Queres ler connosco?, guía de Nadal editada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros



(Dúas páxinas da Guía. Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
De sempre, e nestes tempos de crise económica aínda moitos máis, as bibliotecas públicas deveñen fundamentais á hora de posibilitar a lectura a calquera persoa.
Moitas delas realizan un impagable labor de difusión da nosa literatura. Hónrame que unha obra da miña autoría faga parte da guía de Nadal Queres ler connosco?, editada polo excelente Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros, conformada por oito centros, que se pode ler completa no seu blogue bibloleiros ou neste pdf de 96 páxinas: Guía -Queres ler connosco- (Nadal 2013).
Na súa páxina 34 recomendan o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), con ilustracións de Xosé Cobas, na sección «Libros para nenas e nenos de 12 a 14 anos». Tamén aparecen outras novidades de autoras e autores da Costa da Morte, como Acuario (Edicións Embora) de María Canosa, con ilustracións de Dani Padrón; Patente de corso. Pequeno dicionario pirata (Edicións Embora) de Rafa Vilar, con ilustracións de Gemma Capdevila, ambos e dous na sección «Poesía e Teatro Infantil e Xuvenil» ou 50 faros de Galicia (Biblos), de Javier Toba Blanco e 500 cogomelos do litoral atlántico e noroeste peninsular (Cumio) de J. M. Castro Marcote, M. Pose e J. M. Traba Velay, da asociación micolóxica Pan de Raposo, ambos e dous na sección «Libros de coñecemento para mozas/os e adultos/as».
Obrigado, moitas grazas ás Bibliotecas de Oleiros, adoito recoñecidas con premios senlleiros polo seu labor de difusión e promoción da lectura.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Banda deseñada, Biografía, Cinema, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Humor, Infantil, Lendas e mitos, Lingua, Música, Narrativa, Poesía, Premios, Recensións, Teatro, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.