«Reboiras na lembranza», na voz de Darío Xohán Cabana

Medio século transcorreu, 1975-2025. Tal día coma hoxe, na madrugada do 12 de agosto do ano 1975 na ferrolá Rúa da Terra o militante nacionalista Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia caía abatido polos disparos da policía española franquista. En 2009 o Ministerio de Xustiza do Goberno de España recoñeceu que Moncho Reboiras padecera ilexitimamente persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical.

Na miña mocidade lembro como o Concello de Corcubión, que tiña como alcalde a Rafael Mouzo Lago, foi a primeira localidade en dedicarlle unha rúa. E nesa vila coñecín ao finado poeta e amigo Darío Xoán Cabana (a quen lembrei no Álbum de Galicia e nunca esquecerei a súa xenerosidade á hora de prologar o meu primeiro libro Ausencias pretéritas). Nesta anotación recupero o poema que lle ten dedicado, escribiuno en 1976 co título «Reboiras na lembranza» e recitouno xa no cemiterio de Imo, Dodro, no ano 1979.

Na súa propia voz, aínda que co título «A Moncho Reboiras» figura na compilación Poetas e Narradores nas súas voces, un libro coordinado pola escritora Luisa Castro que editou o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

O audio pódese escoitar nesta ligazón e velaquí o texto do poema:

Paso a paso marchando

nos camiños da patria,

levamos na memoria

as alegres palabras

que Reboiras dicía

cando entre nós andaba.

Polos campos labrados,

polos peiraos e as fábricas,

sementamos as verbas

do noso camarada.

Ouh aquela canción

de vida e de esperanza,

ouh aquelas sorrisas

amigosas e cálidas,

ouh aquelas mans duras

no traballo forxadas,

afeitas a colleren

ferramentas e armas.

Terras do Val de Lemos

humildes e onduladas

que o mirastes pasar

ó noso camarada,

rúas pinas de Vigo,

de Cangas, de Moaña,

casas traballadoras

que lle destes pousada,

dicídeme se non

queda a sombra cravada

nos carballos, nas lousas,

nas paredes das casas,

se non queda a súa vida

inmóbil na lembranza

dos barcos, dos peiraos,

das palleiras, das fábricas.

Anchos campos da terra,

común e doce patria,

dicídeme que a morte

do noso camarada

é pedra de futuro,

cimento de alborada,

roxa estrela, martelo,

fouce, bandeira, cántiga,

dicídeme que o vento

trae as súas palabras,

que o seu corpo baril

pervive nas montañas,

que non morreu Reboiras,

que está sempre na patria

contido na conciencia

do pobo que levanta

formacións de combate,

razóns de barricadas.

Dicídeme, congostras,

vales, chairas, montañas,

que está con nós pra sempre

cravado na lembranza

o capitán do pobo,

o altivo camarada.

(Rafael Mouzo inaugura a rúa adicada a Moncho Reboiras cando era alcalde de Corcubión. Arquivo A Nosa Terra)

Created with Nokia Smart Cam

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Historia, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta