Recensión a Aldea lonxana, de Luciano Maia, en Grial 210

Grial210
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
No último número, 210 (abril, maio, xuño do 2016) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai unhas semanas xa anda polas librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Os dez poemas galegos de Luciano Maia» para dar conta da obra Aldea lonxana, do poeta brasileiro Luciano Maia. Velaquí a devandita recensión ao completo:
Os dez poemas galegos de Luciano Maia
Aldea lonxana
Luciano Maia
Betanzos: Eira Vella, 2015, 84 páxinas
A asociación cultural betanceira Eira Vella vén mantendo desde a súa fundación unha notable actividade editorial, de primeiras publicando A Xanela, Revista cultural das Mariñas, que principiou sendo o suplemento cultural do periódico mensual Betanzos y su comarca (desde xuño de 1994 a maio de 1995). A revista reaparecería con maior número de páxinas e de maneira independente na primavera de 1996, nos últimos tempos pasou a ser semestral e o último número ata hoxe é o 40, datado no outono de 2015.
Cabo desta publicación Eira Vella tamén configurou un interesante catálogo de reedicións facsimilares, sempre acompañadas de excelentes estudos introdutorios, como a revista Rexurdimento (1922-1923) que nacera como «Órgao dos intereses mariñáns» e que chegou a ser «Órgao da ING» da man de Vicente Risco; como o Manifesto ¡Máis Alá!, de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro; como os libros de poemas Orballeiras, de Fernando García Acuña, baseada na 2ª edición de 1887, e Mariñanas, de Xosemaría Pérez Parallé; como a conferencia de Rodolfo Prada sobre Antolín Faraldo pronunciada o 22 de xuño de 1953 e que fora editada polo Centro Betanzos de Buenos Aires en 1954 ou como unha coidada edición dos Seis poemas galegos, de Federico García Lorca.
Canda estas reproducións o seu catálogo tamén incorpora a obra de autores betanceiros ou ben relacionados coa comarca coruñesa das Mariñas. Así, a colección de poesía publicou Vizoño, de Maxi Rei, e Elemental, de Gabriela Rodríguez, mais tamén se engaden obras de historia como As fontes no concello de Betanzos, de Antón García e Xesús Torres Regueiro.
A última achega é Aldea lonxana, obra do escritor brasileiro Luciano Maia (1949), avogado, mestre en literatura, membro da Academia Cearense de Letras e cónsul honorario de Romanía en Fortaleza, autor dunha extensa obra poética que abrangue máis dunha vintena de títulos. Malia ser impreso no Brasil, o volume foi editado pola Asociación Cultural Eira Vella por vontade propia do autor. O seu maior interese para nós reside nos «Dez poemas galegos» escritos na ortografía oficial, que van dedicados ás súas amizades betanceiras da A. C. Eira Vella e da revista A Xanela, mais tamén a Nélida Piñón. A seguir completan o volume case medio cento de poemas en portugués.
Luciano Maia asina un Prólogo de dúas páxinas, datado en «Santiago de Compostela, janeiro de 2015» no que sinala que «antes, eram cinco poemas galegos, publicados pela primeira vez em 1984, como parte do livro Sol de espavento» e que terían varias reedicións que detalla. Engade que, sempre inspirado polos Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca, en 2015 decidiu aumentar ata a decena as composicións na nosa lingua.
Xesús Torres Regueiro asina «Unhas verbas para os Dez poemas galegos de Luciano Maia», explicando as semellanzas entre os primeiros «Cinco poemas galegos» e a citada obra de Lorca e como na nova fornada Santiago de Compostela e Rosalía de Castro teñen unha presenza poderosa, así como outros símbolos nacionais como a gaita galega ou espirituais como a saudade da emigración, para concluír: «Mais Luciano Maia non pode ser considerado un poeta alófono, como o foi Federico ao cantar en lingua galega ou o foron outros poetas menos coñecidos. Porque Luciano Maia, brasileiro nordestino de lingua portuguesa, acolleu a vella lingua galega nestes poemas sabendo que se reintegraba á lingua nai do portugués».
Deixando á parte os textos en portugués, malia que do punto de vista literario presentan maior calidade formal e temática, con sonetos de brillante factura, os «Dez poemas galegos» ábrense cun soneto imperfecto, que lle dá titulo ao volume, «Aldea lonxana», sobre as ruínas que deixa o transcorrer do tempo. «Foliada»,«Alba lucense» e «O neno e gaita» son mostras de poesía neopopularista no ronsel dos cancioneiros. Unha maior elaboración estética presenta «Cantiga partíndose», conformada en dísticos que representan un diálogo sobre a orfandade que produce a emigración, tema que tamén enchoupa as cuartetas de «Lonxanía».
Os catro últimos poemas galegos son os máis notables, «O poeta en Santiago» mestura a evocación lorquiana na súa chegada a Compostela e a rosaliana através da voz do propio Lorca. E Rosalía tamén inspira os sonetos «Santiago de Compostela» e «Soneto de adeuses na Galicia», para rematar con «Na cara do mar» que na temática é o menos galego de todos, xa que rememora a antiga denominación do río Siará, grafado posteriormente como Ceará, que lle dá nome ao estado brasileiro do que é orixinario Luciano Maia.
Miro Villar
AldeaLonxana01

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.