Presenza no novo catálogo de Biblosclube



Nesta bitácora xa se falou de Biblos Clube de Lectura, unha iniciativa de promoción e venda por catálogo ou na rede da literatura galega e portuguesa e da música e do cinema de nós que xurdiu da man de Carmela González, como directora, e do escritor Tucho Calvo, como director literario.
Desta volta publican o nº 55 (ano X) da súa Revista Galega de Información Literaria (velaquí en pdf). Neste novo número que corresponde ao bimestre marzo-abril do 2012 dan conta das últimas novidades e entre elas figuran dous libros con presenza da miña obra: o conto para primeiros/as lectores/as Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2011), que ilustrou Ana Santiso e unha antoloxía que preparou Gonzalo Vázquez sobre os poetas que cantamos ás urbes e que se intitula A cidade na poesía galega do século XXI (Toxosoutos, 2011).
Na rede e acrecentadas no catálogo en papel levan as seguintes entradiñas, das que omito as características técnicas e o prezo:
«A historia acontece nunha charca onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar. Porén, o sapo corredor, o fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder». (rede)
«A historia acontece nunha charca na fin da terra onde ras, sapos e píntegas pasan o día a xogar coma trasnos rebuldeiros. Porén, o sapo corredor ou corriqueiro, o máis fachendoso e presumido, e o sapo cunqueiro, o máis vaidoso, teñen moi mal perder. O conto é unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e os abusos do poder e, por suposto, procura ensinanza e ten final feliz. Con ilustracións de Ana Santiso». (papel)
«A cidade, que noutras literaturas ten unha fonda tradición poética, foi moi marxinal na literatura galega ata a segunda metade do século XX. Desde a pétrea Compostela ata a Vigo proletaria, desde a heterenomía da Berlín de María Lado ata as cidades da Coruña». (rede)
«A cidade, que noutras literaturas ten unha fonda tradición poética, foi moi marxinal na literatura galega ata a segunda metade do século XX. Desde a pétrea Compostela ata a Vigo proletaria, desde a heterenomía da Berlín de María Lado ata as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, desde a interioridade de Aleixandre ata a polifonía anónima de Cortegoso, este libro é unha viaxe polo corazón da cidade, polo pensamento de paseantes diferentes e visitantes que se afastan. Inclúe textos de 63 poetas». (papel, que relaciona tamén a nónima dos 63 poetas antologados).

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Infantil, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.