Presos da Costa da Morte entre os fugados do «Fuerte de Ezkaba» en 1938

FuertedeEzkaba01
FuertedeEzkaba02
(Portada do libro e plano da fuga tirado do sitio Los fugados de Ezkaba, 1938. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
(Unha versión deste artigo foi publicada no diario dixital Que pasa na Costa -premer nesta ligazón– a quen agradecemos a divulgación na persoa do seu director, Ubaldo Cerqueiro)
Diversas asociacións e entidades, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, organizaron en varias localidades galegas a presentación do libro Los fugados del Fuerte de Ezkaba (Editorial Pamiela) de Fermín Ezkieta Yaben.
O volume achega nova información ao relato histórico dun episodio acontecido durante a guerra civil e pouco coñecido, a fuga ou fuxida de 795 presos do Fuerte de San Cristóbal ou tamén Fuerte de Ezkaba, que identifica o penal polo nome do monte onde se ubica e fronte á ermida dedicada ao devandito santo. A prisión estaba nun outeiro próximo a Iruña / Pamplona e coa fronteira pirenaica coas primeiras localidades vasco francesas de menos de 50 quilómetros.
O 22 de maio de 1938 principiou no Fuerte de Ezkaba / San Cristobal a fuga carceraria coñecida máis numerosa das que se teñen documentado en toda Europa. Como se di na contracapa do libro de Fermín Ezkieta, e traduzo: «ocupou no seu momento as portadas da prensa republicana e internacional, antes de caer no esquecemento e na interesada ocultación dos vencedores.
Tres fugados, entre 795, acadaron chegar á fronteira».
De feito, a evasión suscitou máis recensións no New York Times dese mes de maio de 1938 que na prensa local durante corenta anos de censura.
Como era de agardar nos días seguintes desenvolveuse unha persecución que as máis das veces se converteu en caza. Dos 795 fugados documentados, pois os números non son definitivos polas intricadas dificultades da investigación, a represión deixou 206 mortos que foron soterrados en varias localidades navarras situadas entre o forte e a fronteira e dos capturados 14 máis (entre eles o galego Antonio Valladares) serían fusilados como dirixentes da fuga no mes de setembro.
A día de hoxe tamén se contabilizan outros 46 capturados que morrerían no forte polas duras condicións de habitabilidade dende esa data e até 1943. E tan só lograron cruzar a fronteira tres fugados, cuxas vidas se biografían no libro (o berciano Jovino Fernández González, o salmantino Valentín Lorenzo Bajo e o segoviano José Marinero Sanz).
Entre os fugados están documentados até agora 183 galegos, dos cales 54 foron tamén abatidos na cazaría posterior, e entre eles varios da Costa da Morte que correron unha sorte dispar, tal e como se testemuña no sitio web, co que o autor do libro e outros investigadores completan a información: http://www.losfugadosdeezkaba1938.com/
Do documento en anexo «Presos fugados» extractei as fichas relativas aos presos naturais da Costa da Morte ou proximidades. A relación indica por esta orde os seguintes datos: Número; Apelidos e Nome; Natural de (neste apartado a toponimia galega aparece moitas veces deturpada); Idade; Data de baixa no Rexistro de Ezkaba; Observacións sobre o seu destino; Rexistro de Defunción e Cemiterio e finalmente Data e lugar da súa captura ou da súa morte. Porén, para unha lectura máis doada xuntei os presos por concello e redactei a información que ofrece cada ficha.
Muxía
(1201) Antonio Blanco Castro. 28 anos. Data de baixa: 26 outubro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba. Na fuga foi capturado o día 23 de maio de 1938 polos requetés.
(1202) Manuel Barrientos (Non consta 2º apelido). 20 anos. Data de baixa: 22 Maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
Coristanco
(1204) Manuel Pombo (Non consta 2º apelido). 20 anos. Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
A Ponte do Porto (Camariñas)
(1209) Pacífico Campa Santos. 26 anos. Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
(1210) Gumersindo Lema Barbeira. 26 anos. Data de baixa: 11 novembro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba. Na fuga foi capturado o día 23 de maio de 1938 no monte Ezkaba.
Muros
(1257) César Formoso Figueroa. 41 anos. Data de baixa: 26 outubro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba. Na fuga foi capturado o día 23 de maio de 1938 por Tenente de carabineiros e requetés en Olabe.
Corme (Ponteceso)
(1304) José Caamaño Lema. 37 anos. Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
Cee
(1309) Vicente Mejuto Leis. 24 anos. Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
E xa vai sendo hora de que todos os seus concellos respectivos asuman a obriga que teñen de honrar e lembrar a estas persoas, para cumpriren coa Lei da Memoria Histórica, como o fan as asociacións e entidades ou como o fan investigadores como o propio autor do libro, Fermín Ezkieta Yaben, quen ademais fai doazón dos ingresos correspondentes aos dereitos de autor á exhumación dos corpos dalgúns dos fugados localizados na investigación aínda non pechada.
(Exterior e interiores da prisión. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
FuertedeEzkaba03
FuertedeEzkaba04

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Ensaio, Historia, Política. Garda a ligazón permanente.