Ramón Otero Pedrayo como «mestre» do poeta Antón Zapata García


(Retrato nos anos da Segunda República. Fonte: Fundación Otero Pedrayo)
Hai 130 anos, tal día coma hoxe, o 5 de marzo de 1888 naceu en Ourense o polígrafo Ramón Otero Pedrayo, finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976. E Otero Pedrayo foi o «mestre» para moitos escritores galegos de diversas promocións ou xeracións, entre os que tamén se atopa o poeta Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), quen recoñeceu esa débeda e tamén foi ben considerado polo ourensán.
O primeiro testemuño da admiración de Antón Zapata está na dedicatoria «A Ramón Otero Pedrayo, / pol-o ben que sementa en prol da Nazón Galega» que fixo constar cando se publica o opúsculo Edoardo Pondal: Alma, Sentimento e Libertá da Terra Galega.Conferenza pronunciada por A. Zapata García, o 5 de Xunio de 1930, no “Orfeón Español”, con motivo do grande homaxe que lle rendío ô nobre bardo Gundar a Sociedade Nazonalista “PONDAL”, logo de se compril-o 13 aniversáreo da súa morte.
E segundo podemos ler nunha Nota dos Editores: «Esta conferenza foi pubricada no periódico “A FOUCE” o 15 de Xunio de 1930».
En realidade, apareceu por entregas en dúas publicacións: A Fouce [nº 15, 1 de xullo de 1930] e Alborada, Revista da ABC do Partido de Corcubión [nº 57, agosto-setembro de 1930; nº 58, outubro de 1930; nº 59, decembro de 1930 e nº 60-61, Bos Aires, xaneiro-febreiro de 1931]. Nesta publicación leva os seguintes preámbulos:
«Por crêla de outo intrés pr-ôs leitores das follas d’ALBORADA, hénos gasalleiro pubrical-a conferenza que, encol do tíduo que vai d’avante, fui lida pol-o noso consóceo, Antón Zapata García, no “Orfeón Español”, na nuite do 5 de Xunio derradeiro.
Veleiquí a nomeada primícea que tan outadamente fala da Nosa Terra, —a través dos redenzores versos do poeta de Bergantiños— nas tres caraiterísticas xa denantes consiñadas, ou sexa: Alma, Sentimento e Libertá:» en Alborada, nº 57, Bos Aires, agosto-setembro de 1930.»
«Continuazón da conferenza que dou o noso consóceo Antón Zapata García, no “Orfeón Español”, o 5 de Xunio, diante un milleiro e medio de oíntes» en Alborada, nº 58, Bos Aires, outubro de 1930.»
«Seguimento da conferenza que dou o noso consóceo Antón Zapata García, a câl merecéu outos alaudos do xornal “El Diario Español”, do periódico “A Fouce”, e do profesor da Universidade da cibdá de La Plata, doitor don Augusto Cortina Aravana, que é, hastra oxe, o mellor comentarista sóbos das obras sa nosa Santa Pomba, Rosalía Castro de Murguía.» en Alborada, nº 59, Bos Aires, decembro de 1930.»
«Terminazón da conferenza cuia cópea n-estas follas nos fui aitorizada pol-o seu aitor, o noso conterrán Antón Zapata García.» in Alborada, nº 60-61, Bos Aires, xaneiro-febreiro de 1931.»
A finais de 1930 vai ver a luz o primeiro texto en importancia sobre a obra de Zapata, un artigo que publica o propio Ramón Otero Pedrayo nas páxinas do xornal vigués El Pueblo Gallego, nº 2035, Vigo, 11 de outubro de 1930. Foi reproducido meses máis tarde na revista Alborada, da ABC de Corcubión , nº 64, Bos Aires, xuño de 1931. Na súa sección “Prosas galegas” o polígrafo ourensán escribe o artigo «Un poema de A. Zapata García», no que se amosa entusiasmado pola composición «A Gaita» que se viña de publicar na revista La Temporada de Mondariz (nº 5, 6 de xullo de 1930. E tamén en A Nosa Terra, Idearium das Irmandades da Fala, A Coruña, nº 277, 1º de novembro de 1930. Alborada, Revista da ABC do Partido de Corcubión, Bos Aires, nº 64, xuño de 1931) e que merecera unha mención especial no Certame organizado polo Centro Gallego de Montevideo. Admiración que Otero Pedrayo rememorará tamén no prólogo escrito para A Roseira da Soidade (1954), o poemario póstumo de Antón Zapata García.
Anos máis tarde, nunha xeira de conferencias que realiza en 1947, convidado polo Centro Gallego da capital arxentina, na diáspora Ramón Otero Pedrayo sente unha leve indisposición pola que o polígrafo ourensán ten que ser internado nun hospital. Son moitas as visitas que recibe, entre elas a de Zapata, como vai lembrar anos máis tarde o propio Otero no prólogo do libro A Roseira da Soidade.
«Do meu amigo de amizade confirmada unha mañán do griseiro inverno austral do 1947 cando me visitóu en Bós Aires estando éu doente por unhas horas no leito. Dinantes de decir seu nome, decatéime por as primeiras falas quén era. Tratóu na sua conversa dos paxaros mariños e das longas procelas da costa dura en peito guerreiro arquexada dende a torre de Breogán ao Touriñán e Fisterra, dos antigos da sua xinea navigantes dendes Corme á Prata en naus veleiras, dos tremorosos silenzos xermoladoiros botados por a sombra podente do nome e verso de Pondal sobor das praias e das almas… Falamos dos amigos…».
Esta amizade había continuar cando se publica o poemario A Roseira da Soidade, cun prólogo de Ramón Otero Pedrayo, un texto que se virá obrigado a refacer ao coñecer a morte do poeta e ao que pón remate no mes de nadal de 1953. Sabemos que foi feito a pedimento do editor Manuel Roel Longueira, pois así se sinala na correspondencia entre o editor e o poeta de Laxe. A primeira carta está datada o 18 de febreiro de 1953 e nela Antón Zapata desculpa o seu longo silencio na relación epistolar que mantiñan desde que Roel Longueira regresara a Betanzos en 1950, sinalando que desde o “pasado mes de xuño de 1952: paséi seis meses no leito, de abondo enfermo e doorido” e que agora debe facer fronte a un estricto réxime alimenticio. Zapata agradécelle a Roel “todo canto vostede fixo a prol meu diante dos siñores Otero Pedrayo, Carré, e Vales”, do que se pode deducir que todos tres tiveron algo que ver no proceso de edición.
Porén a repentina morte de Antón Zapata retrasaría ata os primeiros meses de 1954 a aparición de A Roseira da Soidade. Ramón Otero Pedrayo confesa no “Prólogo” que recibira o encargo de Roel para escribilo a mediados de xullo e que pouco despois chegara outra carta, datada o 3 de agosto, na que o betanceiro lle comunicaba a morte de Zapata. Otero Pedrayo escribe as súas palabras “con dóor e ó tempo con serea legría” nos “comenzos do Nadal”, tendo na lembranza “unha mañán do griseiro inverno austral do 1947 cando me visitóu en Bós Aires estando éu doente por unhas horas no leito”, para logo debruzarse na análise da lírica zapatiana, salientando as pegadas de Pondal, Cabanillas e o bretón Tristán Corbière.
Finalmente, en 1952, novamente Ramón Otero Pedrayo fai unha referencia ao seu labor poético en dous parágrafos do seu artigo “A República sin leis dos poetas e dos artistas”, recompilado no libro Por os vieiros da saudade (Vigo. Galaxia, 1952. Existe unha reedición, Polos vieiros da saudade. Lembranzas e crónicas dunha viaxe a Buenos Aires coleccionados. Ed. de Luís G. Tosar. Vigo: Galaxia, 2001), no que ademais de lembrar a Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela e o pintor Colmeiro, tamén evoca a forma como coñeceu ao noso poeta, cando Otero, de xira por Bos Aires, estaba convalecente, aproveitando para engadir un breve xuízo poético da súa obra:
«Unha mañá das finamente chicoteadas por o ventiño dos restríos, un pouco doentes, cun primeiro lóstrego de febre e a necesidade de desenrolar no serán unha das conferencias principás da nosa xeira, estábamos no leito, xa tardeiro, cun sosego inquedo, cando entróu un home rexo, grave, de falar de caste dos bós de Bergantiños. Era, de antigo, noso amigo sin télo nós enxergado nunca. Un poeta da torgueira dos renovos e agromares podentes e doncelas. Non albriño abraiado ó ser posto no foio do pomar literario. Falaba do vivir dos mariñeiros de Laxe, dos antigos navigantes a vela que ás veces con unha boa “popada” púñanse no termo dun mes en Buenos Aires, de Pondal alancando por as beiras do río “que íl máis amóu de todos”, do canto do alción nas estesas praias desertas ó anoitecer. Era Antón Zapata García. Levaba xa tempo en Buenos Aires. Un vivir forte, independente. A épica do Roncudo e o longo pranto ou o himno dos pinales, alboradeiro, non foron escala de lirismo desglosado da hora para iste poeta dono do momento, con forza, vontade e humorismo para coller a vida por os cornos como unha xunca brava.
Despois houbo outros poemas de Zapata, unha obra tecida, como dín, fortemente cos temas da loita fadal do mundo. Nós gardamos o acento e a verdade galega, dos anacos de poemas maquiados na conversa de Zapata, na soia, para nós venturosa, ocasión de nos ver e falar.»
Polo seu interese, xa que daquela Ramón Otero Pedrayo aínda non coñecía a Antón Zapata, reproducimos ao completo aquel primeiro artigo de 1930.
Prosas galegas. UN POEMA DE A. ZAPATA GARCÍA
Quixera escribir hoxe no principiar do outono un artigo que me rebule nas mentes dende os medeados do vrán. Entón, nos lameiros de trebo, o pasar levián das fadas da noite frolecía as costelaciós do ceo vexetal correspondente ó ceo estrelecido. Pol’o seo verdecente dos milleirals bulía a yauga da rega i-os montes figuraban erguerse e frotar nos quentes ouros do sol. Outras veces era â beira do mar.
A badía toda ronselada mantiña vibraciós de lus que non se sabía si viñan dos fondos mistereosos onde deitan fontelas descoñecidas, deseguida amarguradas pol’a crudelidade salgada do mar, ou si era a lumiosidade do día conquerida e gardada pol’as augas amantiñas. Outras, a comba de peito valente da mar aberta. E sempre enmeigado nas paisaxes galegas sentía a lembranza do poema de Antón Zapata García faguéndome compaña, pois n’il canta nos versos e n’ises espazos fondos que fican entre verso e verso pra qu’os encha a evocaceón a música do gaiteiro. Do Orfeu galego.
Agora as esenzas do outono —alquimia do sol, danza de velos das brétemas, mágoas no esprito dos arboredos— fan ainda máis urxente a presenza do noso Orfeu. O antigo, o primeiro chantre do mundo, asegún dicían os comentadores retóricos, guiaba as feras i-erguía ordeadamente as pedras das vilas. O gaiteiro fálalle ôs homes d’unha raza fina, esprimentada n’unha paisaxe humán todo il fogar do esprito, i, asegún toca, eispresa primitivismo e requintamento, lembranza i-espranza, forza e matís.
A gaita desque se fai profesional e se afoga en locales pechados, ten amingoado un pouco do seu prestixio. Na campía e na aldeia hai sempre no silenzo vexetal e cósmico ou no balbordo de augas, ventos e traballos, un tema de gaita. Todo poeta galego —recordamos ô ademirado Amado Carballo— ten moito de gaiteiro, guiador e ceibador do que d’outro xeito ficaría prisioeiro. No poema de Zapata vai engayolada e decorrente ispiraceón gaiteira.
Eu quixera chamar a atenceón encol d’iste fermoso poema pouco coñecido. Ten o pular valente dos grandes devanceiros do dazanove i-unha feitura, non sei si antiga ou nova, na que se tecen as verbas collidas das mans cruzadas nas anzas étnicas ou locen soltas e soilas todo o seu valor musical i-evocador. A gaita do celta Ourente, do simbóleco nome belido recolle todal’as esenzas da paisaxe e da raza, duas palabras que na Galiza sempre camiñan xuntas.
Horas de mañán e de noite, solpores mariñeiros, horas decorridas ô agarimo dos amieiros fluviales, horas ledas de noivado, horas magoentas de nai doorosa, na Alborada e na Muiñeira, as duas cousas indiscutibres da nosa Terra. Zapata lonxe d’ela soupo abranguela n’iste poema que ficará como unha pura e belida ofrenda, acarón dos mal chamados clásicos. E digo mal chamados porque nas nosas letras verdadeiras o sentimento de mocidade i-a grandeza sinxela da ispiraceón non deixan que coalle ningún tiráneco e demarcado academismo de modelo.
Ramón Otero Pedrayo

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Epistolarios, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta