No mesmo último número, 217 (xaneiro, febreiro, marzo do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, e tamén na habitual sección intitulada «O espello das letras» aínda asino unha outra recensión intitulada «O exemplo dun empresario galeguista» para dar conta da obra Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País (Ourense: Academia Postal Editores, 2016), da autoría de Ricardo Gurriarán.
Velaquí a recensión ao completo:
O exemplo dun empresario galeguista
Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País
Ricardo Gurriarán
Ourense: Academia Postal Editores, 2016, 238 páxinas
Unha década despois do volume coordinado por Fernando Franco e María Celia Ameneiro Bravo, Enrique Peinador Lines. Burgués, empresario, galeguista, mecenas e filántropo (Ir Indo, 2006), chega esta biografía máis completa da man do investigador Ricardo Gurriarán, quen engade esta obra á súa listaxe de monografías coma as que dedicou a estudar a obra e a vida do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán ou do xeólogo Isidro Parga Pondal.
Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística, e Xosé González Martínez, Presidente do Foro Peinador, salientan en senllos prólogos o carácter singular que se une na persoa de Enrique Peinador ao procurar unha simbiose posible entre empresa e cultura galega, como filántropo e mecenas.
Velaí o obxectivo final de Gurriarán, quen asina unha documentada biografía de Enrique Peinador Lines (Pontevedra, 1876 – Vigo, 1940) en cinco capítulos e unha Introdución. Nesta, alén de sinalar as dificultades de artellar o seu perfil, de primeiras por ser herdeiro da práctica empresarial de seu pai, Enrique Peinador Vela, verdadeira alma mater do Balneario de Mondariz.
De feito estas primeiras páxinas céntranse en ofrecer unha radiografía exacta dos inicios innovadores da empresa de turismo termal até o seu esplendor na década dos anos vinte do século pasado, para o que contaron co bo facer de Isidro Pondal Abente (Laxe, 1843 – Santiago, 1925), como médico-director especializado en hidroloxía. Na expansión do proxecto, había ser peza fundamental Peinador Lines, primeiro como comercial da empresa de seu pai, mais desde 1907 como director que conseguiu a definitiva modernización.
O capítulo inicial relata “Os primeiros pasos do pequeno Enrique e a súa contorna termal: familia, Mondariz, Madrid e rexionalismo”. E así coñecemos os pasos que deu o proxenitor até fundar o seu establecemento despois da localización das fontes de augas medicinais de Mondariz, que habían ir medrando a un ritmo de vertixe, inaugurando o Gran Hotel en 1898 e conseguindo mesmo melloras na rede dos camiños de ferro que favoreceu a chegada de moitos máis bañistas e “agüistas”.
Gurriarán sitúa a Peinador, pai, próximo ás candidaturas do agrarismo solidario da época e con sucesivos preitos contra o concello de Mondariz que defendía a titularidade pública da fonte de Troncoso. Con probabilidade isto condicionou os estudos de Dereito en Madrid de Peinador, fillo, do que tamén se destaca a súa afección fotográfica e a publicación de artigos, nomeadamente de xinea histórica e tamén literaria, polos que Murguía chegaría a o propoñer como correspondente da Academia Galega.
As relacións con intelectuais como Murguía ou como Curros Enríquez, seareiro do balneario, e outros autores da época habían ser fundamentais no proceso de galeguización consciente que segue o empresario tenaz, quen andando o tempo había conseguir a constitución do novo concello de Monariz-Balneario, oficial desde xaneiro de 1925.
O segundo capítulo debrúzase sobre a xestión de Peinador, fillo, sinalando o que hai de solución de continuidade a respecto do pai e o que hai de renovación e pegada persoal na empresa, como os novos edificios que levaron a sinatura do afamado arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Época de notables melloras nas comunicacións, quer no tranvía quer na novidade telefónica, de novos servizos balnearios, mais tamén de nova imaxe para a publicación La Temporada, coa edición da revista Mondariz. Suplemento a La Temporada, na que colaborou unha nómina extensa de autores do mundo científico, médico sobre todo, mais tamén do ambiente literario e cultural, pois a revista tamén falaba de arqueoloxía, etnografía, música, folclore…, como testemuñan varias composicións interpretadas nas veladas do balneario.
Xa no terceiro capítulo Gurriarán sinala a progresiva diversificación de proxectos que acrecentan o valor engadido do proxecto empresarial, ao tempo que tamén medra o interese de Peinador pola nosa cultura, até o punto de que López Cuevillas fixo escavacións arqueolóxicas na contorna durante varios veráns ou que se convocou un concurso de variadas temáticas, entre elas valorizar a arquitectura tradicional galega.
Ao mesmo tempo, os premios internacionais en certames de hidroloxía e termalismo que recibía a empresa de Mondariz non só permitían unha maior proxección senón que revertían no explícito labor de mecenado que exercía Peinador sobre diferentes manifestacións da nosa cultura, como é notorio nas páxinas de La Temporada e na prensa da época que Gurriarán consultou.
“Publicacións e cultura, compromiso galeguista e empresa con identidade galega: un trinomio transversal con bos resultados sociais” é o capítulo máis interesante da obra porque reflicte con detalle como Mondariz foise convertendo nun espazo central e difusor da cultura galega. Detállase o labor de coordinación e de dirección de Ramón Cabanillas na revista e a altura dos seus moitos colaboradores, por exemplo Castelao, Cebreiro, Sobrino… no moi coidado apartado gráfico. Cabanillas incluso chega a pronunciar o seu discurso de entrada na RAG, A saudade dos poetas galegos, en Mondariz Balneario no verán de 1920.
Mais o compromiso de Peinador trascende o ámbito da súa empresa, e Gurriarán lembra como foi socio protector do Seminario de Estudos Galegos e como participou en actos, homenaxes ou en publicacións de referencia como a revista Nós.
Esta dedicación non ía rematar no ámbito cultural e Peinador vai participar da III Asemblea Nacionalista celebrada en Vigo en 1921, mesmo sendo interlocutor entre os sectores enfrontados liderados por Risco por unha banda e polos irmáns Villar Ponte pola outra. E logo da ditadura de Primo de Rivera vai estar no denominado compromiso de Barrantes, na posterior fundación do Partido Galeguista desde a primeira hora ou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
Era evidente, como relata o último capítulo, que o compromiso de Peinador non ía pasar desapercibido a ollos do novo réxime franquista. Porén, o declive da empresa xa proviña duns anos antes cando a familia perdeu o control do accionariado a mans dos acredores da Banca Pastor e que derivou nunha crise que a guerra agravaría.
Neste contexto prodúcese a morte de Enrique Peinador Lines en 1940 e Gurriarán estima que tamén influíu no óbito a execución dous meses antes do seu fillo Enrique Peinador Porrúa, militante de Izquierda Republicana e de quen se nos ofrecen uns datos sobre o seu compromiso político.
A fascinante e pouco divulgada biografía de Peinador, quen hoxe lle dá nome ao aeroporto vigués, ou dos Peinador, xa que se fala de pai, fillo e neto, aínda se enriquece cuns ben interesantes Apéndices documentais, epistolares e fotográficos.
Miro Villar