Proxecto de recuperación documental e fotográfica da Emigración Galega, que está a desenvolver o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega

ArquivoEmigración
Teño o pracer de me facer eco nesta bitácora dun proxecto que coñecín ao abrir hoxe a caixa de correo e que me pareceu excelente e digno de divulgar ao máximo. Trátase dunha iniciativa lanzada polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, baixo o rótulon Proxecto de recuperación documental e fotográfica da Emigración Galega. Velaquí a mensaxe recibida e a chamada á colaboración:
Queremos presentarlle o Proxecto de recuperación documental e fotográfica da Emigración Galega, que está a desenvolver o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso poñemos en marcha unha campaña de recollida de fotografías e documentos particulares que moitos emigrantes e familiares conservan nos seus fogares, como testemuña das súas vivencias no país de destino
(http://consellodacultura.org/aeg/paxinaarq.php?id=3528)
Ao mesmo tempo pedímoslle a súa valiosa colaboración. Co claro obxectivo de constituír unha plataforma permanente e dinámica para avanzar no coñecemento dos movementos migratorios, xorde esta iniciativa “activa e urxente” de recuperar o legado documental como pegada importante dos emigrantes galegos.
Poñemos algúns exemplos dos documentos e fotografías que adoitan achegarnos os cidadáns que colaboran con nós:
Imaxes que recrean a partida: fotografías da saída ou embarque, durante a viaxe (no barco, avión ou tren).
Documentos oficiais: pasaportes, cartilla de emigrante, carteira de identidade de inmigrante, licenzas para emigrar, tarxetas de embarque, carnets de identidade ou cédulas do país de acollida, expedientes de matrimonio por poderes, carnet de socio dalgunha entidade galega ou española, etc.
Documentos que reflictan a traxectoria laboral dos emigrantes: fotos do emigrante no seu lugar de traballo (p.e. co uniforme de traballo, etc.), contratos laborais, tarxetas publicitarias do seu propio negocio, anuncio publicitario do mesmo nalgún xornal, documentos da actividade sindical en caso de habela (boletíns informativos, circulares, etc.)
Pontes de ida e volta: cartas entre os emigrantes e os seus familiares e/ou amigos, postales, etc.
Vida cotiá no país de emigración:
O novo fogar: fotografías da súa chegada, dos primeiros anos (nos distintos lugares de aloxamento: pensión, apartamento, casa, hotel, albergue, barracón, outros (casas de familiares, amigos ou empregadores…).
Tempo de lecer: visitas aos paisanos, festas familiares como bautizos, comunións, vodas ou cumpreanos de amigos; viaxes, reunións nos centros galegos ou noutros centros nos que pasaban o seu tempo libre, etc.
Semente de novas xeracións: fotos cos seus fillos no país receptor, por exemplo: en festas escolares (actos de graduacións nos colexios, obras teatrais, entroidos, bailes, competicións deportivas, boletín de notas, etc.), visitas feitas á terra cos fillos, etc.
O retorno: Fotografías tras o retorno á terra, o novo camiño da integración a través do establecemento de novos negocios, etc., representan unha documentación de moito interese.
Somos conscientes do coidado necesario na forma de recoller as fotos e documentos dos nosos protagonistas e colaboradores do proxecto. Para participar no mesmo non é necesario facer doazón de fotos ou documentos orixinais, aínda que sería un aporte de sumo valor. No Arquivo encargámonos de dixitalizar ditas fotografías ou documentos persoais, devolvemos os orixinais, e ademais entregamos unha copia en CD como agasallo en sinal de agradecemento. Tamén se pode enviar dita  aportación particular a través do enderezo electrónico do Arquivo da Emigración Galega: aemigracion@consellodacultura.gal
Para saber outras formas de facer a doazón pode consultarse o seguinte enlace (xuntamos tamén o folleto informativo a esta mensaxe), onde se explica cada paso a seguir:
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/campana_fotos.pdf
Agradecemos enormemente a súa participación e difusión deste Proxecto, esperando que resulte do seu interese. Por favor, se ten algunha pregunta non dubide en poñerse en contacto connosco. Estaremos pendentes de calquera suxerencia pola súa parte.
Reciba un saúdo moi cordial,
Carolina García Borrazás
Consello da Cultura GalegaArquivo da Emigración Galega

Esta entrada foi publicada en Documental, Epistolarios, Fotografía, Historia, Tradicións. Garda a ligazón permanente.