Presentación do libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente (mércores, 25 de febreiro, ás 20,00 h. Na Libraría Couceiro)

Osdíascondenados LaureanoXAraujoCardalda
A Fundación Gonzalo López Abente, a Libraría Couceiro e Edicións Xerais de Galicia organizan este mércores, 25 de febreiro, ás 20,00 horas na devandita libraría a presentación do libro Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, da autoría de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, que no seu día resultara gañador do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que convocan cada ano a propia Fundación Gonzalo López Abente e a Secretaria Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
No decurso do acto participarán María Arce (poeta e filóloga), Clara Pino (cantante e arpista), o escritor X. H. Rivadulla Corcón (en representación da Fundación Gonzalo López Abente) e o editor Manuel Bragado (en representación das Edicións Xerais), así como o autor Laureano Xoaquín Araujo Cardalda.
Os días condenados. Fragmentos para un devocionario é o primeiro libro de poemas de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda (Berna, Suíza, 1964) quen é profesor de Alemán no ensino secundario en Santiago de Compostela e goza dun recoñecido prestixio como tradutor de grande obras da literatura xermánica contemporánea, como Opinións dun pallaso de Heinrich Böll (Tambre, 1994); A lenda do santo bebedor, de Joseph Roth (Sotelo Blanco, 1995) e A morte en Venecia de Thomas Mann (Tambre, 1995).
Alén de acudir á presentación, para un mellor coñecemento da obra e do autor recomendo dúas entrevistas que lle fixeron: a primeira, realizada pola poeta e xornalista Xiana Arias emitiuse no Diario Cultural da Radio Galega hai un mes e a segunda fíxolla o xornalista Ángel Palmou para o xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo no mes de xullo pasado. E na canle youtube podemos ollar un booktrailer. (Premer nas ligazóns e nesta imaxe do cartón de convite para agrandar o tamaño)
Osdíascondenados1

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.