Presentación en Compostela de tres libros da colección de poesía erótica Caldeirón


A asociación cultural Caldeirón de Malpica de Bergantiños, cuxo presidente é o poeta amigo Paco de Tano e cuxo secretario é o tamén poeta amigo Paco Souto, está a facer un labor literario ben interesante que ten os seus fitos máis sobranceiros na convocatoria do Certame de poesía erótica Illas Sisargas e na publicación dos libros gañadores nunha sinxela e fermosa colección que xa chegou ao número dez con Amantes, de María Lado.
Nas últimas semanas están a desenvolver unha xeira de presentacións dos libros de Caldeirón que mañá venres chega a Compostela. Na libraría Couceiro, ás oito da tarde, terá lugar o recital-presentación de rúa da cancela coa presenza de Eduardo Estévez (un dos seus autores xunto a Eli Ríos); Arredor do teu corpo, de Antonio García Teijeiro e Xoguetes Póstumos, de Emma Pedreira.
Para abrir apetitos, poéticos, claro está, velaquí un poema dos primeiros:
agardar
tecer dous días
antes da cita
e agardar
ter tempo
para deducir espazos
perfumes
sentar diante
da tele apagada
deixar que
o corpo
se impregne deses
veos
facer fotografías
imaxinarias
ordenalas nunha
secuencia morna
observar
as partículas de
suor
que nacen da pel
cando comece a
película
Eduardo Estévez / Eli Ríos

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.