lírica ficou ensombrecida polo altura da súa narrativa, con títulos tan premiados e lidos como O señor Lugrís e a negra sombra (2007) ou a deliciosa Monte Louro (2009), por citarmos só algún.
Estrela do norte confirma once anos despois a solidez dunha traxectoria que non procura novos camiños, senón que reitera varios fíos xa recollidos polo autor con anterioridade, mais sen por iso caer de ningunha maneira na repetición e no eco de si propio, na procura de modulacións novas.
O libro está dividido en cinco partes, aínda que a primeira «A illa de Moebius» e a última «Cómputo» teñen cadanseu poema único: «Ulises, a Penélope» e «Oración polos dons». Un e outro poemas xorden como reconto. O primeiro, de alento épico, é coma un himno que reescribe máis unha vez o mito clásico para o emparentar con persoeiros da nosa historia patriótica, como Foucellas, mais tamén con figuras literarias, como o poeta Whitman, e mesmo espazos de ficción como o baleeiro Pequod, onde Akhab persegue a Moby Dick na súa loucura.
E o derradeiro, como sinala o seu encabezamento, é unha longa oración que mestura lecturas de clásicos das nosas letras ou da literatura mundial, coa arte, a historia, o patrimonio, a música, o cinema, e tamén espazos como Muros, O Pindo, Fisterra, Punta Nariga, as Mariñas, recorrentes na obra literaria de Luís Rei Núñez.
Unha ducia de poemas conforma a segunda parte, intitulada «Dous», con textos de evidente e procurada sinxeleza formal como as cuartetas asonantadas dos «Seis Cantares Gallegos» ou os tercetos dos primeiros poemas ou da «Suite Monte Louro», que alternan cos cuartetos da «Muiñeira de golfiños e pardelas» ou os sextetos de «Escrito no vento». Son versos nos que sobrancea a melancolía, así no poema «Margarida da espera» lemos até oito diferentes saudades. E tamén a homenaxe ao atlántico, que xa estaba presente en obras anteriores como a citada Alma mareira, desta volta cos fermosos poemas inspirados nos faros de Monte Louro e da Punta Nariga ou nun texto que dialoga con Poe, «Baralla de familias», onde explicita: É un Atlántico, e son galegos / os que o navegan.
Os dezasete poemas da terceira parte, intitulada «Cartas mariñas», demostran a versatilidade e o oficio do poeta ao se presentaren como prosas poéticas. Da profundidade do seu estro velaí este fragmento: Miras o Atlántico, aquí, e o teu corazón quere ser Atlántico. E logo é o Atlántico o que non sabe onde pórse, e quere rebordar os mapas, e quere entrar en ti e ser ti.
De novo a saudade, con música de tangos como Nostalgias e Volver, coas vellas lecturas de Simbad, Akhab ou do neno Jim Hawkins na illa muradá chamada A creba, mais tamén os clásicos como o noso Mendinho ou Hölderlin (acaso o gran poeta do mundo) e canda eles iconas da historia do noso tempo: e o tataravó Whitman ha deixarme dicir: – ¡Oh, capitán Mandela!
«Un bivaque de memoria» é o epígrafe da cuarta parte con dezasete poemas, entre os que salientan as homenaxes aos poetas «Un réquiem galego (por Manuel Cuña)», finado en 1992, e ao seu amigo e coetáneo Ramiro Fonte, finado en 2008, «Onde habite Ramiro», ou o tríptico de sonetos que conforman «Fillos do amor do Atlántico por Fisterra».
Canda eles versos que evocan o desastre do Prestige en 2002 desde a carnotá Boca do Río, que poñen nome aos penedos de Traba e de Pasarela nas terras de Soneira, que cantan «A horta da casa dos valados» e «Desde a casa esmoucada» que na lareira dos devanceiros / xa non quedan rescaldos, que percorren a Pontevedra histórica cos cruceiros de Castelao e as novas arquitecturas de César Portela.
Tamén merecen destaque o poema inspirado na célebre película de John Ford O home tranquilo (1952), «O río da palabra», no que dialoga con Rosalía, Machado, Pimentel, Cunqueiro, Cernuda, Vallejo, Yeats e Poe, porque ¡O poeta rebate a tiranía do tempo!, o «Sete Belo» das artes e das letras (Mestre Mateo, Martín Códax, Faustino Santalices, Manuel Antonio, Aquilino Iglesia Alvariño, César Portela e José Caruncho) e o «Retrato de T.», que non é outro que o poeta Manuel Álvarez Torneiro, presenza maior na colección «Tambo».
Poemas inéditos, poemas revisitados que coñeceron versións anteriores ou que foron adiantados en colectáneas como «O abecedario do Pindo», que se incluíu na antoloxía Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013), configuran esta Estrela do norte, que nos leva á reflexión, á viaxe, mais tamén ao feliz reencontro co poeta Luís Rei Núñez.
Miro Villar
camisas TORNEIRO LUIS.fh11

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.