Presentan«Bretemada» como un «enorme poema épico de Galicia» (crónica en La Voz de Galicia)


(Rivadulla Corcón, Miro Villar, Olivia Rodríguez e Alvarellos presentaron o libro «Bretemada». Fotografía de Óscar París, La Voz de Galicia)
Hoxe nas páxinas de cultura do xornal coruñés La Voz de Galicia.
Presentan «Bretemada» como un «enorme poema épico de Galicia»
Alvarellos salientou a importancia desta obra inédita de López Abente

RODRI GARCÍA
A Coruña / la voz 21 de xaneiro de 2012
A noite era de brétema e orballo. No salón de actos da Real Academia Galega ía entrando xente. «Vimos da Costa da Morte, de Santiago e da Coruña para celebrar un acto necesario, de xustiza». Isto dicía onte Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente. Era a presentación do poemario inédito Bretemada, do autor de Muxía, un texto que estivo esquecido moitos anos, precisamente na sede da RAG, ata que foi descuberto por Enrique Vasques Sousa, tal e como lembraba Miro Villar.
«O cerne deste libro é a reivindicación da normalización deste país», apuntaba Corcón, despois de lembrar que fora escrito entre 1917 e 1922. Tamén afirmou que aínda que Gonzalo López Abente morreu en 1963 «permanece vivo na memoria e na vida de moita xente de Muxía». Mesmo había na sala «xente que o tratou», apuntou Corcón, que tamén lembrou a creación hai un ano da fundación que leva o nome do poeta e «o acaído limiar que para esta edición fixo Méndez Ferrín».
Olivia Rodríguez, que dirixe a colección Rescate, na que está publicado Bretemada, salientou que López Abente «amosouse como habelencioso versificador». Asegurou así mesmo que foi «un perfecto sonetista» e que este texto de cen versos é «un enorme poema épico de Galicia». Neste senso, lembrou a Vicente Risco, defensor, xunto con Murguía, da necesidade de que Galicia contase cun gran poema épico «como podía ser Os Eoas»; este último «non se sabía que estaba acabado ata que o descubriu, tamén aquí na Academia, o profesor Manuel Ferreiro». Olivia Rodríguez salientou «a enorme riqueza dos fondos da Academia» e animou aos seus responsables a coeditalos.
Para Henrique Alvarellos, o editor deste libro, «ter un inédito de López Abente foi todo un agasallo, unha obra que sublima a colección Rescate, da que fai o número quince».
Alvarellos lembrou unhas palabras de Ferrín dicindo que Bretemada era «como unha ópera estática de Wagner», algo que Olivia mencionara tamén como o «ambiente wagneriano de Gonzalo López Abente».
Miro Villar defendeu a investigación literaria que facía posible a presentación «deste documento transformado en libro».
«Ter un inédito de López Abente foi un agasallo, é unha obra que sublima a colección Rescate» Henrique Alvarellos

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.