Recensión a Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, en Grial 200


No seu feliz aniversario, cincuenta anos (1963-2013), acaba de chegar ás librarías o último número de Grial, Revista Galega de Cultura, 200 (outubro, novembro, decembro 2014), que tamén se pode adquirir en edición dixital na plataforma todoebook desde a propia páxina da Editorial Galaxia, publícase co título «A poesía como cicatriz da ferida» a miña recensión do poemario Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, gañador do I Concurso de Poesía Xosé Mª López Ardeiro, convocado polo Concello de Negreira, en homenaxe do poeta nicrariense de Chancela-Logrosa falecido en 2007 e a quen eu coñecín e tratei pouco.
Endebén recomendo a merca do exemplar, que ofrece diversos textos no cincuentenario da publicación. Alén diso, tamén estas interesantes achegas « A colección Grial e a revista Grial perante a censura franquista» que asina Xosé Manuel Dasilva, «Literatura galega. Un fenómeno proteico», que asina Dolores Vilavedra, «O teatro galego no medio século» da escritora Inma López Silva ou «Novos camiños para a arquitectura» de Daniel Beiras, entre outros, así como as habituais seccións de « Creación» ou «O espello das letras» de crítica, onde se insire a miña recensión.
Deseguida reproduzo o meu texto ao completo:
A poesía como cicatriz da ferida
Alturas do Monte Pindo
Rafael Lema
Negreira: Concello de Negreira / Gráficas Galicia, 2013, 38 páxinas
En setembro ardeu o monte Pindo, máis de 2200 has., a práctica totalidade do arborado do macizo granítico e boa parte das marismas de Carnota. O lume naceu co violento nordés, os días solleiros, os atavismos tradicionais da nosa tribo, as mans covardes dos incendiarios e a política forestal da administración que nada fixo para protexer o monte e que desbotou no parlamento a declaración deste espazo como Parque Natural.
Unha constelación de entidades e persoas individuais están a reclamar Monte Pindo Parque Natural con ducias de actividades diversas, entre as que estivo a edición por crowdfundig ou microfinanciamento colaborativo do volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013), que xuntou 56 poetas e 66 textos, cuxa referencia máis antiga até agora documentada é de Francisco Añón, cun poema de 1861 que di: «Eu soñey con ver n’a cume d’o Pindo, / Adornados de mirto e loureiros, / Escritores poetas guerreiros, / Que sorrindo se daban a man».
Alén da poesía, no Limiar de Francisco Fernández Naval e eu propio salientamos: «Foi a literatura quen popularizou o carácter sacro do monte dende antigo. Son moitos os autores que insisten na súa denominación de Olimpo, velaí senón a Ramón Otero Pedrayo, quen o describe así: ‘O monte, formado por enormes masas de granito adopta unha forma de grave testa, e aínda florecen nas súas fisuras as figueiras salvaxes das que falan o P. Sarmiento e Jovellanos nas súas Notas de viaxe. Chamóuselle un dos Olimpos célticos de Galicia e é, en verdade, un dos máis fermosos montes litorais dela”. Pero agora, grazas ao traballo divulgador da Asociación Monte Pindo Parque Natural, sabemos que nun documento de doazón, recuperado no Tombo de Celanova, con data do ano 942, xa se recollía esta condición: “In Carinota… cum suo monte sacro’».
Con esta colectánea xa pechada e no prelo, o libro intitulado Alturas do Monte Pindo de Rafael Lema resultaba gañador o pasado mes de decembro do I Concurso de Poesía Xosé Mª López Ardeiro, convocado polo Concello de Negreira, co apoio da Consellaría de Cultura, en memoria do chorado poeta nicrariense que finou en 2007. O texto obtivo a unanimidade dun xurado conformado polos poetas Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio Valcárcel, a crítica e narradora María López Sández, o crítico Xosé A. Ponte Far e a profesora María Rey.
E a finais de maio vía a luz o poemario, en realidade un único e longo poema narrativo, a xeito das antigas e medievais sergas (confesa nun verso: «lonxano nome de sergas e de sagas») que dicían en verso aventuras de cabaleiros, desta volta estruturado en seis partes que levan como pórtico cadansúa imaxe. De feito, articúlase como un caderno que anota as evocacións e as suxestións dunha xornada de ascenso ata A Moa, o punto máis alto do Monte Pindo «que medrou asombrando a Fisterra», e o posterior descenso. Unha ascensión que principia: «Partindo das gamelas con nomes de muller / e das redes que amasan a salmuira / os carreiros perden o seu corpo de area».
A voz poética enúnciase sempre na primeira persoa do plural e vai deténdose nos pormenores do roteiro, quer humanos (como o son das campás de San Cremenzo, a igrexa parroquial d’O Pindo, ou os valados choídos), quer da fauna e da flora (os cabalos mostrencos, breixos e uces, a xilbarda…), quer da propia paisaxe que se albisca no horizonte (o Xallas a morrer na freixa do Ézaro «onde o río do paraíso celta / que estronda en cadoiro contra o océano?» ou tamén as praias, os cantís e «un mar que laia e xeme»).
E canda esta descrición tamén se bota man das lendas e dos mitos que configuran o capital simbólico deste espazo singular. A poesía tórnase épica e velaí as referencias ao castelo de San Xusto (acribillado / polas sétas do olvido), aos trasnos e aos señores, aos deuses e aos reis da mitoloxía grega (o reino de Xerión, Minos, Plutón, Perséfone, Circe, Ulises, a Atlántida), que xa a tradición romántica galega emparentaba co Monte Pindo, ou figuras do noso propio corpus lendario (as xanas ou a raíña Lupa) ou da nosa tradición literaria («sen lenda de doncelas envolta en trobas / coa palabra perduda e o leixaprén»).
Tamén dialoga con tradicións filosóficas e literarias modernas como os Bastardos de Rousseau, o Wilhelm Meister de Goethe, o Paradise Lot de Milton ou a terra de Leopardi, estes últimos en versos case premonitorios «onde apañamos pequenos anacos dun libro / deixado entre a borralla», porque o lume e a súa devastación tamén aparece ás veces de esguello no poemario.
Do punto de vista estilístico é natural a escolla do versículo longo como predominante do discurso, que avanza en progresión tan só interrompida coa énfase das interrogacións retóricas, e pronunciado nunha lingua inzada de cultismos, mais non por iso desprovista de musicalidade poética. Unha lingua que, polo demais, rende tributo ao idioma dos nosos devanceiros.
A forza telúrica alicerza e constrúe un libro propicio para lermos como cicatriz poética para a desoladora ferida do incendio.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.