E tamén nese último número, 223 (xullo, agosto, setembro do 2019) de Grial. Revista Galega de Cultura, na sección intitulada «O espello das letras», nese artigo intitulado « Dúas biografías: Castelao e Dieste», aparece a segunda sobre o volume Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, da autoría de Miguel Anxo Seixas Seoane. Velaquí:
Castelao. Construtor da nación
Tomo I. 1886-1930
Vigo: Galaxia, 2019, 1332 páxinas
Baldomero Cores titulou «Unha biografía perenne» un artigo en La Noche (11-04-1953) para falar das dificultades do xénero e das bondades das obras biográficas escritas por Stefan Zweig, que naquela altura xa escribira máis dunha ducia. Cores sinala que as biografías de Zweig son froito da portentosa cultura dun home apaixonado. E así podemos considerar Castelao. Construtor da nación de Miguel Anxo Seixas, quen xunta unha inconmensurable erudición e a paixón dunha entrega a un inxente labor de “andar ás crebas” durante vinte anos.
Unha angueira así, sintetizar a vida e a obra dun persoeiro da dimensión de Castelao, obriga a que o biógrafo tivese que facer sucesivas reformulacións para poñer orde e concerto na enorme cantidade de documentación, primeiro para lla entregar á Fundación Castelao, da que é vicepresidente, e logo para envorcar todo ese coñecemento nunha magna Tese de Doutoramento, á que precederan outras obras sobre o rianxeiro como Castelao pintor (Galaxia, 2006) ou artigos nas colectivas Para ler a Castelao (2000) e Galicia, o sorriso de Daniel (2004) ou comisariando exposicións como a recente “Castelao maxistral”.
Sobre a complexidade da tarefa reflexiona Seixas na Introdución, comparándoa cunha nao coa súa obra morta visible e a súa obra morta invisible e moito máis grande. Tamén nos ofrece unha interesante síntese das biografías escritas no noso País desde a que considera inaugural, Murguía (1933), de Vicente Risco.
Este primeiro tomo estrutúrase en nove capítulos, sen título e de desigual extensión, enmarcados sempre entre dous anos, ás veces precedidos dunha fotografía, e que inclúen varias epígrafes con encabezamentos máis precisos e rematan cunha vaga oceánica de notas. Un Apéndice gráfico final completa este longo percorrido. E o contido de cada capítulo non se cingue tan só aos episodios da vida de Castelao, arrequentándose co repaso histórico da sociedade contemporánea, na vida civil, no político, no social ou no cultural, poñamos por caso cando se cita o escaso número de libros en galego que cada ano se publican.
De feito, nos dous primeiros (1886-1895; 1896-1899) os datos sobre o propio Castelao representan unha mínima porción, malia sabermos que comeza a escribir e a riscar debuxos na escola particular do seu tío antes de ingresar na pública aos sete anos. Porén inclúen moitos antecedentes familiares e sobre todo describen a vila rianxeira (poboación, economía local…) e a configuración administrativa do estado, un Reino de España católico confesional, castelán, centralista e castrense, cunha Galicia subsidiaria. Feito que explica moitas cousas, como a emigración de seu pai Mariano ao territorio da Pampa arxentina. Seixas nunca cita un dato que non poida documentar, así a correspondencia epistolar entre pai e nai testemuña como en 1896 se reencontran en Buenos Aires e o neno coñece o proxenitor. Escena e escenarios daquela inmensa chaira que inspiraron páxinas literarias do escritor rianxeiro nos catro anos de estadía até que unha doenza do pai marcará o regreso a un Rianxo que mudara ben pouco.
A formación académica enche dous novos capítulos (1900-1902 e 1903-1908) co estudo do Bacharelato en Compostela, coa curiosidade de suspender dúas veces Preceptiva Literaria, e os posteriores cursos universitarios de Medicina. Desta volta coñecemos tamén o desenvolvemento da cidade neses anos, o poder eclesiástico, a situación do ensino ou a súa desgaleguización, aínda que “estudara a Anatomía vertendo as leciós no coarto da pousada ó galego”.
Consegue titular, non sen problemas, como Bacharel en Artes e convence o pai para estudar Medicina. Máis unha vez Seixas non só detalla os seus estudos, que amosan un Castelao festeiro, velaí a súa condición de guitarrista e caricaturista na Tuna de Medicina, e un estudante pouco disciplinado e de reiterados suspensos, senón que nos ofrece unha ben interesante e documentada radiografía do mundo universitario. É a época na que coñece a Virxinia, a súa futura muller, aínda que namorou antes dunha súa irmá, e na que é declarado inútil para o servizo militar por unha lesión de corazón. No entanto o lapis xa non abandonará a Castelao e Seixas consegue dar conta dos seus traballos gráficos para os comercios da cidade ou en periódicos efémeros, El Barbero, revistas, La Tribuna Literaria, ou proxectos como o seu Álbum de autocaricaturas.
Un dos capítulos máis extensos (1909-1915) pormenoriza a súa presenza nas publicacións Galicia Moza e Vida Gallega, onder se converte nun ilustrador de sona que comparte páxinas cos máis respectados e recoñecidos intelectuais e que introduce a lingua galega nos textos. En opinión de Seixas “Castelao autodidacta enchóupase con todo o que o rodea”. Ao mesmo tempo consegue o grao de licenciado, principia o seu encontro coa pintura e as súas ilustracións chegan até as revistas da emigración, primeiro no semanario Galicia (A Habana) e a seguir en moitas outras cabeceiras.
A súa estadía formativa en Madrid virá acompañada da súa primeira carta en galego a unha moza de Dodro, que Seixas reproduce íntegra, cando mesmo co seu pai a correspondencia era en castelán. Son anos ligados a exposicións pictóricas e a colaboracións gráficas como ilustrador, mentres decide rachar con Vida Gallega porque cre que a revista viguesa fomenta a emigración.
De regreso a Rianxo é o tempo da súa coñecida participación en El Barbero Municipal, sempre a carón de Eduardo Dieste, unha epígrafe que nos permitirá seguir a súa evolución ideolóxica e a súa progresiva conciencia política. Nestes anos é cando vai exercer o seu labor médico, sen cobrar, descubrindo que non é a súa vocación, e envorcándose na pintura, pola que recibirá os seus primeiros recoñecementos públicos, como a medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes e outras exposicións individuais e colectivas en cidades galegas ou en Madrid así nolo tesmuñan. E principia a súa serie de pinturas de cegos ou a traballar por encarga. Porén, a arte non garante o sustento e chegarán oposicións ao corpo de estatística, que vai aprobar.
No ámbito privado documéntase a voda con Virxinia, coñecemos a familia Pereira, e o nacemento do seu fillo, así como as súas primeiras dificultades na visión, que o volveu cego temporalmente. E no ámbito político testemúñase o seu achegamento aos agraristas de Basilio Álvarez, ao tempo que as súas ilustracións adoptan un ton moito máis reivindicativo. Seixas consegue detallar cada unha delas e os seus obxectivos con precisión cirúrxica.
Como non podía ser doutro xeito (1916-1920) configura outro longo capítulo que vén coincidir co nacemento e esplendor das Irmandades da Fala. Achegámonos agora á cidade de Pontevedra, capital de provincia da que Seixas detalla os insterticios políticos, onde o horario de oficinas permítelle ter unha intensa vida social e cultural, mais tamén exercer como profesor de debuxo no Instituto. Son anos nos que tamén debuxa cubertas e contracubertas de libros, publica obras de seu como o folleto Algo acerca de la caricatura, e neste tempo no dicir de Seixas “aquí debeu comezar o entendemento de Castelao co irmandiño Cabanillas”.
A evolución do galeguismo, o voceiro A Nosa Terra e máis tarde a revista Nós, a influencia do catalanismo, os procesos electorais, converten este capítulo na cerna deste Tomo I, aínda que a profusión dos acontecementos históricos eclipse novamente un chisco a figura do propio Castelao que se recupera cando Seixas nos fala do narrador en galego dos relatos “O segredo” (1909) e “O inglés” (1914), que permanecen aínda sen publicar, ou “Peito de lobo” que agardaría a ver a luz até 1919. Logo virán as “Cousas da vida” e outros textos que o ratifican, así como o seu primeiro ensaio en galego “Arte e galeguismo”. Paga a pena deterse na análise deste texto fulcral que realiza Seixas.
Unha epidemia de gripe que o converte en médico ocasional, o seu continuado labor como publicista en galego, como pintor “primitivista” ou novas oposicións para o ascenso na categoría de Estatística engaden a dimensión máis persoal deste lustro.
No sétimo capítulo (1921-1922) salienta a crónica da súa viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña. Seixas documenta os numerosos atrancos antes de obter a bolsa de estudos e as diferentes estadías, para as que acrecenta e cruza moitos datos que completan a percepción e a visión que o propio Castelao escribiu no seu Diario 1921 e “seguir as súas olladas coas súas crenzas previas, as cavilacións e os apuntamentos íntimos daquela, pois foi publicado postumamente”.
Seixas conclúe que “logo de todo o visto na viaxe de 1921 case non vai cambiar a súa pintura” e só interrompe o seu concienciudo seguemento para nos lembrar algúns acontecementos importantes que sucedían en Galicia, como a terceira asemblea das Irmandades. O epistolario de Castelao nesa viaxe foi intenso e o que se conserva conforma outra fonte inestimable de información.
De volta á Terra acrecenta a sólida relación con Vicente Risco, por razóns culturais e políticas, e aínda terá vagar para participar na pontevedresa Xuntanza de Estudos Galegos, ao tempo que se incorpora a Galicia. Diario de Vigo, outra fito das súas colaboracións xornalísticas, ou publica Un ollo de vidro, achegas que novamente coñecemos en profundidade.
O penúltimo capítulo (1923-1927) principia coa epígrafe máis dubidativa de todo o rigoroso traballo de Seixas, pois o autor non é quen de nos confirmar algúns dos datos que ofrece, ás veces contraditorios, sobre a súa viaxe con Risco a Barcelona. Máis preciso, como adoito, é a crónica da quinta asemblea da ING, da interrupción da revista Nós ou de toda a intensa actividade que Castelao segue a desenvolver en Galicia, como a súa participación no Seminario de Estudos Galegos.
A ditadura de Primo de Rivera vén mudar moitas dinámicas e obviamente Seixas dedícalle varias páxinas ás repercusións que tivo no galeguismo en todas as frontes, mesmo “a prensa nacionalista é censurada e prohibida”. Malia todo, Castelao segue a publicar ilustracións e relatos, incorpórase a El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, segue a ser reproducida a súa obra na emigración (e a Seixas non se lle escapa unha dese repertorio), antes de que apareza a primeira compilación de Cousas (1926), cuxa ecdótica analízase con profusión. Con todo, a epígrafe máis reveladora é “Derradeiro relato inédito editado”, antes dunha nova alusión á súa vida persoal “Volve a cegueira”, que nos amosa o seu lado máis humano nun momento no que o seu único fillo segue no leito, xa moi grave da súa doenza.
Para lle poñer o ramo a este Tomo I, Seixas escolle o trienio (1928-1930), que se incia coa traxedia da morte do fillo e a solidariedade que suscitou, que deixa a Castelao sen azos para continuar a publicar. A concesión dunha bolsa de viaxe á Bretaña, na que outra volta Seixas segue todo o proceso de adxudicación, revélase fundamental, e desta volta vai na compaña de Virxinia, muller da que moi pouco sabemos nesta biografía. Antes da xeira xunta novos contos para a edición de Cousas. Segundo libro (1929). As anotacións de viaxe e a correspondencia conservada axudan máis unha vez a coñecer con fondura a súa significación, da que nacerían as follas do Álbum de Bretaña e a obra Las cruces de piedra en Bretaña.
Acontecementos políticos, como o Pacto de Lestrobe ou o de Barrantes, a sexta Asemblea Nazonalista; persoais e literarios como a segunda xeira de colaboracións en Faro de Vigo, a publicación polo SEG da obra As cruces de pedra na Bretaña (1930) ou Cincoenta homes por dez reás (1930) en Nós, déixannos ás portas da chegada da II República, momento histórico que Seixas escolle como fronteira entre este tomo e o seguinte da triloxía.
Cómpre agardar, coma neste, altura e rigorosidade, amenidade, malia a inxente fervenza de datos, que nunca chega a facerse indixesta, e incluso unha pequena dose de humor na redacción que casa moi ben coa querenza de Castelao. Afirma Seixas que existe unha cidadanía que axudou a construír esta obra, mais abofé que eses alicerces precisaron do seu labor continuado e preciso.