Rafa Vilar: «Os nenos teñen menos prexuízos que os seus pais e profesores»


(Fotografía de Sandra Alonso, La Voz de Galicia)
A edición de Carballo de La Voz de Galicia publica unha entrevista co meu irmán Rafa Vilar por gañar o VI Premio Arume de Poesía para Nenos, que convoca a Fundación Neira Vilas e que está dotado con 1.000 euros e a publicación do libro. Rafa presentou a obra Patente de corso (pequeno dicionario pirata). Deseguida reproduzo a totalidade da entrevista, realizada polo xornalista Ángel Palmou, na que non deixa de nos sorprender que falando de literatura apareza unha pregunta sobre a actividade política do escritor, coma se non se puidese facer diferenza entre un ámbito e outro. Velaquí.
O escritor Rafa Vilar (Cee, 1968) volveu levar os seus versos pola senda da literatura infantil para alumear unha obra que acaba de ser recoñecida pola Fundación Neira Vilas co premio Arume de poesía para nenos. Patente de corso (pequeno dicionario pirata) é o título dun libro no que se deixan sentir os vencellos do autor co mar e no que os corsarios trocan a violencia por inxenuidade. A obra estará nas rúas para a próxima celebración do Día das Letras Galegas, pero moito antes, o día 19 deste mes, Vilar recollerá o seu galardón na sé da fundación dezana, na que tamén se darán cita Iolanda Castaño e Alberto Calvín Corredoira, premiados polo xurado con sendas mencións de honra.
-¿Como xurdiu a idea de escribir esta obra de piratas?
-É un libro de poesía infantil para nenos e nenas. Trata o mundo dos piratas e do mar dun xeito diferente. Está estruturado en forma dun dicionario no que cada entrada é un poema, son trinta en total. O mundo dos piratas xa estaba moi presente na literatura e no cine así que busquei unha óptica distinta.
-¿Séntese cómodo no eido da literatura infantil?
-Absolutamente porque é un xénero moi creativo. Normalmente fago poesía para adultos, pero a infantil permíteme traballar con elementos, coma o humor, que normalmente non aparecen nas outras obras. Este é o meu segundo poemario para nenos tras Acuarelas, que publicou a editorial Galaxia.
-¿Que tal reciben eles este tipo de propostas?
-Moi ben. Os rapaces teñen moitos menos prexuízos que os seus pais e os seus profesores con respecto á poesía, como puiden comprobar por propia experiencia.
-Recentemente deu o paso a actividade política coma edil en Compostela. ¿Qué teñen en común ese mundo e a poesía?
-Eu non son un político profesional, pero en calquera caso o que teñen en común é que se moven no mundo das ideas, das palabras, dos valores e do compromiso.
-Hai tempo explicou que empezou a escribir na adolescencia por unha pulsión interna. ¿Como evoluciona esa necesidade?
-É fundamental mantela viva e, ademais, co paso do tempo vas gañando en coñecemento e aprendendo os resortes da creación literaria, e iso é básico porque aínda que din que a literatura é esforzo, tamén é creatividade.
Doutra banda, a edición do Deza do Faro de Vigo tamén publica outra entrevista, mais esta non a imos reproducir (tedes que pinchar na ligazón se a queredes ler). A razón non é outra que ese absurdo e demencial costume de traducir ao castelán as declaracións de persoas que falan en galego. De noxo. Supoño que a culpa de tamaño despropósito non será da xornalista, chamada Blanca Paz, senón do libro de estilo do diario vigués. Xa lles vale!!! Que país de ananos mentais temos!!!

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Infantil, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.