Que a Terra che sexa leve, Xosé Fernández Ferreiro, afiador das palabras

XoséFernándezFerreiro
(A fotografía tirada do sitio web de Xerais é de Maribel Longueira, 2011)
Hoxe espertamos coa mala nova do pasamento do escritor Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, Santa Cruz de Rubiacós, Nogueira de Ramuín, 29 de xaneiro de 1931). Son lector da súa obra desde mozo, e coma case sempre os primeiros libros da súa autoría eran exemplares da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” de Cee.
Como sucedeu con outros autores e autoras, seguiron outras lecturas da súa obra, até unha ben profunda que fixen cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Daquela traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre a novela Agosto do 36 foi da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor do texto de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do que se publicou.
A día de hoxe, esta mesma novela continúa a ser unha das obras que figura na ampla listaxe de lecturas do meu alumnado de 4º da ESO, polo que a cada pouco teño que a revisitar.
En calquera caso, velaquí vai o texto que escribín por volta do 2000, non sen antes recomendar a lectura desta excelente anotación sobre a súa persoa na bitácora A noite branca, de Francisco Fernández Naval.
Agosto do 36, XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
Con esta novela Xosé Fernández Ferreiro recibe, por unanimidade, o Premio Xerais na convocatoria de 1991, sendo publicada a súa primeira edición nese mesmo ano pola editorial que promove o certame. Trátase da oitava novela do escritor de Nogueira de Ramuín, que xa fora finalista do mesmo concurso no ano 1984 con A fraga dos paxaros salvaxes, e tamén finalista do premio Blanco Amor de novela longa, en 1981, coa obra intitulada Corrupción e morte de Brigitte Bardot. A prolífera obra narrativa de Xosé Fernández Ferreiro caracterízase por ter en común a procura da innovación temática e técnica, así como unha atmosfera de crítica social que comparte cos demais membros do grupo Brais Pinto.
Agosto do 36 céntrase na represión das primeiras semanas de guerra civil e relata como un grupello de falanxistas dá un “paseo” a Sara, a mestra dunha parroquia rural da provincia de Ourense, utilizándoa como carnaza para prender ao seu home Gregorio que se atopa fuxido. Manuel, alcumado “O Garabís”, xefe dos falanxistas busca ao mestre para saldar contas por resentimentos familiares e persoais. Sara é sometida ás maiores vexacións e torturas ante a impotencia de Gregorio e a pasividade dos veciños. A ficción está ambientada nunha aldea abandonada, A Touza, situada nunha serra de Ourense. En realidade, segundo confesión do autor, trátase do Val da Porca, un lugar cercano ao do seu nacemento, e a narración está baseada nun feito real e nas lembranzas da infancia do propio escritor. Ademais, como sinala Salgado, a anécdota que deu orixe ao relato asoma xa nas páxinas dunha novela anterior intitulada A ceo aberto (1981).
En calquera caso a guerra civil ten unha presencia tanxencial, como mirada de esguello, e non se fala do conflicto en si senón das barbaridades que cometeron os falanxistas. O tema da novela vén ser a existencia dos “paseos”, que foron unha consecuencia da guerra. Non se pode esquencer que Galicia, historicamente, estivo moi castigada pola represión fascista e que se asasinou impunemente e non sempre por motivacións políticas senón por outras cuestións que non teñen nada que ver coa ideoloxía. A maior parte da crítica coincide en sinalar que o escritor abusou da técnica periodística, rematando por converter o que puido ser un relato sobre un feito acontecido durante a guerra civil na crónica dunha vinganza persoal, sen chegar a explicar a violencia nin as causas desta. Usando como base o testemuño dun suceso real non é capaz de se afastar da reportaxe de sucesos e a narración ben puidera ser un documento periodístico, escrito dunha maneira habelenciosa.
De se localizar noutro tempo histórico estaríamos perante unha novela de xénero*, coas características propias dun relato do oeste, dun western, como ben souberon ver Silvia Gaspar e Xesús González Gómez, no que habería unha poboación temerosa e apoucada, unha muller raptada por unha caste de bandidaxe e o desexo de vinganza dun heroe solitario. O devandito xénero non é novidoso na escrita de Fernández Ferreiro que se estreou no campo da narrativa con A morte de Frank González, o primeiro western da literatura galega.
Agosto do 36 está dividida en capítulos moi curtos que facilitan a súa lectura, e está estructurada en dúas partes de moi desigual contido, a primeira titúlase “O cerco” e consome oito capítulos, e a segunda “Execución” con outros quince capítulos. Na primeira parte explícase a xénese dos acontecementos de maneira retrospectiva e a motivación do “paseo”, que non é por seren republicanos senón por disputas de tipo familiar que veñen dos seus proxenitores, ademais o mestre sácalle a moza ao falanxista como xa tamén acontecera entre os seus respectivos pais.
A novela presenta unha estructura clara, cunha mensaxe sinxela e directa e un discurso áxil e fluínte, coa pretensión de non se afastar do realismo. Para isto, Fernández Ferreiro vertebra unha construcción clásica baseada en nó* e desenlace*. Nos primeiros capítulos introduce ao lector nas localizacións espacio-temporais naturais da acción, usando para iso técnicas periodísticas e recursos da literatura oral, e tamén técnicas cinematográficas, das que xa facía uso na novela Corrupción e morte de Brigitte Bardot. Desbotado o interese polo final, que xa coñecemos desde a primeira páxina, o autor desenvolve unha técnica de enfriamento que contrasta coa ascendente tensión interna provocada pola intriga e polo suspense. A estructura da acción artículase nun continuo crescendo* dramático que desemboca na consumación da traxedia, un drama individual como metáfora do desastre colectivo.
No texto existen dous tipos de narradores, un narrador-testemuña* formado polos veciños de Abades, que abren a novela coas súas palabras e que moitas veces son imperfectos pois engaden ao relato o producto da súa imaxinación, e un narrador omnisciente*, heterodiexético, que refire en terceira persoa os acontecementos e que ten maior presencia na segunda parte, ás veces dunha maneira excesiva na descrición dos feitos.
A acción transcorre en diferentes coordenadas espaciais e se na primeira parte se centraba principalmente en Abades, na segunda trasládase desde a aldea a un lugar abandonado, chamado A Touza. O escritor demostra a súa habelencia para forxar o ambiente e xunto aos detalles da presencia da vida animal e vexetal que poboa a serra, existe un elemento que cobra unha inusitada importancia, a calor. Como ben soubo ver a crítica, trátase dunha calor case personificada que nos remite ás sensacións asfixiantes do sol en L’Étranger de Albert Camus, aínda que este é un elemento recorrente pois Tarrío xa observara o seu protagonismo na novela A ceo aberto (1981) .
O tempo intradiexético recolle a penas cinco días, desde o a mañá do 13 de agosto ata a tarde do día 17, que Salgado cre que é unha coincidencia premeditada coa data na que Alexandre Bóveda foi asasinado na Caeira. Desde o primeiro momento, o autor fai uso da técnica de flash back*, pois a información sobre os feitos vai serlle subministrada ao narrador omnisciente polos veciños de Abades, con bastante posterioridade ás datas en que aconteceron.
A caracterización dos personaxes non se corresponde co seu protagonismo na historia. Existen dous personaxes secundarios perfectamente singularizados, un deles, o crego don Xenaro, é o único que posúe unha ideoloxía definida dentro da novela e discute iradamente con Gregorio por cuestións políticas na defensa dos seus intereses. O outro, o taberneiro Lázaro, está medianamente deseñado polo autor e chega a se expresar de maneira contradictoria, é un individuo con fondura sicolóxica, que Salgado compara co Celidonio que aparece en O porco de pé de Vicente Risco. Os demais son como pezas postas nos lugares oportunos para que todo encaixe. Así, Sara, a verdadeira víctima do pesadelo de tortura, posúe unha imaxe sobexo estereotipada. O grupello de falanxistas carece de ideoloxía e dun perfil certeiro, agás o seu xefe Manuel “O Garabís” e o seu inimigo, o mestre Gregorio, que nas primeiras páxinas foron obxecto de senllos retratos cheos de topicidade, nos seus respectivos papeis de personificación do mal e do ben.
Agosto do 36 recupera, aínda que sexa superficialmente, o tema da guerra civil en Galicia, un contexto histórico que ten como primeira mostra a novela de Ramón de Valenzuela Non agardei por ninguén (Buenos Aires, 1957) e que logo visitaron Silvio Santiago, novamente Valenzuela, Antón Alonso Ríos, Aníbal Otero con Esmoriz (unha novela escrita no 1936, segundo Alonso Montero), Casares, Fernández Naval, Manuel Guede e Francisco Fernández del Riego, entre outros, como recorda Xosé Manuel Salgado en A trabe de ouro, e aos que habería que engadir o nome de Carvalho Calero con Scórpio.
BIBLIOGRAFÍA:
Vid. AT
Alonso, F., “Son un afiador que escribe” (entrevista), “Galicia Literaria”, suplemento de Diario 16 de Galicia, 11 de xaneiro, 1992.
Gaspar, S., “Agosto do 36, un western de sangue e morte”, La Voz de Galicia, 2 de xaneiro, 1992.
González Gómez, X., “Crónica dunha vinganza. Agosto do 36, de Fernández Ferreiro”, A Nosa Terra, 505, 16 de xaneiro, 1992.
Salgado, X. M., “O compromiso de Xosé Fernández Ferreiro. Agosto do 36”, A trabe de ouro, 12, 1992.
Agostodo36

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Narrativa, Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Que a Terra che sexa leve, Xosé Fernández Ferreiro, afiador das palabras

  1. Pingback: Xosé Fernández Ferreiro, tributo a un bidueiro das letras | Letra en Obras

Os comentarios están pechados.