Presentación do monográfico «Celso Emilio fai 100 anos»


(O cartel é obra do artista e poeta Baldo Ramos, autor da cuberta e das ilustracións do monográfico conmemorativo do centenario de CEF. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Na noitiña do pasado xoves 26 de xaneiro estivemos máis unha vez na Libraría Couceiro para asistirmos á presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos, que editou a asociación Arraianos que preside Aser Álvarez. Trátase dunha reedición acrecentada do número 6 da revista da propia asociación editado en agosto do ano 2006. A publicación xunta unha vintena de traballos de diversa índole que pescudan na biografía e na obra do poeta de Celanova. Entre eles, tanto na edición da revista en 2006 coma agora no monográfico figura un artigo da miña autoría intitulado «Celanova e o paraíso perdido da infancia» (páxinas 13 a 17). Esta contribución, que non citei ao falar aquí dos meus traballos sobre Celso Emilio, está baseada nun dos capítulos daquela guía Unha lectura de O soño sulagado [Vigo: Xerais, 1998. ISBN 84-8302-226-5], de cuxo malfado xa teño falado abondo nesta bitácora, xa que incluso non aparece en ningún dos diferentes catálogos de Xerais, a editora que me encomendara aquel estudo literario.
O acto de presentación de Celso Emilio fai 100 anos contou coas palabras do propio Aser Álavarez e do crítico Armando Requeixo e pechouse coa actuación poético musical do grupo Labregos do tempo dos sputniks, unha formación que colle o seu nome dun verso de Longa noite de pedra de Celso Emilio e que está composta por García MC, O Leo e Silverio Outeiro. Un CD do grupo tamén acompaña esta publicación que saudamos. E velaquí un video do seu labor na presentación realizada días antes en Celanova, pois a intervención que escoitamos na compostelá Libraría Couceiro foi moi semellante a esta.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.